Libro dixital e autoentrevistas


Copio a miña resposta á autoentrevista sobre o libro electrónico aberta iniciada por Tati Mancebo e Calidonia. Podedes ver todas as respostas (e mesmo engadir a vosa) aquí:


1.-Constituirá o libro electrónico unha parte importante do mercado editorial de aquí a dous anos?

Depende do que entendamos como “mercado”. É indubidábel que medrará cada vez máis, o que está por ver se alguén consegue compatibilizalo de forma intelixente cun modo de negocio rendíbel.

2.-Triunfarán os lectores de libros electrónicos como dispositívos habituais entre os lectores?

Sen dúbida, aínda que para iso é necesario un abaratamento dos dispositivos ou a creación dun estándar funcional e creo que aínda estamos lonxe dese momento.

3.-Triunfará un formato de arquivo sobre os demais?

Hoxe en día xa hai decenas deles, e sospeito que iso non mudará. De todos xeitos trátase de procurar un medio que poida ler a maior parte deles.

4.-Terá continuidade e expansión o modelo Kindle?

As redes fechadas son un camiño morto, seguramente non.

5.-Que melloras fornece o modelo de Google?

A posibilidade de acceso, aínda que ten moitas cousas mellorábeis. Os libros descatalogados, por exemplo, deberían estar sen limitacións. Tamén é problemático que unha fonte de acceso a cultura desta envergadura estea en mans dunha empresa privada.

6.-Cal é o lugar dos sistemas literarios dos países pequenos no mercado editorial do futuro próximo?

Por unha banda fomenta a intercomunicación e a divulgación do propio acervo. Por outra, coloca nunha posición complicada a actores, como as editoriais, que aínda cumpren unha función importante para os sistemas pequenos e non teñen unha posición económica tan consolidada como nos grandes.

7.-Cara a onde vai o mercado das traducións literarias?

Desconfío moito da posibilidade das traducións automáticas, aínda que o feito de que os tradutores teñan cada vez máis ferramentas facilitando o seu traballo só pode beneficiar aos sistemas literarios pequenos.

8.-Como che gustaría mercar libros?

Son un apaixonado do libro en formato físico e un lector insaciábel do formato dixital, así que sería un bo cliente de ambos formatos. Tamén agardo que o momento dixital mellore o traballo do mercado editorial e potencie as edicións coidadas e o libro como obxecto.

9.-Como che gustaría ler libros?

En calquera dos dous formatos, aínda que non serían intercambiábeis para todas as ocasións.

Foto tirada de aquí, licenza CC 2.0.

1 cadeas rotas:

A Raíña Vermella disse...

Eu estou agardando por un ebook pequeno e manexable como auga de maio. Iso si, cada vez me gustan mais os libros :)