O tema xa non está na actualidade da blogoleira nen en ningures, pero non me resisto a deixar constancia de novo do frouxo que é o último filme de Allen. Habitualemente este feito non tería a menor importancia, a fin de contas o neoiorquino vai case a traballo por ano dende os anos sesenta e é moi complicado manter unha calidade constante en tal enxurrada de títulos. Así, cando se anuncia un filme novo sabemos que podemos atopar unha obra mestra ou outro de tantos resbalóns.Porén, neste caso, a percepción foi distinta, probabelmente polas especiais circunstancias nas que foi rodado filme. O feito de estar ambientado no Estado español e con cartos de empresarios cataláns, fixo que o seguimento dos medios fose especial e contribuíse a crear unha atmosfera de anticipación. Hai un ano xa se daban noticias sobre como acontecía a rodaxe na cidade condal, e hai un par de meses deuse unha cobertura mediática da estrea na que se chegou a apuntar a posibilidade dalgún Óscar. Non cabe dúbida de que o interese na rendibilidade económica do filme era bastante alto, a xulgar pola escasa independencia coa que actuaron moitos xornalistas.
Porén co paso das semanas, as opinións sobre Vicky Cristina Barcelona son case unánimes e apuntan máis ben cara ao baixo. Non me cabe dúbida de que o novo traballo de Woody Allen é unha brincadeira, un xeito de rirse da encomenda de rodar unha postal de Barcelona, cumpríndoa ao pé da letra. A postal está, como toda postal, chea dos tópicos irreais sobre as culturas hispánicas: dende o latin lover paixonal pero intelectualizado que formula o personaxe de Bardem, até os concertos de guitarra española nos claustros dos conventos. Con iso contabamos, aínda que xa sospeitabamos anticipadamente que non íamos gostar. O que se leva pior é o ton de comedia romántica posmoderna, a pretensión de contar unha historia sentimental pretendidamente profunda no medio da banalidade e o caricaturesco das sobreactuacións. Como outras veces, dá a sensación de que Allen atopou moitas pezas interesantes que non soubo como colocar dun xeito convincente no seu proxecto de parodia. E se cadra o pior é que, pretendendo rirse do encargo dos empresarios, acabou insultando á intelixencia do seu propio público.
Por certo, como dixo xa alguén: Barcelona é esa cousa grisalla que hai entre os monumentos.












2 cadeas rotas:
Enfim, a culpa é dos empresários cataláns pais da ocorrência, por serem tam pailarocos.
totalmente dacordo. a min mais que un insulto pareceume unha grande oportunidade perdida. conta exactamente a súa mirada sobre barna que a que amosa sobre oviedo. postaliñas e nenas guapas que se emborrachan e perden os papeis de perfecta prometida ianqui.
en fin, que o encontro " fortuito" dinate do lagharto do parque gÜell non ten desperdicio.
moitos saudiños e quedamos para ver a proxima,,,a ver que pasa.
Postar um comentário