Sizzla en Compostela


A miña relación co reggae e coa cultura xamaicana vén de bastante atrás, practicamente dos tempos do colexio, nun momento no que o revival de Bob Marley (supoño que unha reedición do Legend) puxo a moitos de nós ao tanto da primeira incursión musical non occidental que conseguía un verdadeiro éxito por todo o planeta. Marley non era só a música, era tamén un relato, un conxunto de lendas que nesa era pre-net se espallaban de boca a orella. A súa relixión impedíalle, segundo as fontes, cortar ou lavar o pelo, e morrera por un cancro contraído por fumar moita marihuana.

Pasaron moitos anos antes de que me decidise a por unha certa orde en todo aquel revoltallo de nocións e decidise mergullarme, non só en Marley, senón na cultura xamaicana e nese conxunto de melodías herdeiras ou precursoras do reggae. A sensación foi de auténtica fascinación. O xurdimento do rastafarismo, así como os devires políticos da illa son, se cadra, dos fenómenos máis incríbeis que se poden coñecer e destacan polo seu valor sociolóxico e cultural, pero tamén dende a perspectiva da resistencia das minorías á asimilación. O xurdimento dun movemento que reivindica un retorno da negritude a África, que a considere como a tribo perdida de Israel e teña pola reencarnación de deus ao emperador de Etiopía, é dificilmente críbel nun lugar que non sexa Xamaica. Desa fascinación e pescuda xurdiu unha parte importante de L'affiche rouge, en boa medida porque sempre o considerei un libro que tiña que falar dos nosos propios mitos, e ás veces iso só é posíbel tomando distancia e falando dos mitos dos demais.

Porén, nesa mesma pescuda, tamén se me revelaron outra serie de cousas moito menos agradábeis, e que serviron tamén para configurar ese lado escuro que teñen sempre os mitos. A realidade dun rastafarismo entregado a unha figura profundamente reaccionaria, ou a súa base relixiosa fundamentalmente patriarcal e homófoba, aspectos contra os que moitos grupos se revolveron, pero que unha grande parte da sociedade xamaicana segue practicando e asociando á súa música.

Este venres, se ninguén o impide (de novo), o cantante xamaicano Sizzla dará un concerto na capital do país. Pouco importa que as súas letras exhorten ao asasinato de homosexuais, ou que tras algún dos seus concertos alguén do público decidise seguir o consello e acabar coa vida dunha persoa, tanto a sala, como a produtora ou o concello, parecen seguir ignorando a petición de suspensión. Debemos ser demasiado sensibles para o seu xuízo, ou demasiado pouco importantes para a súa visión do mundo. Curiosamente, do que máis me lembro agora mesmo é desa xente que se preocupou tanto polo sentido exacto dunha conxunción.

Calquera persoa que queira apoiar a causa pode facelo dende aquí, onde supoño que se irá informando dos actos que se convoquen. A suspensión é, de momento, unha falsa alarma.

10 cadeas rotas:

W. Sobchak disse...

Ola Mario:
ía postarche( toma palabro!) un comentario. Mais lin a ligazón ao teus post sobre Banda Basoti e nel un tal W. Sobchak dicía:
(...)penso que tampouco podemos esquecer a importancia da liberdade de expresión. A min pareceme caralhudo que venha un tipo a decirme que "viva o fascismo" porque desde o momento en que eu lhe prohiba dicir eso, estarei a convertirme no mesmo que el.

E sigo a pensar o mesmo. Protestar, si. Prohibir non.

Mario disse...

Olá Sobchak. Lamento disentir, da mesma forma na que disinto da "respectabilidade de todos os discursos". Non creo que a liberdade de expresión sexa un dereito que dea cabida á violación doutros dereitos, ou a comisión dun crime (a apoloxía do asasinato). E tamén non creo que defender o dereito a non ser calumniado, vexado ou motivo de odio te convirta nun fascista. En calquera caso é unha sorte ter lectores tan fieis e tan coherentes cos seus antigos comentarios. Un saúdo.

W. Sobchak disse...

Disentir é umha gran cousa. Que flúan as ideas!
O que si quero deixar claro, é que nada mais lonxe da minha intención que insinuar que tes nada que ver con un fascista.
O que quería argumentar (se cadra de xeito pouco afortunado) é que apoiar a prohibición deste concerto é aproximarse demasiado as teses da AVT cando persigue ás bandas bascas. Entendo o punto de que o "noso esta baseado na razón e o deles non". Mais é un argumento ao que se lle pode dar facilmente á volta, xa que "a razón" non é umha verdade absoluta.
Un saudinho

Mario disse...

Non me sentín aludido en ningún momento :-) e entendo a liña xeral do teu discurso, eu mesmo formuleime iso moi seriamente antes de apoiar a causa.
Porén tamén é moi importante ser capaces de ver que alén das analoxías están sempre os matices. Para min non é o mesmo o vo libre sen motor dun ministro dunha dictadura fascista que unha transexual que é mallada unha noite mentres fai a rúa. Non é o mesmo para min e estou seguro de que tamén non para eles, aínda que as nosas formas de diferenciar un da outra sexan opostos.

Ademais diso está a esixencia dunha coherencia por parte do poder político. O de Banda Bassotti non tiña base legal, pero un concello que xa suspendeu concertos que "incitaban ao odio" (S.A.) non pode apoiar a celebración doutros que vulneren a lei no mesmo sentido. E iso debería ser así con independencia de que nun caso me pareza máis xusto e noutro menos, a lei é (debería ser) a mesma para tod@s.

Finalmente non se conseguiu a suspensión do concerto, pero si se reduciu a asistencia á metade (en relación ao último que dera na cidade), quero pensar que porque este cristo serviu polo menos para concienciar criticamente a moit@s d@s posíbeis asistentes. Un saúdo, Sobchak.

Mr Tichborne disse...

Estou con Sobchak, alédome que o concerto non fose prohibido. Por moito que nos repugne o que canta Sizzla non é un caso diferente có de Soziedad ou os Bassotti: alguén decide o que é ofensivo e o que non, o que se pode dicir e o que non. Despóis de todo, o rastafarismo non deixa de ser unha relixión: unha cousa non racional que só fai dano.
Mais agardo que a vosa campanha acadase un obxectivo: que a xente soubese de que ía o concerto e que este fose un fracaso. Agardo que os da Capitol para a vindeira se informen mellor de quen traen ó escenario.
Un saúdo.

Mario disse...

Ben, como xa expliquei eu si creo que é diferente. Os dereitos existen porque teñen límites (tamén o de libre expresión), o que se esixe é coherencia á hora de aplicalos. Non pode ser que o dereito a expresarse de Sizzla sexa distinto do de S.A. (alén de que, insisto, a cuestión de base é distinta, nunca houbo un asasinato tras un concerto de S.A. ou incitado polo cantante). En calquera caso non era "a nosa causa", é a causa de tod@s (ou debería selo). :-)

Mr Tichborne disse...

Non falei de causas, e con todo o que dixen, as cousas que expresa este "artistaso" repúgnanme tanto como a ti. Xa sei que non é un caso tan obvio coma o de S.A., que é obxecto dunha clara persecución política e rasgado de vestiduras, mais no fondo paréceme o mesmo. Sabes se foi moita xente ó concerto? (intúo que si se celebrou)

Mario disse...

Celebrouse coa metade de asistencia que o último concerto del na cidade, algo que os colectivos convocantes len como un éxito e que supoño que afectaría economicamente á sala e á produtora.

Teño discutido con moita xente o dos límites da liberdade de expresión e até os máis árduos defensores da non limitación acababan atopando algo que si proibirían (apoloxía do asasinato, violencia contra as mulleres, j. losantos....) Dáme a sensación de que o límite é un pouco a sensibilidade de cada quen, e obviamente nese caso os colectivos invisibilizados e marxinalizados socialmente sempre levarán as de perder. Estou seguro de que se o artista falase de matar taxistas, funcionarios, obreiros do metal ou pais de familia, a manifestación estaría petada e en primeira plana dos principais xornais. Sinxelamente hai unha parte da sociedade á que non lle importa o sector LGBTQ. Na súa maior parte non xustifican o asasinato, pero realmente parécelles unha esaxeración montar iso por unhas cancionciñas. Aconteceu o mesmo durante anos coa violencia contra as mulleres, até que recibiu atención mediática e social. Ás veces escoito cancións dos 80 que me parece imposíbel que soasen pola radio e que hoxe en día estarían censuradas por apoloxía da violencia contra as mulleres (polas empresas ou mesmo polo goberno). A sensibilidade cambia e é o noso deber facela cambiar, cando o consigamos non fará falta manifestarse contra ningún Sizzla.

Tristram disse...

Moi boas!

Creo que chego un pouco tarde ao debate. Había algún tempo que non me pasaba por este interesantísimo blog. Espero que aínda lea alguén o meu comentario.

Penso que a cuestión ten moitos matices. Hai 14 ou 15 anos, cando era un adolescente, ía a todos os concertos dos Heredeiros da Crus. Para min era un grupo que conectaba moi ben coa xente, que fixeron o papel de provocadores, como o fixeron algúns dos mellores grupos de rock da historia e que a nivel musical comezan a estar recoñecidos entre o mellor da súa época en Galiza.
Lembro, que durante algúns concertos, tamén foron perseguidos por un grupo de manifestantes, mulleres sobre todo, se a miña memoria non me falla, porque as súas letras eran consideradas machistas.
Non nego que algunhas das súas letras o foran, e incluso tiñan letras onde ridiculizaban os homosexuais, mais do que estou seguro é de que ningún deles era homófobo nin machista... coñecíaos. E é que unha cousa é o que digan as letras das cancións, que neste caso o que pretendían eran reflectir a merda de sociedade na que viviamos (cos seus prexuízos...claro que si...non sei, pódeselle chamar realismo sen moralina) e outra ben distinta o que pense o seu autor na súa vida cotiá. Podemos pensar que un cantautor cre no amor se escribe e canta cancións de amor? Isto dá para varias clases de Teoría da Literatura... Ademais, está a asunto das interpretacións...Estou seguro que eu non interpretei o mesmo nas cancións de Heredeiros que esas mulleres(seguramente por ser home)

Lembrade o caso dos Ataque Escampe, esa vella que pensaba que Galicia era una mierda! Para outros ben mereceu un GZCREA.

Mario disse...

Olá Tristram, eu tamén agardo que alguén máis lea o teu comentario, porque podo compartir boa parte del. Eu tamén non imaxino aos Heredeiros, Siniestro, Ataque Escampe ou a Novedades Carminha aplicando na vida real moitas das súas letras. Pódese entender o valor de pura provocación que moitas delas teñen. É curioso porque hai uns anos volvín escoitar "La mataré" de Loquillo e pareceume espeluznante, se cadra porque o tipo non me insipira a mesma confianza nese sentido.

Porén o problema é que en ningún dos dous casos existe máis baremo que a subxectividade dos receptores á hora de entender unhas letras ou outras. Son todas esas subxectividades defendíbeis do mesmo xeito? Está claro que a señora que tomou en serio Galicia es una mierda non é defendíbel e vive na póla (e falo coa autoridade que me dá ser "inxuriado" nesa mesma canción), porén si que lle prestaría máis atención a outros colectivos e valoraría doutra forma os seus argumentos. A problemática non é nada doada.