A alegría obrigatoria

Unha das cousas que caracterizan á construción do Estado-Nación é que non se conforma coa construción lexislativa do Estado, senón que insiste, mesmo na entrada do século XXI, na construción subxectiva e sentimental da nación como soporte imprescindíbel para o primeiro. Dito noutras palabras, non hai nada peor que o nacionalismo de Estado, en boa medida porque ten medios coactivos e económicos para impoñerse e negar contra toda evidencia os seus propios constructos ideolóxicos. E se tamén é certo que moito do fondo desas construcións é partillado polo outro nacionalismo, este é, forzosamente, máis consciente e crítico con eles, como queda ben claro, neste artigo, por exemplo. A miña proposta de fronteira pode ser absurda e insolidaria, pero nunca o será máis que a fronteira preexistente, que ninguén se molesta en cuestionar. Até podería selo menos, se temos en conta que o seu proxecto é consultábel e lexitimábel democraticamente, e o outro non é máis que a asunción irreflexiva dun determinismo histórico.


Porén, o máis grave é a tentativa dos poderes estatais de impoñer as alegrías e decepcións obrigatorias, como un xeito de marcar un sentido común que é presentado como natural e inevitable. Pensei nisto por primeira vez hai dou anos, nun avión que me levaba de Madrid a Compostela, cando o piloto se dirixiu aos pasaxeiros para irnos cantando os goles da selección española, en transo de ser campioa de Europa. A felicidade obrigatoria. Un non sabe como reaccionar neses casos nos que non só non se sente incluído nesa fonda alegría, senón que lle gustaría pedir que alguén, polo ben de tod@s, prestase máis atención ao seu traballo que á súa ideoloxía, aínda que sexa futbolística. A última alancada dese sentimentalismo imposto, aconteceu na decisión da Olimpiadas do 2016, un acontecemento que, alén do anecdótico, nunca me interesou o máis mínimo, pero que da noite á mañá ocupou os medios de comunicación, que non deixaron de suxerir esperanzas e finalmente prantos e indignación polo complot internacional contra unha cidade na que probabelmente non estarei vivindo nos próximos anos, e polo que, como á maior parte do mundo, debería darme igual se organiza ou non uns xogos olímpicos ou un bufé libre.

Este día que remata hoxe, está configurado para exaltar a mesma forza libidinal e sentimental que compón as nacións que xa teñen unha historia como Estado da que arrepentirse ou non. E un bota un pouco de menos que alguén non pare tres segundos entre avións, faixas bicolores e cabras, para preguntarse por todas as persoas, que contra ese suposto sentido común coreado pola prensa e os medios, non atopan o seu lugar no Estado, nen no “Descobremento”, nen en definitiva, nunha hispanidade cada día máis cuestionada.

A historia da fotografía, podedes atopala aquí.

2 cadeas rotas:

Sak disse...

O caralibro nunca poderá estar a altura dos blogues con estas entradas.
Obrigado.

paideleo disse...

É como o conto de: " Todos con la Roja ! " onde o colmo é que inventen a denominación e a chucen deseguido. Outro caso é o da televisión que chaman " La uno " cando foi a primeira de toda a vida.
Supoño que farán todo iso por repetición ata que se nos meta no cerebro e pensemos que é natural.
A foto é marabillosa.