O dereito ao silencio

Un tema recorrente da pasada xornada dedicada a Xohana Torres foi, como era esperábel, o seu silencio literario. O feito de que Xohana decidira abstraerse da edición ten como principais consecuencias que resultou inapreixábel para todo o proceso posterior. Isto inclúe, nun primeiro termo, ás persoas que a len, pero tamén, e aquí se centra a maior parte do problema, á crítica e á historia da literatura. A este feito súmanse os factores que actuaron (e actúan) como elementos distorsionadores e discriminatorios: Xohana é unha muller e ademais escribiu (e escribe) nunha lingua minorizada, Ambos feitos teñen sido postos en relación co silencio, sen que ninguén fose capaz de dar unha teoría sólida ao respecto. É máis, moitas das teorías máis sólidas teñen perdido forza despois de ocasionais declaracións da autora, se cadra a máis reveladora unha na que afirmaba que o seu afastamento do mundo literario non implicaba en ningún caso que deixara de escribir.

Iso marca xa unha primeira perspectiva sobre a que abordar este silencio. Que implica que un escritor deixe de publicar e reserve a escrita ao seu ámbito privado? En principio deberiamos asumir que o mesmo que para a xente que nunca chegou a publicar e deixou un monte de escritos nas gavetas para a familia ou para ninguén. Nada. Non implica nada, na medida en que o que non é feito público non existe, polo menos para a noción contemporánea de literatura. Un asunto á parte é o de se as cousas son feitas públicas con consentimento de quen as escribiu ou sen el.

Porén as cousas non son tan doadas, xa que resulta evidente que, unha vez acadado o estatus de escritora, parte dos relatos deixan de cinguirse ao que a persoa escribe e pasan a relacionarse, en maior ou menor medida, coa súa propia vida. Moi pouca xente (e isto experimenteino nas propias carnes) resiste a tentación de xogar coa biografía converténdoa nun relato en si mesma, relacionado ou non cos ficticios. Poderiamos pensar que crítica, teoría e historia son inmunes a esta ficcionalización do autor, pero enganariámonos. A crítica, a teoría e a historia foron as primeiras vítimas dese relato que escribe relatos, e en moitas ocasións ségueno alimentando e recreando, mesmo ás veces sen gardar un mínimo de contención (ou mesmo de educación).

Para min Xohana Torres ten dereito ao silencio, un dereito gañado a pulso, tan a pulso que ás veces dá vontade de impugnar a súa condición de silencio, ou preguntarse porque o doutras persoas non é silencio. Naturalmente tamén ten todo o dereito a facer medrar o ruxe ruxe, as teorías e as indagacións, negándose a dar explicacións sobre el. A fin de contas, non hai maior mostra de triunfo social que unha ausencia da que todo o mundo fala.

No anecdótico da xornada non me resisto a deixar de comentar dúas cousas: a primeira, que o pogo inventámolo os que non soportamos que se nos impoña un único xeito de bailar e tamén non queremos leccións de baile "tradicional" (moito menos se non as pedimos). A segunda, que quen fala de paz nunha guerra de exterminio, fala da mesma paz da que falará o exterminador despois de rematar o traballo.


0 cadeas rotas: