M.D.


Como fun alumno do señor Artemio, o primeiro que pensei ao ler esta anotación foi que Insuficiente se refería a unha nota académica. Ao mesmo tempo non puiden deixar de lembrar que aínda existía unha nota máis temida que o insuficiente, o M.D. é dicir, Moi Deficiente, que un antigo compañeiro meu tratou de facer pasar aos pais como Moi Deportista nas notas de Educación Física. E creo que a declaración de hoxe da R.A.G. merece un M.D. claro, un M.D. que tratan de facernos pasar a todas as persoas deste país como un Moi Deportista, aínda que sexa outra cousa.

Non só me parece que é un comunicado a destempo, que debeu facerse hai meses, cando existía un debate real (aínda que inflado artificialmente), senón que creo que non atinxe aos verdadeiros obxectivos dos que aspiramos a unha verdadeira normalización da lingua. Non creo que a estas alturas poida negarse (punto 5) que o galego segue nunha situación diglósica. Sobran exemplos nos medios de comunicación, a universidade, a educación, a administración ou o comercio. Dicir que esa situación desapareceu pola simple consecución dun uso litúrxico nas institucións é unha falacia e tamén un perigo, especialmente neste momento no até ese uso litúrxico ou simbólico é impugnado por determinados sectores. Ao mesmo tempo considero que sobran outras consideracións que van no camiño de recoñecer a lexitimidade argumental dos que impugnaron a actual lexislación lingüística (punto 6, que ademais non di nada, non se molla ao respecto dos ataques concretos ao galego na escola).

E non me engano, sei que apesar do M.D. a Academia se esforzou este curso e que foi un paso moi complicado, e que non dicindo moito, si que representa unha especie de símbolo e unha mínima valentía ante o novo goberno. Porén non chega para aprobar, estou farto de ver declaracións voluntaristas de mínimos que non sinalan a verdadeira dimensión do problema. Declaracións demasiado Deportistas, no sentido de ter a extrema Deportividade de recoñecer ás minorías, non só o seu lexítimo dereito de expresarse e defender a súa postura, senón unha lexitimidade que non xustifican nen o seu peso social nen o peso dos seus argumentos.

Se cadra máis que de camuflar un mal curso, sexa hora de demandar a quen lle deu azos, buses de fóra e tribunas na prensa aos inimigos do galego. A quen fixo traballo suxo desinformando e deturpando a realidade, e a quen instrumentalizou politicamente a un grupo de fanáticos, dándolles un papel social tan perigoso e que custará tanto desactivar. Esquecer un pouco a amabilidade e a Deportividade, xa que o rival entra cos tacos por diante e o árbitro leva todo o partido mirando para outro lado.

E insisto na mesma idea que xa defendín outras veces. Ogallá se lle dea algún día a mesma voz e a mesma atención mediática que lle deu aos inimigos do galego a outras correntes sociais e políticas con moito máis peso numérico e argumental que o que tiña unha asociación de nais e pais de alumnos.

Se cadra teñan razón os que din que o galego non debería estar nas barricadas. Porén está. E nen o levamos nós nen o vamos deixar só.

Imaxe roubada deste flickr.

7 cadeas rotas:

A Raíña Vermella disse...

Eu pensei que M.D. referíase a Medicine Doctor (cousas que se lle quedan a unha de tanto ler Sherlock Holmes) En realidade debería ser Man Dura.

Mr Tichborne disse...

Ser deportivo é tamén loitar e non renderse, e aquí é o que fai falla. Non podemos calar.

Por certo, nótase que o correxidor do exame da foto é antimadridista, porque viu a resposta á pregunta 8.3 e decidiu gastar toda a tinta vermella do boli a base de poñer carolos...

É porque os galegófobos culparon do mal nivel de inglés do alunado ó ensino do galego? Unha parida de tantas...

Elric disse...

O bo é por veces inimigo do mellor... e berrando "Na Galiza en galego" ou enviando expedientes simulados de sanción aos comerciantes tampouco se consegue demasiado...

Mario disse...

Si, existindo estudos que proban que precisamente o bo nivel das crianzas catalás cos idiomas é porque manexan dous dende moi cedo.


Perdinme un pouco co dos expedientes simulados. Elric, a que te refires exactamente?

albixoi disse...

O domingo, todos a Compostela. O idioma precísate. El nunca te abandonaría.

Elric disse...

Hai cousas que é mellor non dicir moi alto, pero para que se saiba: os lumbreras da Mesa enviaron falsos expedientes de sanción aos comerciantes da Coruña que non empregaban o galego. Co cal algúns pensaron que ía en serio e montouse gorda: portadas en la Opinión, reforzamos o discurso de "nos imponen el gallego", etcétera.

Creo que fan moito máis polo galego os reintegracionistas, tipo a Gentalha do Pichel que (U)nha determinada sensibilidade do BNG moi dada a hexemonizar colectivos tipo "A Mesa". E tamén a pensar que eles teñen a razón absoluta e o resto do mundo galeguista somos uns simples "compañeiros de viaxe".

Pero aínda así, todos a compostela o 17, e para adiante.

Mario disse...

Vaia, ás veces parece que vivo noutro país, ou que teño demasiado traballo. En calquera caso non vexo que ten que ver co que digo. Os deméritos da Academia non invalidan os da Mesa (que tamén son abondos), nen creo que a Manifestación sexa monopolio destes últimos, aí vai haber galeg@s e toda caste.

Iso si, a Academia (ou alguén) debía facer máis do que fixo, e sobre todo, facelo antes.