Vivencias da luz do mediodía


Había moito tempo que non lía un libro de Ramiro Fonte, probabelmente porque foi un poeta que devorei na miña adolescencia, neses anos nos que lía, desordeadamente, todo o que me caía nas maos e asaltaba as bibliotecas próximas na súa procura. En particular trataba de facerme unha idea de conxunto da literatura contemporánea, poñer as tellas sobre a armazón que me trazaban no instituto. Naqueles anos lin moitos libros e merquei algúns menos. Para a miña economía da época un libro (e especialmente un libro galego) era toda unha inversión, así que tendía a preseleccionalos e facer unha lista para mercar só aqueles que presentía que querería volver ler. Nunca o conseguín. Nalgún lugar das miñas libretas de entón segue a haber unha lista de libros que nunca puiden mercar, algúns deles xa descatalogados. Os de Ramiro Fonte, polo menos os de poesía, linos todos ou case até aquel Capitán inverno. E merquei un. Non sei se hoxe en día volvería escoller o mesmo, ou se a miña escolla segue tendo validez crítica dez anos despois ou se é susceptíbel de ser refrendada pola crítica oficial. Eu escollín Luz do mediodía. E o que si teño claro, estes días que volvín botar mao del, é que sei perfectamente as razóns polas que o escollín.

Din as voces autorizadas que a poesía de Ramiro Fonte achegou a poesía da experiencia á literatura galega. Sexa ou non discutíbel tal cousa, o certo é que a raigame biográfica e xeográfica da súa obra é innegábel, e como ferrolán, éme moi doado sentirme identificado con boa parte dela. Ao longo da súa poesía puiden atopar referencias aos mesmos cines aos que ían meus pais na súa mocidade, e vin reflectida moitas veces esa relación tan frecuente de amor e xenreira simultánea coas cidades da comarca, ou esa pulsión vital que sentimos moitos dos que estamos fóra de que algún día regresaremos ao Norte, xunto ao noso pasado. Luz do mediodía fala diso dun xeito especial, e mesmo ten un fermosísimo poema adicado aos sucesos do dez de marzo ou unha lembranza ás catástrofes mariñas da zona. A experiencia de Ramiro Fonte é fondamente ártabra, pertence a ese Norte e a esa comarca difusa que responde a nomes como Artabria, Trasancos ou Ferrolterra, e que nos inclúe a todos sen incluirnos a ningún.

Vimos de dicir en Mariñán, maiormente, que a distinción entre as xeracións non é estética ou biográfica, senón de vontade ou política. Nese sentido, e apesar da clásica confrontación entre os 80 e os 90, existe unha liña clara e un monte de poetas nov@s que comparten moito con Ramiro Fonte, un dos iconos da xeración precedente. Particularmente non me inclúo entre eles, aínda que iso non debería dicilo eu, e se cadra iso atinxe máis á outra noción de pertenza xeracional. A poesía de Ramiro Fonte é para min unha peza coa que non pensaba facer moito máis do que fixen, se é que fixen algo, pero que dalgunha forma constituíu unha tella máis do meu tellado, da miña noción do que era a literatura galega. Hoxe hai unha pingueira no ceo da Artabria.

E sei por que motivo,
Por que herdanza de país,
De graves e celestes carpinteiros

Do ceo dos teus buques, por que leves

Raíces afogadas no aire,

Por que engano de nubes vagacentas
Que levan a tristeza
Que recollen da terra cara ó leste

Vou procurar as rotas que marquei noutro inverno;

Deixar que veña a min esa rúa profunda
E que toque o meu peito un pouco antes
De partir para sempre para sempre.

do poema As lúas suburbanas,
Luz do mediodía

3 cadeas rotas:

folerpa disse...

Esa foto está tirada no esteiro do río Covés? Semella que sí, a uns metros do máxico teixo e da casa do meus avós, territorio da miña infancia. Canta saudade...

Mario disse...

Esquecín citar a referencia: a fotografía é da wikipedia, e eu crin identificar nela a zona do Eume que serve de cemiterio de barcos, aínda que como non teño moi clara a referencia do río Coves, pode ser que teñas razón. Non sabía que tamén tiñas raices pola zona, compañeiro. Aínda habemos botar fíos e descubrir que somos curmaos ;-)

FraVernero disse...

Ramiro era tamén moi 'outsider', por varias razóns que se vos apetece, podíamos discutir nesta túa casa. De xeito similar (anque distinto) a Pexegueiro. Evidentemente, á hora das homenaxes post-mortem son cousas que se liman, anque fican os textos aí.

Morte estraña e inagardada. 'Era así a soidade...'