O termo acuñouno un tal Fergusson aló polo 1959, poñendo exemplos tan politicamente perigosos como o caso dos países árabes, nos que unha variante da lingua (o árabe clásico) se emprega en contextos elevados, e unha segunda variante resérvase para usos coloquiais e familiares. Esta convivencia de dúas linguas (ou de dúas variacións moi afastadas da mesma lingua) separadas polo seu valor social, foi distinguida co termo diglosia do que até entón se consideraba, en termos xerais, bilingüismo.
O termo bilingüismo resérvase por tanto para referirse a aquelas sociedades onde os seus habitantes son capaces de falar dúas linguas e empregalas indistintamente, ou segundo as súas necesidades, en calquera contexto social. Aquelas sociedades onde a unha das linguas se lle fecha legal ou socialmente o seu desenvolvemento en determinados ámbitos, non son propiamente bilingües, senón diglósicas.
Este desenvolvemento o único que fai é evidenciar aquilo que xa apuntaron autoridades como Jean-Louis Calvet, que non hai lingüística sen sociolingüística. Cousa que implica que os aspectos sociais dun conflito lingüístico son esenciais, por non dicir os únicos determinantes no abrollar dese conflito.
O noso país veu sendo tradicionalmente un exemplo perfecto de sociedade diglósica. As razóns históricas son longas de contar e pérdense na política estatal castellanocéntrica desenvolvida, con escasas inflexións, dende a Idade Media. O resultado é o coñecido por todas as persoas: o galego foi dende cedo unha lingua B, socialmente mal considerada e mesmo concibida como inútil ou imperfecta para moitas funcións. Estas nocións, aínda que parecen extintas seguen moi vivas aínda hoxe en grande parte da sociedade (non hai máis que pensar nos debates cíclicos sobre se o galego é valido para... facer pop, hip hop, libros canapé, prensa deportiva, twittear ou aprenderlle a falar a nen@s adptad@s). As raíces deses debates son os mesmos: o xuízo que se fai sobre as linguas é de valoración social, non existen linguas “tecnicamente” máis perfectas que outras, ou máis axeitadas que outras para determinados usos. Iso é unha idea que raia no nazismo. Existe, iso si, a noción social de que determinados ámbitos se veñen facendo na lingua A, e que a lingua A debe ser a opción non marcada ante a aparición de ámbitos novos. A propia perda de falantes do galego explícase nesas mesmas coordenadas: non é casual que sexa a lingua de menor valoración a que é abandonada por unha poboación á que se lle leva dicindo séculos que non ten utilidade. A persistencia milenaria no noso contexto xeográfico de linguas con menos falantes (e por tanto máis “inútiles”) é abondo exemplificativa nese sentido.
O grande problema da Galiza, nos últimos anos, foi o de corrixir unha situación diglósica, tratando de aproximar a valoración social entre as dúas linguas e frear a perda de falantes do galego, que comezaba a ameazar a súa existencia. Podemos xulgar esas tentativas con maior ou menor severidade, pero o seu obxectivo parecía claro. Do mesmo xeito parece claro o obxectivo dos seus movementos contrarios, que alzan o estandarte do bilingüismo, mentres defenden políticas que seguen excluíndo o galego dun uso pleno e equitativo. Para mostra esta entrevista, aínda que eu prefira esta xenial glosa. É normal que pretendan deixar a sociolingüística fóra de xogo, xa que a manipulación que levan a cabo só é posible abstraendo os conflitos sociais que van aparellados e ignorando a desigualdade legal e social das dúas linguas. Só así as vítimas poden converterse en verdugos e os falantes eternamente minusvalorados e con ansias de normalización en férreos represores de pobres infantes. Non se trata de procurar o bilingüismo, senón de cimentar para sempre a diglosia. Se cadra sería máis honrado que se chamasen Galicia Diglósica.













3 cadeas rotas:
Non hai dúbidas ante a exposición radiográfica da situación. Non obstante coido que a estes tanto lle ten o que dixera Calvet, Saussure, Fishman... non basean a súa argumentación na ciencia. Probablemente non crean na ciencia senón noutros determinismos.
O seu xogo non precisa de argumentacións nin científicas, non lóxicas, nin sequera razonables. ¿Cal é a solución? Eu non a coñezo, pero creo no traballo. E abofé que todos traballando habemos ter máis forza que este fato de (non o esquezamos) funcionarios (sen menosprezo para o colectivo, enténdase).
Adiante :)
Tes razón, Danilo, pero precisamente por iso non podemos deixar de lembrar que as nosas razóns teñen un respaldo cientíco/cultural do que as súas carecen e non hai cartos cos que o poidan mercar (aí están as xornadas bilingües como proba). Naturalmente o traballo é fundamental, pero non o é menos saber que tras o traballo hai razóns poderosas e incontestábeis e que non se pode reducir o conflito a unha cuestión de opinión da que se baleiren os seus condicionantes históricos e sociais.
Pódese dicir máis alto pero non máis claro.
Postar um comentário