Hai algo máis de cincuenta anos na cidade de Buenos Aires dúas persoas botaban a andar a distribuidora e editora Follas Novas. Nun momento histórico no que o exilio antifascista galego xa perdera parte da súa lexitimidade política internacional e tamén ao seu maior referente persoal (Castelao), Follas Novas acometía un labor de vertebración importantísimo a nivel cultural que ningunha das moitas asociacións galegas de ultramar conseguira ou aspirara sequera a realizar: a difusión centralizada da produción cultural galega de ambas beiras do Atlántico. Aquelas dúas persoas eran conscientes de que a maior forza do exilio era o seu número e extensión, pero que tamén a súa maior debilidade era a dispersión e o afastamento do que acontecía na Galiza territorial, duramente sometida ao franquismo. Dese xeito, cunha ambición que seguramente non tivo parangón até décadas despois, Follas Novas abriu sucursais nas principais cidades de América. Desde Santiago de Chile a Nova York, as comunidades do exilio sabían unhas das outros e das súas realidades, compartían publicacións e perspectivas e recibían as novas e obras literarias que se producían nunha terra que seguía vedada para a maior parte dos seus membros.
O proxecto foi relativamente breve (1957-1961), pero calculo que para levalo a cabo debéronse precisar cantidades inxentes de ilusión e sacrificio persoal, alén dunha perspectiva de entrega a unha causa que cada vez importaba menos internacionalmente. Sobra dicir que unha iniciativa destas características nunca foi rendíbel economicamente e que a forza precisa para desenvolvela veu da consciencia e da capacidade de entrega dos seus protagonistas. Na breve pero intensa historia de Follas Novas vibra a necesidade de fiar de novo unha realidade esfarelada que neses momentos estaba a pasar polos peores anos da súa historia recente. Probabelmente o futuro destacará outras moitas cousas nas súas biografías, aínda que para min esta sexa unha das que máis me teñen impresionado.
Hoxe faleceu Anisia Miranda, unha desas dúas persoas que axudaron a tecer un futuro para este país nos momentos máis escuros. Á outra, Xosé Neira Vilas, só nos resta enviarlle todo o apoio posíbel neste momento e lembrarlle algo que seguramente xa sabe e é que nunca, nen sequera nesta terra, se loita en van.












0 cadeas rotas:
Postar um comentário