Non sei se abril é o mes máis crú, o que si está claro é que nos seus dez últimos días comeza o tempo de trebón, que se estende durante máis ou menos un mes, marcando o seu comezo nas inmediacións do día do libro e o seu final nas do día das letras. Tempo de presentacións, feiras do libro, xente que chama para que opinemos sobre a grande festa necrofílica ou tenteando a nosa opinión sobre o ínclito Ramón Piñeiro. Este ano abril (e maio) serán especialmente crueis, e pregaremos para que o noso empeño consiga multiplicar os pares de pés que atravesarán a cidade e para que imiten o son dos tambores dunha guerra que xa deixou escoitar os seus primeiros estoupidos e as primeiras solicitudes de claudicación. Todo invasor chega cunha fachenda destrutiva que atopa o seu propio final ao darse de golpe cos feitos. Si, se cadra a palabra que estamos procurando é Resistencia.
No medio de todos eses días de recomendacións e promocións, eu salvaría unhas cantas obras. Alén da moi respectábel opción de fecharse na casa a ler sobre a saudade, existe a posibilidade de comprobar (de novo) como parte da nosa literatura segue pulando pola renovación e a valentía. Nese sentido, os traballadores do metal optamos por intenacionalizar o conflito, e plantar unha barricada a semana pasada en Barcelona, onde se presentou o novo libro da editora Máquina de guerra, de Raida Rodríguez.Na vontade de Estaleiro de representar unha plataforma para un tipo determinado de literatura, en especial aquel que pode habitar nas marxes dos sistema, Máquina de guerra supón un paso máis na dirección procurada. Cun estilo e unha actitude ante o texto precedida, entre outr@s, polo inmenso exemplo de Chus Pato, a poesía de Raida Rodríguez camiña cara a fronteira cortante que marcan as palabras (ou as barricadas ardendo).
Como xa é habitual podedes facervos co texto nos pontos de venda, ou directamente na súa versión dixital.
A segunda opción é A perspectiva desde a porta de Patricia Janeiro, un libro que tiven a honra de presentar hai pouco e do que pouco máis podo dicir que non sexa unha reiteración. Unha novela que introduce un tema novidoso na literatura galega (polo menos nos últimos anos) e que ten o mérito de facelo dun xeito atractivo e ben resolto, cunha grande solvencia técnica e sen resultar, en ningún caso, adoutrinante. Digamos que, dende a porta ou dende outro lado, a novela enfoca un tema inusual dende a perspectiva correcta, un obxectivo tan difícil de acadar que consegue facer disto un factor suficientemente subversivo. E por suposto, hai que mencionar esa mesma valentía da que falabamos antes.Aínda habería unha terceira, pero como a experiencia di que ás veces presentación non é sinónimo de accesibilidade inmediata á obra, agardaremos acontecementos.












4 cadeas rotas:
Habería que salvar máis cousas seguro, mais concordo contigo en que estas datas teñen unha dobre cara a que sempre é difícil buscar un xeito de tomala.
Un ano habería que propor aos lectores de poesía galega para o día das letras.
O do novo libro de estaleiro é unha grandísima nova para os que, coma min, seguimos moi de preto esta iniciativa e desfrutamos as entregas anteriores. Nos casos anteriores, beirear nas marxes foi un grande acerto.
Do libro de Patricia Janeiro temos que falar máis de vagar porque semella moi interesante.
Un saúdo.
PD Xa te comentarei, pero igual teño un plan divertido para o día 17.
O libro de Patricia xa está nas miñas mans... polo demais... ninguén pode falatar este vindeiro 17 de Maio. ...e cando se di ninguén quérese dicir ninguén... compre levar aos nosos amigos, familiares, etc...
...se chegamos á Quintana e non collemos "Feijolito se lo piensa".
O mellor da presentación foi descubrir que Patricia é lúcida, humilde e ten un delicioso sentido do humor. E a metáfora do equilibrista :)
Pois si, a estas alturas e visto e visto comeza ser difícil atopar esas características nunha autora.
Pastor: seguiremos beireando nas marxes, por esas e por outras.
Manuel: Tes razón, hai que encher Compostela ese día e non deterse no fasto: quedan outros 364 de loita.
Postar um comentário