Os labirintos da liberdade


Como xa sabe todo o mundo, a semana pasada a produtora Aardman Animation foi alertada por varios correos de que a asociación antigalega Galicia Bilingüe estaba empregando imaxes do seu filme Chicken Run, sen autorización e manipulando o sentido orixinal para difundir unha mensaxe política. Parece ser que a produtora interesouse pola cuestión e vai tomar cartas no asunto, cousa que politicamente me enche de gozo pero que, ao mesmo tempo, coloca interesantes cuestións sobre a problemática dos dereitos de autor. Non hai moito tempo, o cantante Macaco viviu unha situación similar ao ver unha das súas cancións na cuña electoral dunha impopular oganización política, contra a que tamén acabou por tomar medidas legais.

En ningún dos dous casos falamos de materiais acollidos a unha licenza creative commons, e por unha vez podemos dicir que por sorte, xa que de ser así non habería ningún tipo de posibilidade de resposta. Isto evidencia no dereito de autor e na propiedade intelectual unha característica que tiñamos practicamente esquecida, pero que está na orixe da súa creación como concepto xurídico: a defensa do creador. Sei que a expresión está desvirtuada polos últimos anos de demagoxia e acoso aos usuarios, pero por unha vez non se refire á defensa da carteira das sociedades de xestión, senón á posibilidade de que os autores poidan evitar a instrumentalización e manipulación do seu traballo para fins que detestan.

Por se fose pouco, tamén nestes días, o contorno do software libre vivu unha crúa polémica sobre a cláusula bolboreta. A cláusula bolboreta é unha iniciativa que permite complementar unha licencia de software cunha disposición que proibe explicitamente o seu uso para realizar crimes contra a humanidade. Algúns dos defensores do software libre alegan que iso supón unha limitación intolerábel é que as licenzas deberían ser completamente libres. Isto foi expresado desafortunadamente como "deberías ter o dereito de usar o software libre para practicar un xenocidio". É dicir, que o fabricante duha ferramenta non debería limitar o seu emprego, xa que este é responsabilidade do usuario.

A verdade é que, como digo, estas cuestións formulan sobre todo problemas aos que non consigo dar unha resposta axeitada. Por unha banda non deixo de pensar que o dereito de autor naceu, en boa parte, como un xeito de protexer aos creadores fronte aos abusos da industria capitalista. Por outra, ninguén pode obviar que nos últimos dez anos foi esa mesma industria quen manipulou o seu significado orixinal para ir contra os usuarios (mentres seguía explotando aos creadores). Encantoume descubrir que Bolboreta Curda empregara textos meus na súa acción poética na cidade de Lugo. Porén, non gostaría de ver un texto meu manipulado e descontextualizado como parte dun programa ou dunha campaña política racista, e seguramente trataría de reaxir ante iso pola vía legal.

No caso do software libre, entendo a necesidade de configuralo como unha ferramenta ao servizo libre dos usuarios, pero recoñezo que non e entusiasma a idea de que alguén leve a xestión dun campo de exterminio empregando Open Office, e que me entusiasmaría menos se eu fose un dos seus creadores.

Hai algo aproveitábel nos vellos conceptos de dereito de autor ou propiedade intelectual? Non estaremos tirando ao neno xunto coa auga sucia? Existe a posibilidade de reconfigurar eses conceptos e mantelos lonxe das poutas das sociedades de xestión, ou da industria? As respostas non son doadas.

Libro dixital e autoentrevistas


Copio a miña resposta á autoentrevista sobre o libro electrónico aberta iniciada por Tati Mancebo e Calidonia. Podedes ver todas as respostas (e mesmo engadir a vosa) aquí:


1.-Constituirá o libro electrónico unha parte importante do mercado editorial de aquí a dous anos?

Depende do que entendamos como “mercado”. É indubidábel que medrará cada vez máis, o que está por ver se alguén consegue compatibilizalo de forma intelixente cun modo de negocio rendíbel.

2.-Triunfarán os lectores de libros electrónicos como dispositívos habituais entre os lectores?

Sen dúbida, aínda que para iso é necesario un abaratamento dos dispositivos ou a creación dun estándar funcional e creo que aínda estamos lonxe dese momento.

3.-Triunfará un formato de arquivo sobre os demais?

Hoxe en día xa hai decenas deles, e sospeito que iso non mudará. De todos xeitos trátase de procurar un medio que poida ler a maior parte deles.

4.-Terá continuidade e expansión o modelo Kindle?

As redes fechadas son un camiño morto, seguramente non.

5.-Que melloras fornece o modelo de Google?

A posibilidade de acceso, aínda que ten moitas cousas mellorábeis. Os libros descatalogados, por exemplo, deberían estar sen limitacións. Tamén é problemático que unha fonte de acceso a cultura desta envergadura estea en mans dunha empresa privada.

6.-Cal é o lugar dos sistemas literarios dos países pequenos no mercado editorial do futuro próximo?

Por unha banda fomenta a intercomunicación e a divulgación do propio acervo. Por outra, coloca nunha posición complicada a actores, como as editoriais, que aínda cumpren unha función importante para os sistemas pequenos e non teñen unha posición económica tan consolidada como nos grandes.

7.-Cara a onde vai o mercado das traducións literarias?

Desconfío moito da posibilidade das traducións automáticas, aínda que o feito de que os tradutores teñan cada vez máis ferramentas facilitando o seu traballo só pode beneficiar aos sistemas literarios pequenos.

8.-Como che gustaría mercar libros?

Son un apaixonado do libro en formato físico e un lector insaciábel do formato dixital, así que sería un bo cliente de ambos formatos. Tamén agardo que o momento dixital mellore o traballo do mercado editorial e potencie as edicións coidadas e o libro como obxecto.

9.-Como che gustaría ler libros?

En calquera dos dous formatos, aínda que non serían intercambiábeis para todas as ocasións.

Foto tirada de aquí, licenza CC 2.0.

A tensión

A estratexia da tensión foi unha táctica empregada na fin dos anos sesenta pola extrema dereita italiana. A súa historia é difusa e poucas cousas poden afirmarse sen discusión, porén de toda aquela escuridade estaba clara a práctica de atentados masivos que despois eran reivindicados no nome de grupos comunistas. Con isto pretendíase afectar á opinión pública e frear o ascenso do PCI, naquela altura con moitas probabilidades de chegar ao poder.

Durante a chamada transición española a táctica evoluíu, ou mudou, pero pode dicirse que tamén foi aplicada. O obxectivo tendía máis a conseguir unha resposta dos sectores máis retrógrados do exército que frease o proceso de mudanza política e reinstaurase unha nova versión do franquismo. Dentro diso cometéronse numerosas agresións e asasinatos que tiñan como obxectivo os militantes de esquerda, probabelmente dentro dun plano xeral que buscaba que estes respondesen á agresión e desen aos militares a excusa perfecta para sacar os tanques á rúa.

Desgrazadamente, tantos anos despois, e non só non pasou de moda, senón que segue funcionando.

A foto (CC 2.0) foi roubada de aquí.

E falando de fuxidas e baffles

Sen chegar a coñecer á Resistencia, tiroteados nos campos de Baviera, ou capturados cando finxiamos un mal acento alemán. Non teremos un nome en clave, non pasaremos o canal a nado, non tomaremos as cidades, non nos abrazaremos cos galegos que escaparon, cando veñan abrir as portas de París.

Volvemos a marcar os días nunha parede, a seguir apalpándolle a pel á difusa tentación de seguir resistindo. Abriu os ollos e estaba de volta entre as catro paredes, de volta da grande evasión.

Genet e a limonada

Sorprendeume hai uns días a noticia (en boa medida de propaganda editorial) que un diario adicou a Jean Genet, en especial o xeito de configurar nela as dúas dimensións do artista, da súa primeira etapa como criminal que tentaba ser escritor e a segunda, de escritor que pretendía seguir sendo criminal. O traspaso dunha á outra foi algo traumático para o autor, e é especialmente conmovedor ese xeito no que explican o abatemento de Genet cando se decatou de que pasara a ser un "souvenir" da farándula literaria, un divertimento dunha sociedade que rematou por absorvelo e desactivar todo o valor da súa disidencia inicial.

O acontecido con Genet faime pensar unha vez máis nas construcións míticas que se realizan ao redor da figura dos escritores e que realmente acaban por non ter outra función que a de domesticalos e integralos no sistema, nun apartado moi similar ao que se reserva aos bufóns ou aos tolos. Genet era subversivo cando era un presidiario que escribía novelas. Nese momento a creación encarnaba un elemento de perigosidade engadida, e por suposto as instancias de poder da literatura francesa negaríanse a admitilo (como el mesmo di nesta non menos mítica entrevista). Anos máis tarde, a situación cambia radicalmente, Genet entra no xogo, ou cae na trampa, déixase afagar pola intelectualidade e esta déixase roubar por el, invalidando, con esa aceptación, o poder revolucionario do crime. Pódese dicir que o escritor cambia unha prisión por outra. Nas dúas permanece afastado da sociedade, a unha distancia que desincentiva a imitación que os individuos poidan facer da súa revolta.

Se cadra sexa pola observación de fenómenos así que sempre me posicionarei en contra da consideración dos autores como seres especiais, malditos ou etéreos. A mitificación funciona sempre como unha limitación, como unha nova cadea na que afastar aos individuos perigosos do groxo da sociedade e convencelos de que están ocupados nunha tarefa sublime ou automarxinal. Un dos espectáculos máis tristes aos que teño asistido é comprobar o xeito gradual no que unha persoa se converte en "poeta" e asume, feliz e sen decatarse, os muros dese outro presidio.

E se cadra é por iso que sempre gostei moi especialmente do poema da limonada (que non colacao, mecagoendios), de Joseba Sarrionaindia, no que se asume a causa perdida da poesía, creo que moi concretamente a causa da poesía social (A poesía non cambia nada, non converte/ en fanático a ninguén...) pero que creo extensíbel á causa da literatura, polo menos a da literatura grandilocuente tocada polo alén.

Non é que a literatura non cambie nada. A literatura cámbiase a si mesma, e ocasionalmente até ás persoas que a len, porén si que é certo que está lonxe das mudanzas transformadoras que moitas veces se pretenden no seu nome e que seguen sendo herdo das desfasadas concepcións (no mellor dos casos) románticas. E se por unha banda é certo que precisamos autores valentes á hora de encarar o traballo que supón a literatura, no día a día o que precisamos é a valentía das persoas, aínda que non queiran ou non saiban escribir unha novela ou un poema. ou aínda que si saiban e queiran facelo. Creo que xa tivemos abondo de poetas fatais, bufóns doutra caste ou novos presidiarios como para non tentar unha fuga. Aínda que sexa metidos dentro duns baffles.

Zipaioen Matxinada


Non deixa de ser incribelmente irónico o estado no que sorprende ao país o ano que a Academia lle adica a Ramón Piñeiro. Teño debatido moito sobre isto, de xeito máis ou menos visceral, máis ou menos académico ou máis ou menos político, e un amago de conclusión é que o papel de Ramón Piñeiro na nosa historia política é unha cuestión que depende bastante de fenómenos subxectivos como a opinión ou mesmo a fe.

A fe serve para lexitimar esas causas-efecto de evolución difusa e moi difíciles de demostrar mediante argumentos. Crer que o segundo Estatuto, a consciencia galeguista e toda a actividade cultural dos últimos cincuenta anos (entre outras cousas, que hoxe en día se escoita de todo) dependeron só ou moi fundamentalmente do traballo de Ramón Piñeiro é unha cuestión de fe. E eu non a teño noutras cousas como para tomarme o traballo de tela nisto.

A opinión entra en xogo naqueles casos nos que se xulga o que pasaría se Piñeiro non fixese isto, ou fixese aquela outra cousa e se fan exercicios de política-ficción. Moitos pensamos que un Partido Galeguista na clandestinidade, apoiado polas comunidades de exiliados podería ter servido para manter a lexitimidade do primeiro Estatuto, funcionando como consciencia nacional fronte á barbarie franquista. Que os proxectos de unidade europea artellados entre outros por Jean Monet non van servir nunca aos pobos, senón aos Estados que os oprimen. Que a vía culturalista non se opón a unha vía política, senón que en todo caso a complementa. Que o galeguismo difuso só serve para dar falsa lexitimidade a partidos políticos inimigos xa non da idea de que somos unha nación, senón do propio desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura.

Precisamente neste último punto é que resulta interesante este momento histórico. Durante anos fixéronos acreditar nesa impregnación de galeguismo dos grandes partidos, ritualizada por cada un deles ao seu modo. Esa noción de que dentro das organizacións políticas estatais había "galeguistas", xente preocupada pola nosa lingua e pola nosa cultura, é algo que nos ten sorprendido e atormentado moito, que moitas veces houbo que asumir pola fe, e moitas outras negar tallantemente. Pero a fe non serve cando falamos de política, ou non serve durante moito tempo. Se hai galeguismo impregnando os grandes partidos é hora de que saia do armario, que se faga visíbel e rompa, de ser necesario, a disciplina de voto. Que nos demostren con algo que non sexa a simple afirmación mística que esa estratexia do piñeirismo realmente tiña algunha utilidade positiva. É a primeira vez que desexariamos estarnos trabucando.

Na primeira imaxe, a revolta dos Cipaios de 1857, na segunda Nana Sahib, o seu líder. As dúas están tomadas da wikipedia e son dominio público.

17M


Despois da apoteose de onte, volvo ter a vella sensación de que a terra non quere pobo, se cadra porque a terra, como ente físico, non ten capacidade para querer ou desexar. En todo caso, será que o pobo quere outros políticos, ou ben non quere políticos en absoluto. Veremos agora cantos dos presentes volven saír a rúa nos próximos catro anos ou poden ter algo ao que votar nas seguintes eleccións. Veremos como xestionan as organizacións convocantes e os partidos políticos o inmenso capital que lles acabamos de deixar nas maos.

(A foto está tirada da páxina da CIG, e ten unha licenza CC 2.5.)