Os labirintos da liberdade


Como xa sabe todo o mundo, a semana pasada a produtora Aardman Animation foi alertada por varios correos de que a asociación antigalega Galicia Bilingüe estaba empregando imaxes do seu filme Chicken Run, sen autorización e manipulando o sentido orixinal para difundir unha mensaxe política. Parece ser que a produtora interesouse pola cuestión e vai tomar cartas no asunto, cousa que politicamente me enche de gozo pero que, ao mesmo tempo, coloca interesantes cuestións sobre a problemática dos dereitos de autor. Non hai moito tempo, o cantante Macaco viviu unha situación similar ao ver unha das súas cancións na cuña electoral dunha impopular oganización política, contra a que tamén acabou por tomar medidas legais.

En ningún dos dous casos falamos de materiais acollidos a unha licenza creative commons, e por unha vez podemos dicir que por sorte, xa que de ser así non habería ningún tipo de posibilidade de resposta. Isto evidencia no dereito de autor e na propiedade intelectual unha característica que tiñamos practicamente esquecida, pero que está na orixe da súa creación como concepto xurídico: a defensa do creador. Sei que a expresión está desvirtuada polos últimos anos de demagoxia e acoso aos usuarios, pero por unha vez non se refire á defensa da carteira das sociedades de xestión, senón á posibilidade de que os autores poidan evitar a instrumentalización e manipulación do seu traballo para fins que detestan.

Por se fose pouco, tamén nestes días, o contorno do software libre vivu unha crúa polémica sobre a cláusula bolboreta. A cláusula bolboreta é unha iniciativa que permite complementar unha licencia de software cunha disposición que proibe explicitamente o seu uso para realizar crimes contra a humanidade. Algúns dos defensores do software libre alegan que iso supón unha limitación intolerábel é que as licenzas deberían ser completamente libres. Isto foi expresado desafortunadamente como "deberías ter o dereito de usar o software libre para practicar un xenocidio". É dicir, que o fabricante duha ferramenta non debería limitar o seu emprego, xa que este é responsabilidade do usuario.

A verdade é que, como digo, estas cuestións formulan sobre todo problemas aos que non consigo dar unha resposta axeitada. Por unha banda non deixo de pensar que o dereito de autor naceu, en boa parte, como un xeito de protexer aos creadores fronte aos abusos da industria capitalista. Por outra, ninguén pode obviar que nos últimos dez anos foi esa mesma industria quen manipulou o seu significado orixinal para ir contra os usuarios (mentres seguía explotando aos creadores). Encantoume descubrir que Bolboreta Curda empregara textos meus na súa acción poética na cidade de Lugo. Porén, non gostaría de ver un texto meu manipulado e descontextualizado como parte dun programa ou dunha campaña política racista, e seguramente trataría de reaxir ante iso pola vía legal.

No caso do software libre, entendo a necesidade de configuralo como unha ferramenta ao servizo libre dos usuarios, pero recoñezo que non e entusiasma a idea de que alguén leve a xestión dun campo de exterminio empregando Open Office, e que me entusiasmaría menos se eu fose un dos seus creadores.

Hai algo aproveitábel nos vellos conceptos de dereito de autor ou propiedade intelectual? Non estaremos tirando ao neno xunto coa auga sucia? Existe a posibilidade de reconfigurar eses conceptos e mantelos lonxe das poutas das sociedades de xestión, ou da industria? As respostas non son doadas.

6 cadeas rotas:

SurOeste disse...

Parécenme moi ineresantes todas estas cuestións. Hai un par de meses un dos blogs que sigo "O mundo perfeito" denuciou que un dos seus textos ora utilizado nunha páxina neonazi con fins racistas. A reacción foi pechar o blog e abrir un novo onde xa se contemplan medidas de protección de propiedade intelectual para todo o que alí se publique.
Dá que pensar. Moito.

Mr Tichborne disse...

É unha cuestión peluda, e os creadores e os consumidores deben atopar unha solución, mais deben substraerse ás presións da industria. Difícil.
Non sei. Non creo na barra libre (bo exemplo o teu: Bolboreta Curda fronte á Falange dos COJONS e Galicia Pilingui) e que ós creadores se lles pague con aire, e o modelo mercantilista e pechado de agora está caduco, rematado, non serve.
Un saúdo.

Manuel L. Rodrigues disse...

home; a min xa me sorprendía o anuncio ese das FE, pero bueno...
Alédame saber que Macaco non ofreceu a canción...

gustavo harvey disse...

http://www.youtube.com/index?ytsession=D_vU_fwAyieNiQiezzo31zMixhzaFwPBsmNaHLt2bPWkXc4hikoXpAce1VdoybdreP0EHo8UzgIzQ7ipbq8CobzBPTiA94d-AOeEtk5-qMwFFTIOGrSiSQ5CDCflPxiQLqcGSMOEic72h0NGx1HNHcpe0Pi4wPGbyeOpUqT-mmze-RE3_E_KzSq0KODxXLPPrrLuHjNBThAnR6Iw23RHgM41bfnqXtt96YGSYGf0ayJN5vR5dJsHMyItAHCz-ie_7W5pONyKzzCTeYyNqXRcF8sM8hczh1I-9tMK9WSnBEPf3iWizj7G9JU7nLSyNA6K41P6Ig11Aho

semella que xa lle tiraron das orellas :D

Mario disse...

:-)

Ricardo Arias disse...

As cuestións que xurden neste tema son obviamente complexas.
Coido que o miolo do asunto está ben recollido no teu texto: evidentemente o dereito de autor serve para que alguén poida facer o que lle pete coa súa creación -non poido evitar agora lembrar o extraño destino da obra de Kafka-, e tentar mesmo vivir dela se as circunstancias o permiten. Eu penso que é notablemente máis democrático, malia os perigos que sempre haberá, vivir do mercado que dos cartos dos Medici.
Iso ninguén o discutirá. O problema é exactamente o que denuncias: a posición de preeminencia que a industria tentou apañar, esmagando a usuarios e creadores a un tempo.
Seguramente a solución virá por algún camiño incógnito polo de agora, probablemente pola porta que internet abriu cara a biblioteca soñada por Borges.
Veremos.