Os anxos de Times Square

Naturalmente que todo é unha cuestión de coincidencias, pero moito me temo que este ano ficará na lembranza de moitos de nós como un ano negro para as nosas letras. Nas últimas semanas abandonáronos consecutivamente dous escritores fundamentais para a historia da literatura galega: Anxo Rei Ballesteros e Camilo Gonsar. Das súas características comúns cabería destacar a discreción coa que exerceron o oficio literario, especialmente o último, cousa que moitas veces os fixo máis coñecidos para críticos e teóricos que para o grande público (enténdase "grande" no seu contexto axeitado).

Os dous comparten tamén o feito de que, sen ter unha obra demasiado extensa, conseguiron influír fondamente no sistema literario galego nun momento moi determinado. Atreveríame a dicir que entre os dous constituíron parte fundamental dun elo moi concreto dentro da historia da nosa literatura, aquel que simbolizou o final da chamada Nova Narrativa galega ou a súa transición cara a outras formas de facer novela máis contemporáneas.

Camilo Gonsar foi, como é sabido, parte integrante daquel movemento que durante a dictadura tratou de enlazar a desoladora paisaxe da nosa literatura de posguerra cos movementos de renovación literaria de Europa. Porén, apesar da súa destacada presenza nese contexto, a súa novela máis importante será Cara a Times Square, de 1980. Moitos críticos considérana o canto de cisne da Nova Narrativa. No meu xuízo tal perspectiva ofrécenos unha visión incompleta. Compartindo moitas das características dese movemento, Cara a Times Square ofrécenos aínda algo máis: o primeiro paseo da narrativa galega pola cidade de Nova Iorque, e tamén pola idea de posmodernidade, algo que propicia, entre outras cousas, o derrubamento dos esencialismos identitarios. Se a Nova Narrativa tiña como un dos seus obxectivos a internacionalización da nosa literatura, pódese dicir que esta obra é o seu primeiro logro concreto, a súa primeira materialización, o final dun traballo custoso.

Un lugar semellante ocupa Dos anxos e dos mortos de Rei Ballesteros. Anterior no tempo (1977) ten o mérito de ser, non a obra mestra dun autor consagrado como Gonsar, senón o abraiante debut dun escritor novo que incorpora sen complexos boa parte dos avances narrativos dos seus predecesores, agregando aínda os propios. Retrato dunha xeración de estudantes composteláns, a dos estertores da dictadura, esta novela simbolizaba a promesa cumplida da recuperación da nosa literatura do machadazos infames que supuxeron a guerra e o franquismo, e marcaba o inicio prometedor dunha nova etapa.

Por máis que ambas obras estean máis ou menos esquecidas, o certo é que seguimos comendo de moitos dos seus froitos. Sen elas, a literatura galega de hoxe sería distinta. Sen eles dous, a nosa literatura está hoxe tamén un pouco máis orfa.

6 cadeas rotas:

Antuán disse...

Confesaría algo... mas teño enorme vergoña. Así que mellor vou correndo à biblioteca do Centro de Estudos Galegos...

lándoas disse...

Pero anos negros son todos os que pasaron desque esas novelas e eses autores existen e os medios, o público, a universidade e todos nós en xeral non lles prestamos a atención debida. Non cre, Mario?
Pregúntome en que consiste "a atención debida". É común entre os axentes do campo cultural considerar que a eles en concreto non se lles presta a atención debida. Os medios só a prestan, cutremente, en canto un palma. De aí aquela frase, "aos poetas séntalles ben a morte".
O desaxuste é grande entre oferta e demanda. Poucos lectores para tanta sobreprodución. De aí a plusvalía da morte. Os medios calculan: un menos a entropiar no couso. E conmemoran así o pasamento outorgando dúas páxinas ao finado/a (por certo, morren moito máis abundantemente os homes ca as mulleres nisto do campo literario).
Propoñería un debate sobre a necrolóxica cultural e a súa industria. E outro sobre a acumulación de premios entre os superviventes da esperanza-de-vida. O que di sempre Díaz Pardo: premiádesme porque son o máis vello.
Eses dous debates conflúen nun: aquí (aquí máis que acolá) para facerse un nome, unha de dúas: ou morres novo (pero non compensa) ou xa podes resistir alén dos 85 (compensa menos).

Mario disse...

Antuan: bule, que nesa famosa baixada ao Algarve deste ano vouche tomar a lección.

Lándoas: Ben, pola miña banda en canto a "atención debida" non teño remorsos, xa que parte do meu traballo académico tratou e trata sobre a NN, e coido que, polo menos a Gonsar, deille o tratamento axeitado. Outra cousa é que iso teña unha repercusión mínima no sistema (literario, académico ou xornalístico). O que si me doeu foi postergar unha entrevista con el que tiña en mente dende hai anos. Realmente nunca sabes quen vai faltar, sempre é mellor non deixar as cousas para mañá.

Concordo con aquilo de Borrazás (Arte e parte) de que neste país os escritores valemos máis mortos, de aí a nosa particular festa da Santa Morte, que se cadra haxa que mudar do 17-M ao 11-N, para ser máis coherentes. Con esa base de formulación do feito literario non é de estrañar que se forme esa necroloxía cultural. No fondo levamos décadas a influír así na sociedade, sen sequera darlle un mínimo pulo de xeración beat.

Non creo tamén na sobreprodución, máis ben na sobrecalidade da produción dos que agora van maiores. Tamén estou seguro de que dentro de trinta ou corenta anos non teremos este problema.

Polo demais, os homes morremos máis e máis rápido que as mulleres, non só en literatura. En parte é porque bioloxicamente somos máis superfluos (e non so por iso é que odio as formulacións bioloxicistas).

Por certo, hai un matón na porta do seu blogue que non me deixa entrar, creo que é por non levar convite, ou o calzado axeitado. Hai festa dentro ou xa están recollendo?

lándoas disse...

Non hai nin houbo festa dentro, Mario. O matón, liquidado. Fago xornada de portas abertas para que se comprobe que nada novo veu baixo o sol de novembro.
Acordo no que apunta, como sempre. E fico algo sobrecollido polo vaticinio a trinta ou corenta anos.

Manuel L. Rodrigues disse...

...a verdade é que levamos unha tempada que para que dicir...

tangaranho disse...

Faziam falta mais Camilos e mais Anxos...