Marcadores: Cotidiano
Pasada esa densa introducción sorprende novamente a amenidade coa que se le o resto. A segunda parte formula unha análise da sociedade contemporánea, focalizándoa na particular percepción da realidade que ten o ser humano atrapado na cultura da imaxe e a estética e abocado a un consumismo feroz. As análises de aspectos concretos son brillantes, e até certo punto, orixinais. Como a idea dunha sociedade do espectáculo con capacidade para atinxir ao suxeito até o ponto de provocarlle mudanzas físicas, ou como o engado da cultura da imaxe nos mantén afastados, por fascinación onírica ou por hiperrealismo, da realidade e dunha análise concreta e comprometida dela.
Como elemento secundario destaca a necesaria visión de que a posmodernidade non é unha ideoloxía nen un modo de vida senón, como moito, unha ideoloxía e un modo de vida impostos, para os que hai alternativas de loita. Entender que a posmodernidade é algo que nos acontece, que nos formula problemas, algo que debemos coñecer e aproveitar para poder presentar batalla. E entender que eses problemas son os de sempre, as novas formas do capitalismo, as sociedades de consumo, a desorientación informativa, ou a cultura da estética salvaxe.
A última parte formula solucións posíbeis, unha sorte de resistencia que nos redirixe (disto gostei moito) ao territorio da creación artística. Repasando unha serie de correntes de acción artística vese como, fuxindo das diversas formas de postración ao capitalismo, e partindo dunha necesaria reconstrución da relación co obxecto artístico, existiría unha alternativa de dignidade consciente e activa ante esa nebulosa na que nos ten sumidos a sociedade postindustrial.
Recomendo encarecidamente este libro, e non son o único. Paréceme unha reflexión moi lúcida ante un problema que, partindo de que en moitas ocasións non é asumido como tal, ten provocado moitas outras reflexións de tipo evasivo ou neonihilista. Ao contrario dos que parecen proclamar "non sabemos o que queremos", aquí eu vexo máis o complemento necesario a esa oración: "non sabemos o que queremos, pero sabemos que non é isto".
Marcadores: Filosofía, Literatura, Posmodernidade
Xa na universidade coñecín profesores que tentaban ocultar a súa condición de galegofalantes e daban as aulas nun español que, como moito, parecía falado con sotaque catalán. Claro que un se decataba de que non eran cataláns cando se lles escapaba algún uso acastrapado como "de aquella" ou "estuvistes". Como dicíamos algúns dos seus alumnos: "podes esquecer a túa lingua, pero a túa lingua nunca se esquece de ti", e da túa lingua as vogais abertas e as fechadas menos que ningún outro rasgo, esas teñen unha memoria da hostia. Tamén lembro o caso dun profesor que, sempre que había unha intervención na aula en galego, mandaba calar á persoa cun xesto de desagrado. Non lle impedía o uso da lingua explícitamente, sinxelamente deslexitimábaa para falar, como se estivese dicindo unha parvada. Se volvías dicir o mesmo en español si eras escoitado.
Non sei que réxime legal ten a cooficialidade na Universidade, pero si que as dúas linguas non son empregadas equitativamente. A miña experiencia dá para calcular que algo menos do 20% das aulas se dan en galego. A isto súmase o feito de que moita xente sae sen a formación necesaria para enfrontarse á realidade. Xa non é o primeiro caso de médicos recén licenciados de boca aberta ante unha señora que di que lle doen os nocelos. Se un avogado ten que redactar unha lei para o parlamento galego, o máis probábel será que faga un texto confuso e inzado de estranxeirismos, se cadra pervirtindo o sentido do que pretendía dicir. Iso si, na Universidade toda a documentación e as comunicacións están en galego, se cadra por reservarlle ese uso ritual que tiña o latín na Igrexa antes da reforma.
Na Galiza, como no resto do Estado, o ordenamento xurídico permitiu a creación de planos de normalización e dun corpus legal que lle dese respaldo. O problema foi administrativo, xa que toda esa lexislación ficou nun caixón do que só se sacaba para amosarlla aos de fóra. Non se puxeron medios nen interese para que fose efectiva. Aver se agora con estes grupos que esixen a aplicación estricta das leis para a defensa dos hispanofalantes alguén repara na necesidade de atender ao que realmente din e comezan a aplicarse de verdade. É de xustiza que a que é a lingua maioritaria do país poida coñecer, polo menos, un uso normal.
Ben, desfrutemos do carnaval, carnaval, que este ano se adiantou un tanto.
Legião Urbana – Qué Pais É Este? (1987): A madurez de Legião Urbana, igual de contestatario que o debut, pero algo menos punk. Os oitenta deberon ser terríbeis en todas partes excepto no país de Renato Russo, alí estaba el e a súa lexión para plantarlles cara. Un tesouro a descubrir. Sempre me preguntarei porque a música galega non mirou nunca para o rock brasileiro como referencia ou fonte de inspiración. “Geração Coca-Cola” puido ser o himno de tres xeracións galegas seguidas (“mas agora chegou nossa vez, vamos cuspir de novo o lixo em cima de vocês”).
Los Enemigos – La cuenta atrás (1991): Teño escoitado moitas veces que a música de Los Enemigos non ten interese, porén, aínda que tal cousa fose certa, ninguén pode negar que se convertiron, por mérito propio, en toda unha referencia xeracional, e que as súas letras recolleron o sentir dunha mocidade tirada no medio da nada e abocada á un futuro sen esperanza. E mesmo así animábannos. Quérolle moito a “Septiembre” que non está aquí, pero si están “Brindis” (cantas lembranzas, señor Rick), “La otra orilla”, “Quillo” e por susposto, “La cuenta atrás”, que teño sentido moi miñas.
Silvio Rodríguez – Silvio (1992): Aínda que só fose porque ten unha canción que se titula igual (e que se rumorea que está adicada ao cantautor cubano), ou porque Silvio lle adicou outra, Dylan debera escoitar este disco. A volta de Silvio ás gravacións acústicas, despois dunha década mareándonos con orquestración caribeña (os oitenta foron realmente maus para todos).
Negu Gorriak – Borreroak Baditu Milaka Aurpegi (1993): Sinxelamente magnífico, seica foi o mellor disco do ano para Rockdelux, e eu creo que o da década no Estado español. O mau é que Dylan non había de entender nada, e menos as letras.
Os Diplomáticos de Monte-Alto – Capetón (1999): Hai dos pontos cumio na carreira dos Diplomáticos, “Avante Toda” e “Capetón”. O primeiro ten fitos enormes para a música galega, como “Gaiteiro”, pero o segundo é sinxelamente redondo, e ademais, ten algo estraño naquilo que foi o rock bravú: unidade temática e un discurso propio. Primeiro o orgullo!!!
Andrés Calamaro – Honestidad Brutal (1999): Vale, xa sei o que (case) todo o mundo pensa de Calamaro e non lles falta razón, a min tampouco me cae ben. Porén hai que recoñecer que entre o brillante e discreto Abuelo de la Nada e o cantante de boleros, entre ser membro dunha banda e adicarlle cinco discos ao seu ego, entre escribir cancións contra a guerra das Malvinas e facer as letras máis chorras do mundo, entre ser o enfant terrible das discográficas a venderse nos festivais pop do verán, houbo un ponto intermedio e brillante que foi este duplo cd. Xa a primeira canción fai unha pregunta profética: “Quen escribirá a historia do que puido ser?”. Por certo, creo que este disco si que o ten, ou o tivo, Dylan, Calamaro regaloullo cando lle fixo de teloneiro hai uns anos. Non creo que o escoitara.
Anari – Habiak (2000): Íntimo, fermosísimo e cun ton lixeiramente desgarrado. A música de Anari é especial, aínda sen saber euskera pon os pelos de punta e parece transmitir todo o lirismo dunhas letras magníficas. Tamén gostei moito de “Zebra”, o disco que sacou en 2005 e que Arsenio me trouxo de Euskal Herria este verán (déboche unha, rapaz).
Caetano Veloso – Noites do Norte (2000): Nunca serei obxectivo con Caetano, quéroo demasiado e gosto demasiado del. Este disco é unha escolla forzada, podería escoller “Estrangeiro” ou “Livro”, ou calquera outro, pero as letras, a temática (a negritude) e esa versión do “Zumbi” de Jorge Ben inclinan a balanza. Os concertos da xira deste disco foron para min o cumio (momentáneo) da súa carreira, non deixedes de escoitalos.
Marful – Marful (2005): Un cansa de tanto folc nacional, pero por fortuna hai xente como Ugia Pedreira que sabe moverse dunha banda a outra mantendo o talento intacto. Marful recupera toda unha tradición esquecida para música galega: a das bandas, as charangas e as salas de baile. Se fose posíbel facer un jazz galego con autenticidade e sen prexuizos Marful sería o punto de partida. Pero Marful non se conforma con iso nen se durme nos loureiros ou nas ideas fáciles, as letras son de enorme calidade e agariman o compromiso político (“como fazer a perfeita revoluçom?”). Se Charlie Haden soubese galego tocaría con eles. O pobre Dylan non sabe o que perde.
Ataque Escampe – Concerto no Café Uf de Vigo (2006): Unha excepción na lista, un disco que é en directo, que non está editado e do que debe haber tres ou catro copias. Rock de serie B con violíns dylanianos ao hurricane, un cazú ao Miles Davis e letras dos arrabaldos urbano-rurais da Galiza. Se algún día Josele de Los Enemigos queda para tomar unhas cañas con Neil Young será nun concerto de Ataque Escampe. Non direi que son a hostia, son os meus amigos. Ou que carallo, son os meus amigos, e son a hostia.
Ben, e fóra da lista, inclasificábel coma sempre, O Leo i Arremecaghoná, un autor que Dylan nunca entendería, nen falta que lle fai (a Leo). Non perdades a oportunidade de descargar o disco.
As fotos destes dous posts son de 1975 e tireinas de aquí (hai moitas máis para os máis dylanianos). A primeira é con Allen Ginsberg, e un non sabe como cabe tanta xenialidade nunha soa fotografía. A señora que sae na segunda (a que non é Joan Baez) é a señora Zimmerman, é dicir, a mamá do raparigo
Marcadores: Música
Ben, como eu xa fixera a miña lista contestataria vouna poñer igual, se Dylan pasa por aquí ao mellor repara nun par de cousas que debera ter escoitado, aínda en cd. Escollín discos editados a partir de 1986 e tentei deixar fóra os directos e, obviamente, os recopilatorios. É unha lista persoal, como todas, e ademais estaba pensada para Dylan, así que por unha razón ou por outra haberá ausencias lamentábeis. Dividina en dúas partes: a anglófona e a das músicas noutras linguas, as que Dylan, con toda certeza, non escoitou nunca. Hoxe vai a primeira:
Leonard Cohen – I’m Your Man (1988): Algo hai que recoñecer: os oitenta foron terríbeis para todos, até esta xoia de Cohen o acusa na produción. Menos mal que a voz e as letras son as de sempre. Amáchesme cando era un perdedor, pero agora preocúpache que poida gañar.
Neil Young + Crazy Horse – Ragged Glory (1990): Recoñezo que sempre me desbordou a inmensa discografía de Neil Young, así que non é unha escolla feita con moito convencemento, aínda que sempre gostei moito deste disco. Se o señor Daniel S. me dá a súa bendición dareime por contento.
Pearl Jam – No Code (1993): Se cadra o disco máis coñecido deles, aínda que haxa outros máis experimentais e interesantes. Podería poñer o Nevermind de Nirvana que, gostemos ou non, marcou unha época, pero teño unha devoción inusual pola voz de Eddie Vedder. Ademais, a Pearl Jam téñoos asociados a Saúl, e iso de que un grupo che lembre os amigos sempre pesa.
Radiohead – Pablo Honey (1994): O primeiro deles, e para min, o máis auténtico e apaixonado. Se cadra o mellor disco en inglés da década. Unha base rock que non tardarían en refinar e as mesmas letras opacas e existencialistas de sempre.
Jeff Buckley – Grace (1994): Ou como revolucionar a escena indie con dous discos e medio e sen sequera pretendelo. Jeff Buckley morreunos con 30 anos, pero deixou esta obra mestra para deleite da Rapaza do Arco e para que eu o aprenda de memoria de tantas veces que mo ten posto.
The Wallflowers – Bringing Down The Horse (1996): Non sei se Dylan os escoitou algunha vez, pero debería, pois o seu fillo estaba entre eles. Un disco correcto, sen demasiados riscos nen grandes descobrementos pero que aínda hoxe se escoita con gosto.
Rolling Stones – Bridges to Babylon (1997): Está ben, non eran os mesmos e se cadra nunca volverán selo, pero facer un disco así con sesenta anos ten o seu mérito, xa quixeran moitos facelo con vinte.
Eric Clapton – Pilgrim (1998): Apesar de certas viraxes na carreira de Clapton hai suficientes mostras de que os grandes talentos non se esgotan nunca. Broken Hearted é outra das miñas debilidades.
Ben Harper & The Innocent Criminals – Burn To Shine (1999): Alguén definiuno como unha mestura entre Bob Dylan e Bob Marley. Eu agregaría que vocalmente tamén lle debe algo a Marvin Gaye. O resultado puido ser un monstro, pero por algunha razón saiu Ben. Este disco non é nada comparado co directo que fixeron un ano despois.
Johnny Cash – American III, Solitary Man (2000): Se cadra o mellor da serie American Recordings, e ademais ten o inesperado mérito de reconcilialo a un con One de U2, que aquí parece unha canción infinitamente mellor que a orixinal.
Marcadores: Música
O outro libro que lin del foi “Confesións dunha máscara”, o que fora a súa opera prima, suficientemente crúo, e moito máis se pensamos que o presentou aos vintetrés anos como “a súa primeira biografía” e que todo aquilo que se conta ten un pretendido pouso real. As confesións da máscara son o descubrimento da propia homosexualidade, unha tendencia que no caso do autor é vivida nun contexto persoal protagonizado por fantasías de violencia e sadismo homicida. Para un home que recoñece que a súa primeira masturbación foi ollando as chagas sangrantes dun San Sebastián a vida debe semellar un xoguete perverso. E con ese xoguete perverso Mishima xogou desorientado e confuso, pero se cadra non de todo mal, polo menos no que a literatura se refire.
Nunha análise occidental recoñeceríamos ao autor xaponés nunha corrente próxima ao fascismo. Amante do militarismo, co culto ao corpo (ollade a foto) como constante, Mishima chegou a liderar un grupo paramilitar (“a sociedade dos escudos”), que parecía ter menos de político que de secta persoal. Con ese grupo, despois do fracaso dunha estraña acción que parecía pretender unha sublevación militar, Mishima leva a cabo o seu suicidio ritual (o harakiri), abríndose o ventre diante das cámaras de televisión xaponesas.
Teño lido que se suicidou como protesta pola occidentalización do Xapón de posguerra, e que deixou escrito un alegato fascista saudoso do pasado imperial nipón. Porén, iso son simplificacións e intentos de racionalizar as pulsións de Mishima. En Mishima, todo era autenticidade, facer unha análise política do seu suicidio é poñelo a altura de provocadores baratos como Marinetti. Para o xaponés o suicidio foi “a forma máis sublime de masturbación”. O neno cansara de xogar.
Marcadores: Literatura, Sexualidade, Xapón
“Poeta” e “novelista” son dúas palabras das que renego, podo soportalas escritas, pero non na lingua oral, e moito menos no medio dunha conversa informal. Supoño que ambas abarcan dous extremos do imaxinario da xente dos que procuro fuxir até onde me é posíbel. Un “poeta” é un ser tocado polos deuses, medio extravagante, que está en contacto con forzas invisíbeis. Iso ou o típico pedante, máis pesado que un tixolo. Xa dixen que procuro fuxir todo o que podo dos dous pontos do imaxinario. Cos novelistas pasa algo semellante. Son tipos atormentados que habitan en áticos, malvivindo co pouco que gañan e embebedándose para escribir. Ou son Dan Brown, ou Danielle Steel, persoas que escriben mecanicamente sobre un monte de conceptos manidos.
A palabra “escritor” dá menos problemas, aínda que xeralmente está reservada para grandes figuras canonizadas. Mesmo así, a xente a duras penas podería definir o que é un escritor, ou como vive un escritor. Supoño que é un pouco como para min os axentes de bolsa, deben gañar un monte de cartos, pero non teño nen idea do que fan ou como cobran. Dos escritores tamén se pensa que gañan un monte de cartos, e eu, se crese, rezaría todos os días para que esa imaxe pública se faga realidade nalgún momento.
Unha das mellores cousas que fixo Manuel Rivas, hai unha chea de anos, foi definir o que, para el, é un escritor: “Un escritor é un escritor en canto escribe. Se non escribe, non é un escritor”. Do mesmo xeito que un labrador é un labrador en canto traballa a terra. Non como os médicos, os enxeñeiros ou os avogados. Que o siguen sendo toda a vida, mesmo cando non traballan e mesmo cando se xubilan.
Eu son máis de costa, parece unha parvada, pero son moito máis de costa que Manuel Rivas. Para min a comparación do escritor é co pescador. Na miña terra péscase de moitos xeitos, aínda que, o máis frecuente é dende terra. Hai xente que pesca dende os peiraos, pero cando es de costa aprendes axiña que iso é cousa de nenos, e queres que te leven a onde van as persoas maiores: aos cantís. Pescar dende o cantil é un traballo duro e arriscado que ofrece moi poucas recompensas. Unha delas é decatarte de que as pedras, moitas veces, teñen formas curiosas, e fan caras de persoas. Despois está o mar, os menceres, e os barcos que pasan ao lonxe, pitando con fortes sereas. Tamén hai pequenos prodixios como rochas que filtran o golpe das ondas e expulsan unha escuma tan fina que apenas se pode ver. No outro lado da balanza está o terríbel esforzo e o enorme risco que supón. A algúns pesqueiros só se pode ir baixando por cordas. Na miña terra os pescadores teñen relacións complexas, onde a competitividade se mestura cunha solidariedade incríbel. Todas estas cousas lémbranme moitísimo aos escritores, pero se cadra, o que para min máis definitivamente vincula as dúas actividades son as razóns para levalas a cabo. Detrás de todo o esforzo dos pescadores da costa só hai un enorme amor pola pesca, nen sequera polo peixe. Non é que non se poidan facer cartos, hai xente que en determinadas épocas do ano vende o peixe aos restaurantes e pode permitirse algún que outro capricho. Pero non pode vivir só diso, é un simple engadido, unha pequena recompensa material. Do mesmo xeito tamén o escritor confía nos cartos que algún premio lle pode ir dando, pero sabe que, polo xeral, non poderá vivir só de facer iso. Na miña terra ás persoas que poden vivir do que pescan non se lles chama pescadores, senón mariñeiros.
Na foto, pescadores da Costa Ártabra baixando a un pesqueiro en Ortegal, algún día farei unha novela con todas as historias que lles sei.
Marcadores: Creación, Literatura

Atallos baixando como feridas nos montes, até cociñas de casal,
erectas vellas traían provisións tributarias,
tubérculos con costra de terra, batatas Ioruba, taros enferruxados,
os seus fornos oraculares de pipas de barro, os seus ollos pedras grises.
Triscaban raíces en potas de barro, elas mesmas eran perfias contendo
os deuses que morrían no seu interior, imprecacións, menciñas,
cantos para a lúa en pleno voo, e a lúa chea minguando
nunha fouce, lían as fendas da palma da terra coma signos.
Raiñas de reinos interiores de Bahía a Cuba,
anicábanse, enguedelladas na súa estremecedora sesión de espiritismo
ligadas por cerimonias, por frases de esquecido Ioruba,
eu veño a elas coma un rei escuro, pero en defensa propia,
ras esfoladas e rebentadas no caldeiro da miña mente, a histeria
que roe baixo a pedra do meu craneo, peneirando o meu sentido
nas noites brancas que paso de fite no terror do teito.
Conservadoras de fetos, xa que non teño desexos de regresar
enrolado como unha gamba á cunca amniótica,
nen ás miñas raíces, ventre da terra, cos meus tubérculos arrincados
pola sinxela necesidade multiplicadora, se para manterte san
tes que destruír o seu escarnio con chancros, murchar a súa envexa,
entón faino, os benignos, mais eu non teño anceios por ser Señor
de Cawdor, ou o rei dunha illa. Só que coa néboa outoniza me deixedes
espertar de novo envolto polo vento mareiro da miña propia costa.
Derek Walcott, The Bounty, (A Abundancia)
Marcadores: Creación, Literatura, Tradución
Na illa de Santa Lucía fálanse, recoñecidamente, dous idiomas: o inglés e unha variante do francés que é descrita directamente como patois, un dialecto. Descoñezo se ademais existe algunha supervivencia de linguas indíxenas, ou o xeito no que esas dúas linguas maioritarias se interrelacionan entre si. O que parece claro é que o tema lingüístico chama especialmente a atención neste caso. O propio Derek Walcott fai unha escolla consciente entre as dúas linguas que coñece, e supoño que outra, máis inconsciente, entre un rexistro estándar europeu e as deformacións do crioulo. Derek Walcott escolle o inglés e escolle deformalo. Ben, deformalo, estiralo, facelo sofrer, facelo intelixíbel pero darlle ese "ton estraño" que ten o inglés caribeño, mesturalo con vocablos da zona, co propio patois ao que renuncia. Porén, non deixa de existir unha escolla pouco inocente, da que o autor santalucense chega a sentir remorsos. Nun poema de "The Bounty" fala precisamente diso: "escoito retroceder unha lingua, non escrita por ti, e as voces dos nenos lendo a túa obra nunha única lingua, cando tiñas ambas". Ese mesmo poema, remata cunha frase que parecería preciosa aos defensores do bilingüismo harmónico, pero que a min non deixa de parecerme unha va xustificación: "pero o meu amor a ambas é tan largo como grande o Atlántico".
Aquí a valoración que os señores do Nóbel deron á periferia tambaléase. Un escritor do medio de ningures e dun país semi-inexistente, pero que, a fin de contas, escribe nunha lingua "A", na lingua "A" do mundo. Cabe preguntarnos que acontecería se Derek Walcott escribise en patois, ou nunha lingua indíxena. Tamén cabe preguntarnos que sería de Wole Soyinka se lle dese por escribir o groxo da súa obra en lingua ioruba. O que de periférico poida haber en Derek Walcott é relativo, o feito de que se lle compare con Shakespeare é unha proba diso. Recoñécese, a periferia, pero só aquela que está máis próxima do centro, a que segue a someterse aos seus dictames. Recoñécese o herdo do patrón branco, non o da escrava violada. Walcott ascende á elite da literatura por dereito de sangue, ou por dereito de lingua, como bastardo dunha rica liñaxe enriquecida graciosamente polo exotismo doutras etnias.
Apesar de todo isto, Derek Walcott é un monstro. E non só no sentido metafórico, sempre hai algo fero e terríbel nos productos da mestizaxe. Pasándolle por alto levemente a súa escolla lingüística o certo é que a obra de Walcott é monumental e rica como un mato florecido, excesiva e inmensa como o barroco americano. A miña obra favorita é "The Bounty", "A Abundancia". Ás veces os escritores saben escoller ben os títulos.
A lenda di que os indíxenas mexicanos obrigados a construír catedrais escondían un ídolo azteca detrás de cada santo cristián. Do mesmo xeito os escravos africanos escondían un orixá detrás de cada oración aos santos impostos polos seus patróns. Eran estratexias de supervivencia cultural. Se Derek Walcott fose un tallador de santos a súa obra sería un San Xurxo, porque San Xurxo é o patrón dos ingleses e o que dá a cruz vermella da súa bandeira. Porén Walcott faría o San Xurxo para seguir adorando en secreto o dragón como un escravo pagán.
En próximos días tentarei traducir un dos meus poemas favoritos de "The Bounty" para poñelo no próximo post. Desexádeme sorte.
Marcadores: Literatura, Negritude
Marcadores: Cotidiano
PRESENTIMENTO E PAVOR NO PORTO DOS ESCRAVOS
Eras un punto feito por un cravo no mapa metálico
que aquel home levaba colgado ao pescozo.
Ningún museu che dará entradas tampouco a ti
porque a porta de non retorno proscribía as despedidas
e o sangue nunca se deu lavado e agora atormenta
a todas as outras raparigas e rapaces que quixen ser.
(Para saberme as veas de memoria ou ter cadencia ou sequera
vergoña por sérmonos parte de vós e non distinguir
as nosas mans do algodón os nosos fillos de aqueles outros fillos).
Din que prende só de movelo e falan sempre de piratas.
Algún día pasarei a pontiña para ver aos meus mortos
e que me ollen coas pupilas do revés
como se nunca tivese espanto do mar e o tifo.
(Din que hai unha princesa á venda).
Gorée.
Marcadores: Creación





















