Da difusión e a literatura


Hai tempo que descrín bastante da utilidade dos debates respecto da cultura galega, en boa parte pola observación da escasa influencia que teñen despois nunha hipotética praxe, ou o que é pior, a catastrófica xestión desa praxe nas escasas ocasións nas que ten lugar. Apesar diso, e tras sortear algún outro de menor importancia, atrévome a abordar este por dúas razóns. A primeira, que en boa parte está impulsado por Arturo Casas, un dos poucos mestres que tiven na miña longa vida académica dos que podo dicir que cumpriron as miñas expectativas como tales. A segunda é que coido que unha parte da súa formulación atinxe tamén ás orixes da inutilidade habitual deste tipo de debates. Desculpándome polo tixolo que se aveciña, e para facilitar un tanto a súa dixestión vou ir citando entre parénteses as referencias aos pontos destacados por Alfredo Ferreiro.

Na miña opinión, e cun argumento que moito temo rondará toda a postaxe, a cuestión pasa directamente pola inconmensurábel incompetencia política que vivimos neste país nos últimos setenta anos. O descoñecemento xeral da cultura galega por aí fóra ten as súas bases en políticas que trataron de vendernos cada mención exterior a pé de páxina como un triunfo e/ou unha fachenda, despreocupándose de actuar creando ou amparando relacións interculturais. Un bo exemplo disto é a tan proclamada excelencia da nosa literatura medieval, espello do noso maior éxito como produtores culturais. A crúa realidade é que a literatura medieval galega malamente é recoñecida en Portugal como tal (e non digamos xa no resto da lusofonía), e fóra de aí entra só no currículo dos estudosos especializados. Do mesmo xeito hai que ter coidado coas armas de dobre fío como foi a Feira do Libro da Habana: por unha banda serviu para promocionarnos ante a masa de lectores críticos máis importante de Latinoamérica, pero gostaría saber se esa relación galego-cubana vai ter continuidade ou se dentro de cinco ou dez anos os lectores novos de Cuba seguirán sen coñecer grande cousa da nosa cultura. Como grandes perigos, ou grandes males podemos falar da glorificación do fasto, a sobredimensión da cita e a tendencia ao universalismo (crer que a nosa percepción da grandeza de Rosalía é un sentimento universal, por exemplo, algo que tamén procede da falta de crítica interna).

O pior de todo é que a relación do mundo cultural é a de asentamento absoluto nese embiguismo xeralizado. A compracencia produce unha sensación constante de "todo vai ben" que frustra calquera tipo de difusión exterior, xa non a nivel de promoción por parte das forzas políticas, senón afectando tamén aos propios axentes culturais, que só actúan cando se produce unha agresión como o caso de Steiner.

Claro que tamén está a segunda parte diso. As críticas á AELG son perfectamente lexítimas, pero é curioso que a ninguén lle chame a atención que as asociacións de escritores levan facendo dende hai tempo o papel que as forzas políticas non fan. Quen debería mandarlle información da Galiza a Steiner, ou convidalo a vir gastos pagos, ou declaralo persona non grata, segundo proceda, é o goberno galego. (4) Para min as declaracións de Steiner non o deixan tan mal a el canto a todos e cada un dos gobernos da Xunta, os responsábeis de promocionar e dar a coñecer a nosa cultura polo mundo. Pero é curioso, todos actuamos como se iso non fose laboura da Xunta, senón dos escritores e das súas asociacións. (E ollo, non digo que non debamos pronunciarnos, senón que non é normal que sexamos os únicos en pronunciarnos).

Así que con isto na mao eu creo que si podemos falar dun centro ideolóxico (2) que non ten nada de difuso, pero que tamén non funciona porque non ten lexitimidade política, só autoridade cultural, ou "intelectual" se se prefire. E tamén non creo que ese centro funcione tan ben a un nivel interno (3) fóra do eido intelectual ou da burbulla compostelana. Que un galego medio non se sinta atacado ao ver que se lle chama dialecto á lingua do seu país (aínda que non a fale) é unha triste realidade que non se dá tan a miúdo no caso catalán, por exemplo.

Por último, o problema de ser periferia non é tanto selo como o complexo por selo. Os movementos que xurdiron nas marxes e tiveron algún tipo de éxito foron os nacidos con consciencia de periferia, e sendo fieis a esa propia idea. Precisamente o encontro con esas outras culturas (6) que nos permite o mundo globalizado debería orientarse cara as que teñen ou tiveron problemas semellantes aos nosos. E esas non existen en ningún centro, e si en cada unha das periferias.

Aquí vivimos encadeados ao odioso concepto de "normalizar", e esquecemos que o orgullo de non ser normais non é máis que orgullo por ser o que somos. Precisamente o que falta é máis actitude "periférica", nun sentido positivo, creativo e diferenciador. E aínda que tamén poño en dúbida a "excelente hora presente" (4) da nosa literatura, por mor daquilo do "todo vai ben" que dixen máis arriba, tamén é certo que o mellor que nos ofreceu este momento veu dende a ruptura coa normalidade, e dende obras literarias só concebíbeis nunha literatura periférica.

As propostas de acción a nivel de rede social (6) son interesantes, pero se cadra non deberamos perder nunca a perspectiva de esixir respostas por parte dos poderes políticos. É certo que tod@s @s galeg@s temos unha parte de responsabilidade na nosa imaxe pública como comunidade, e tamén na dos nosos produtos culturais. Porén, a nosa promoción exterior é unha tarefa que excede os esforzos da comunidade de axentes culturais da Galiza. Bastante traballo é a produción e a implicación, o esforzo voluntarista (véxase os editores), os "traballos gratuítos" e a acción política, como para ter que asumir tamén todo o que implican as labouras de difusión e información, e aínda por riba facelo dun xeito coordinado.

E por favor, que non abran outro Centro máis (5), a non ser que lle dean ao señor Arturo a direción absoluta e vitalicia do mesmo.

8 cadeas rotas:

dedoscomovermes disse...

venho de ler mia couto e guardei-lhe umha frase que vem a conto neste assunto e nisto que comentas [penso que comparto todo o discurso]: "matar o patrao? mais difícil é matar o escravo que vive dentro de nós".
para mim é isso o que acontece com o sistema cultural galego: segue escravo de centos de centros alheios e nom é quem de livertar-se. a culpa leva-a o patrao [aqui steiner] mas o problema é de quem ainda vive como escravo.

Manuel L. Rodrigues disse...

Eu, persoalmente coido que a cultura, nos tempos que estamos, tende a diversificarse, cousa que en Galiza atopa todo tipo de problemas.

En literatura somentes hai que coller unha colección (do que sexa) e ver que a liña ideolóxico-estilista-literaria é (senon a mesma) copias as unha das outras.

En poesía a cousa acentúase.

Por outro lado: quenes son os representantes de, por exemplo, a nosa poesía no exterior??? (Pensade mal e adiviñarédelo)

...así non se pode facer.

Alfredo Ferreiro disse...

Pensando mal, Manuel, é que non se pode facer. Pensando mal non se fai nada a dereito.
Xa pensei moitas veces, e concluín que perdo as enerxías que preciso para facer o que me interesa. Cando así fixe, xúrollo, menos acreditaba nos meus proxectos. E iso é frustrarse antes de comezar.

Manuel L. Rodrigues disse...

ALFREDO:

Eu coido que deveriamos ver a situación desde unha perspectiva de tolerancia e diversidade onde se publiquen, se premien, ou se valoren aos autores e obras pola súa calidade literaria e non pola temática que estes desenrolen.
Unha temática, por outra banda, repetida até a saciedade, cun estilo pouco traballado, con total auséncia de imaxes, con falta de coherencia na relación sintáctica das figuras, etc... e por suposto con excasísimo resultado por parte do lector que considera a Literatura Galega como algo inferior e dependente do sistema español (lugar a onde van a parar os poucos escritores galegos que teñen un mínimo de éxito).

Hai que DIVERSIFICAR (abrir novos camiños). Non podemos (nin debemos nin queremos) estár sempre repetindo: "ameixa" (almorzo, xantar e cea) todos os santos días.

...e isto non deixa de ser unha opinión persoal e mais nada...

Alfredo Ferreiro disse...

Paréceme luvábel a túa perspectiva, mais o que deciden os xuris dos premios é o que como individualidades son capaces de fornecer. Podemos cuestionar a cualidade dos membros, mais de que nos serve aos escritores iso?
Desde sempre estou pola abertura de novos camiños, e nese sentido opero cando algo depende de min. Acontece que no día a día de min só depende o que me poño eu a escribir.

Manuel L. Rodrigues disse...

...claro claro; estou de acordo. Non imos poñer a cousa con intencións de realizar unha cruzada que sería imposibel gañar.

...aínda así: coido que a nosa reacción respecto ao sistema literario galego é (aprox) semellante á que temos respecto aou funcionariado en xeral. De que nos serve? De nada, pero queixemonos!!! ...é o único que podemos facer. (é que en Galiza non se venden libros, é que a literatura en Galiza é unha literatura de amigos, é que tal funcionario da administracción é un inépto). Como lle dicía eu a unha rapaza antote; ilusa de ti, pero que esperas...

Un saúdo.

ekis1331 disse...

Ousarei incorporar unha perspectiva alonxada do epicentro do post, se ben en última instancia, quizais determinante.
Cómo é posible que un estado plurilingüe coma o noso non lle obrigue ós seus habitantes a formarse no coñecemento das diversas linguas que o constitúen,como mínimo como asignaturas optativas ó longo da formación académica?
Axudarianos tanto a todos...

Mario disse...

Obrigado a tod@s por responder. Estou especialmente de acordo con dedoscomovermes, a frase é preciosa e suscríboa completamente.

En canto ao debate entre os amigos Manuel e Alfredo, recoñezo que lle vexo tantos matices que non sabería por onde comezar (se cadra un día destes, cunhas cañas diante...)

Ekis: benvido de volta!!! Deches cunha das raices do tema, unha que podería anular o debate ou trasladalo directamente ao político. A falta de vontade integradora do Estado é a mellor explicación aos conflictos nacionais, e funciona como continuadora "inocente" (por simple inercia), das vellas políticas de exterminio cultural (que tamén son constantemente negadas e falseadas historicamente, por certo).