Woodstock vs. Piñeiro

Seguimos viaxe para New York e chegamos polo serán. Aquela mesma noite soupemos a qué se debía a presencia da rapazada extraña que atopamos pola mañá na estrada. Resulta que un paisán de alí, dono dunha grande camposa de moitos acres de larganza, matinóu un negocio: organizar na camposa un festival xuvenil de música. Para as súas contas, poderían acudir de tres a catro mil xóvenes. Arranxóu as cousas para poder atender a esta clientela potencial e, sin máis, anuncióu o festival. Mas velahí que o anuncio resultóu ter unha misteriosa carga magnética que puxo en camiño a milleiros e milleiros de xóvenes de todo o país. En lugar dos tres ou catro mil previstos, acudiron catrocentos mil. Fíxate ben, catrocentos mil. Unha interminable ametencia de mozos e mozas desbordóu, coa forza dun dioibo, aquel pobo cativeiro, que ficóu abraiado diante do ir e vir de aquelas greas ilimitadas de turuláns. En poucas horas xurdíu a falta de víveres, de auga e de toda clase de servicios. As drogas e demais lerios comenzaron a producir doentes, dúceas de doentes, e mortos -morreron cinco-, e as Radios e máis a Televisión comenzaron a latricar noticias do que ocurría. De New York tiveron que enviar urxentemente unha expedición médica de socorro. Un rebumbio colosal, do que nós só vimos os derradeiros restos.

Olla o que son as cousas da vida. O bó do paisán que matinóu no festival para facer un negocio, perdéu o negocio e perdéu a amistade dos veciños, que todos a unha arrenegaron del e negáronlle a fala. El e mailos veciños teñen a mesma idea: que andivo o demo polo medio. Mas o paisán coida que o demo se misturóu cos rapaces para lle reventar a el o negocio (polo método, abofé irónico, de lle multiplicar sobexamente a clientela), e os veciños pensan que o demo se valéu do paisán para lles facer a eles tamaña falcatruada. ¿Quen estará no certo?

Ramón Piñeiro, "Carta a Ánxel Fole"
(en Olladas no futuro)

A carta en realidade está datada en 1970, e aínda que Woodstock, como sabemos, se celebrou en agosto de 1969, non parece que poida referirse a outra cousa que ao mítico festival. Pouco imaxinaría Piñeiro que o festival celebraría os corenta anos o mesmo día no que a el lle adicasen as Letras Galegas, e pouco imaxinaría tantas outras cousas. E si, o demo andaba metido polo medio, non hai máis que ver como eran as entradas (se esa faixa diagonal fose azul...), ou como soou a mans dun ser sobrenatural o himno nacional do mundo libre.


Sendo tan malos como de costume poderiamos enunciar: Piñeirismo é pasar por diante do festival de Woodstock e confundilo cunha liorta polos marcos dunha leira.



3 cadeas rotas:

FraVernero disse...

Jorl! A estampa de Ramón Piñeiro sen saudades da filosofía e máis coas da música rock, e con Jimi Hendrix de patriota galego... Quen vería ao de Galaxia entre a turbamulta hippie, facendo país cósmico e númico e entrismo do bo entre no mundo da psicodelia... hahahaha

A Raíña Vermella disse...

Brutal. Foi Piñeiro, pero podería ser unha metáfora de toda a dereita.

folerpa disse...

Benvido, Mario. Fántastico o post