Arsenio

De sempre se dixo que os premios literarios deste país, especialmente os que están organizados por concellos ou outros organismos públicos, cumprían a función de promocionar a cultura. É dicir, que como a literatura moi malamente dá para vivir, e dentro dela mesmo hai algúns xéneros que nen sequera poden sufragar a súa propia edición, estaba ben que os poderes públicos recompensen de cando en vez aos autores o seu desenvolvemento desinteresado. Esta filosofía é a que subxace tras da maior parte dos moitos premios de poesía que existen na Galiza, e leva varias décadas funcionando cos seus claros e as súas sombras. Por unha banda é certo que ten incentivado a creación literaria, posibilitando edicións pouco rentábeis comercialmente pero dun enorme interese literario. Polo lado escuro tamén contribuíu ao xurdimento de determinadas dinámicas enormemente negativas. A pior de todas elas é a que convirte a cesión do premio nun trámite que as institucións empregan para cubrir un currículo determinado, esquivando o verdadeiro compromiso coa difusión cultural.

Neste sentido ao maniñés Arsenio Iglesias tocoulle experimentar o pior lado desta mecánica. Arsenio gañou o premio Avelina Valladares do concello da Estrada no ano 2006, un premio que incluía unha cantidade de cartos e que contemplaba tamén a posibilidade da publicación do libro. A día de hoxe Arsenio recibiu os cartos e pouco despois un monte de excusas e explicacións enrevesadas que adiaban sen data a saída do seu libro. A guinda final foi a publicación de Nove, o poemario de María Lado que gañou o premio un ano despois. A María, que ademais fora xurado o ano anterior, dixéronlle directamente que tras tanta espera, o libro de Arsenio non sairía. A gravidade do asunto non só está no agravio comparativo que supón deixar ao de Fene como único gañador sen libro, senón porque no volume de María figura a edición do premio que gañou el.

O libro de Arsenio foi así borrado da historia, e aínda hoxe o novo goberno do concello segue sen ter claro se vai amañar esta discriminación inxustificada ou non. Naturalmente, a súa percepción probábel é que xa cumpriron as súas obrigas monetarias. Para eles un autor pode agardar dous anos en balde e ver como o seu libro é tratado con tan pouco respeito e interese, pero debe darse por contento porque xa cobrou. Realmente esta lóxica perversa evidencia a deficiente comprensión que teñen as institucións da mesma cultura que están a subvencionar.

Agardemos que a xente da Estrada entre en razón e que a publicación desa pequena xoia chamada Ático non demore moito máis.

Máis información, aquí, aquí e aquí. E isto é Arsenio explicando o caso en Radiofusión.

17 cadeas rotas:

igor disse...

Se calhar resulta que os "direitos de autor", som algumha cousa mais que um gabinete de avogados e economista a recaudar dinheiro, montanhas de dinheiro, polas copisterias e as bibliotecas. Se calhar, resulta que o mito do copirrait é um invento para ter entretidos a muitos e bem mantidos a uns quantos.
Se calhar, deveriamos procurar umha forma de publicar esse livro.

Manuel L. Rodrigues disse...

Manda carallo!! Pero iso que contas é real?? Que argumentos deron para "non publicalo"???

(de todos os xeitos coido estár dacordo co que creo que quere dicir Igor)

Mario disse...

Si, esa perspectiva que apuntades os dous está latente, pero non quixen sacala para non enrevesar aínda máis a entrada. A cuestión é que, por desgraza, aínda hoxe non estamos en condicións de considerar uha edición dixital como equivalente perfecto dunha edición convencional. Por unha banda si que proxecta un público potencial moi interesante, por outra, hai espazos que se lle van fechar de entrada. Por exemplo, non hai unha soa crítica de ningún libro editado dixitalmente neste país. A visibilidade págase con otras invisibilidades. Xa digo que dá para outra entrada.

En calquera caso o pior que fixeron foi telo agardando para despois non cumprir os seus compromisos. O libro é moi bo e tería seguramente outras saidas (sígueas tendo, pero xa perdeu dous anos preciosos).

E si, Manuel, é certo. Non quixen reproducir algunhas das "explicacións" que lle deron oralmente, por canto non son oficiais, pero houbo argumentos moi preocupantes e que evidencian un xeito moi curioso de entender as responsabilidades políticas.

Alfredo Ferreiro disse...

Sendo un libro bon agora veremos se o sistema lle fai o sitio que merece.
Se Arsenio fose socio da AELG eu proporía movilizar a asociación para que falase cos promotores, dado que aínda que non había obriga nas bases acontece que houbo compromiso verbal e máis é unha manifesta inxustiza comparativa. As bases ambiguas non son de recibo.

Antuán disse...

Que miserábeis! Ao Cousillas aconteceu-lhe o mesmo com o Johan Carballeira de 2005. Pediram-lhe para (quando era o seu ano de publicaçom) ceder o "turno" a persoa que ganhara no certame de 2006. E despois... nunca mais se soubo.

Mágoa por Arsénio e @s leitor@s... seguro que as explicaçons do concelho som de antologia...

Mario disse...

Agradecido, Alfredo, por darlle un pulo ao tema. Un dos paradoxos da AELG é que non se pode ser socio sen ter publicado nada, polo que en principio casos como o de Arsenio, que son os que máis precisarían de apoio, fican fóra da súa acción. Supoño que isto é así só moi relativamente, eu recomendeille que consultase se podían axudalo dalgún xeito.

Antuán, xa sabía eu que había máis casos por aí, aver se fomos destapar a caixa dos tronos. O mínimo é que os casos se vaian sabendo.

brangaene disse...

Isto é apenas un máis dos moitos agravios que acontecen nas consellerías de cultura de tantas e tantas vilas do país... A Arsenio, como lectura para non desmoralizarse, propóñolle "Bartleby y Co." de Vila-Matas. Tal vez lle divirta imaxinarse nese limbo da literatura potencial universal, entre libros non publicados, manoscritos queimados e escritores que non escribiron...

dedoscomovermes disse...

escrevera um discurso longuíssimo e perdeu-mo o senhor blogger.
tentarei refazê-lo.

som da estrada, e por isso, toda esta história que comentades nom me surpreende em absoluto.
o concelho da estrada, entanto isntituiçom, caracterizou-se, neste últimos decénios, polo seu dessinteresse total cara todo aquilo que de longe cheira-se a cultura. palavra cultura, dedos ao nariz.
em tempos, eu figera um trabalhinho, que anda por algumha agália, sobre o outro certame literário do concelho, o garcia barros de narrativa. as conclusons eram pra mim evidentes: a falta de política cultural era suplida pola ploriferaçom de prémios. o concelho inviste em três ceias, três juris e três cheques aquilo que nom inviste em bibliotecas [deveríades dar-vos umha volta pola municipal], em concertos, em difusom teatral, em ajudas a entidades asociativas, etc etc.
o que se importa é sair nos jornais acarom de alguém com reconhecido prestígio. umha vez feita a foto, que mais tem se a obra é publicada, total, para quatro que a iam ler...

o mais triste é que, como indicades, teoricamente mudou o governo municipal. teoricamente.
no caso acontece ao invês daquilo que cantava josé afonso: mudárom os tempos, mas nom mudárom as vontades.

a minha dúvida é: será por ignorância?

Mr Tichborne disse...

Eu coido que o concelleiro de cultura é un celtista radical que cre que o bo de Arsenio é aquel gran adestrador que tivo o Depor e non lle quere dar nada :D
Piadas á parte, é unha boa putada. Lémbrame o caso de Ruibal, do que tampouco queren difundir a obra (neste caso trataríase de representala sobre as táboas) malia neste caso SI rezar nas bases do premio.
Agardo que vexamos tarde ou cedo a obra de Arsenio en papel, dun xeito ou outro. E outros, que deixen de meterse con críticos das antípodas e defendan á literatura e ós escritores de aquí.

A rapaza do arco disse...

Supoño que agardarán que a xente non monte escándalo ou que non vai ter moita repercusión mediática aínda que o fagan. Eu creo que a proba diso está en que lle puxeron ao seguinte libro o número da convocatoria que gañou Arsenio, a min paréceme inxenuo pensar que se equivocaron (non é un verso, nin un poema, vai en letras ben grandes na portada... con esas cousas tense bastante coidado).
Supoño que non contaban coas redes alternativas de comunicación e apoio, nin que María se preocupase do tema, pero non foi así. Agora... excusas, e a ver como o arranxan.

Alfredo Ferreiro disse...

Consultada a AELG, a situación que percibín foi a seguinte: a) para ser socio é preciso ter como mínimo un libro individual publicado, un grupo relevante de obras dispersas en diversos medios ou creación habitual en espazos dixitais, por exemplo. A vara de medir admite varias posicións e grosores, como pode verse, mais exixe un mínimo demostrábel de traballo publicado para que o consello directivo acepte a proposta.
Por outro lado, ábrese a posibilidade de, se o considerarmos oportuno, promover un escrito que recomende á organización do Premio unha revisión das bases no sentido de: a) Eliminar ambigüidades sobre a cualidade do premio (con ou sin publicación); b) esclarecer os termos sobre os dereitos que pretenden reservarse; c) etc. A confección dun rascuño podía dar lugar a unha carta que a AELG enviase como recomendación de melloras á organización do premio.
Contade comigo para isto, desde logo, se precisades.

igor disse...

Eu estou com alfredo e a sua proposta de actuaçom. Ademais, penso que a AELG (ou no seu defecto: o grupo de pessoas que estejamos dispostos a assinar umha carta assim) deveria nom só enviar umhas recomendaçons à organizaçom, também deveria enviar umha carta apoiando/apremiando/exigindo a publicaçom da obra premiada.

arsenio disse...

Ola a tod@s. Grazas a todos polo apoio. Quedei moi sorprendido vendo tantos comentarios nun post que se titula co meu nome, aínda que, en realidade, como ben dicides vós, o tema vai moito máis aló do meu caso concreto, hai moita máis xente nas mesmas circunstancias e este é só un exemplo de como funcionan as cousas neste sistema e do nivel de implicación, das prioridades, dos criterios, etc... das administracións.
En principio, a finais deste mes o concello da Estrada darame a "segunda resposta definitiva" sobre a publicación do libro. Despois, segundo o que digan, poñereime en contacto coa AELG ou o que faga falla. Xa me dixeron máis dunha vez, e vós tamén o dicides, que isto deixou de ser un problema meu e pasou a ser un problema de todos os que andan na historia dos concursos, dos que queren publicar o seu primeiro libro, etc.

haizea disse...

é unha pena que exista unha distancia tan grande entre os temas "políticos" e os "culturais". Parece que os políticos aínda non se decataron de que a forma de facer (ou non facer) cultura é tamén política, e que la política non consiste só en coleccionar votos e facer despois o que se queira con eles.

Dende Euskal Herria tamén se intentará dar todo o apoio posíbel a Arsenio porque, como el e tod@s decides, esta non é unha cuestión só del, senon tamén de todos os que escriben no ámbito galego e, en xeral, de todos os que intentamos aportar algo á cultura, ás veces con moitos sacrificios económicos e persoais.

Muxu bat.

Mario disse...

Brangaene: É a segunda referencia que atopo nesta semana dese libro, voume ter que facer con el, que xa me picou a curiosidade.

Dedoscomavermes: obrigado pola túa perspectiva, a verdade é que esa era a sensación que tiña de todo isto, é ben que alguén a confirme. E aínda por riba o das bibliotecas...

Tichborne: si, a conspiración celtista-masónica há de andar por aí (como se che notan as orixes). A de Ruibal é outra boa, e esa si que non creo que teña xa moito amaño.

Arqueira: O que asusta é pensar a cantidade de casos similares que deberon darse polo país adiante sen que chegasen a saberse. Aínda que non se solucione o tema polo menos que se saiba.

Alfredo e Igor: obrigadísimo pola vontade de acción, veremos como se desenvolven as cousas, pero é moi reconfortante ver que a inxustiza é obxectivamente evidente.

Arsenio: aver cando podemos entrar todos xuntos nese ático e mesmo facer unha festa dentro.

Haizea (isto si que é internacionalización do conflicto): Por desgraza a cultura democrática evoluiu espantosamente pouco nos últimos trinta anos, aver se isto se amaña e ademais é o último caso.

r.r. disse...

E contade tamén comigo. Ademáis, dicialle a Alfredo no bló das Minas, sería bo levar algunha idea ou proposta para ese encontro do fin de semana do 26 en Mariñán...

LM disse...

pois ai vai outra vaca mais no milho... vemonos em marinham: a Deputazom retira-lhe o premio Gonzalez Garcés a Eduardo Estevez.

Eduardo Estevez e o premio Gonzalez Garcés


Demasiadas veces perdemos o noso tempo ollando para os de fóra e indignándonos por palabras no aire que pronuncian persoas como Steiner, deixamos correr os días en disputas decimonónicas en vez de mirar para dentro, para nós mesmos. E seguiremos así porque é a nosa natureza minifundiaria de matar ao próximo.

Asistimos, mais uma vez, a unha vella reclamación da denominada xeración dos 90: a renovación das formas, dos contidos, e novos espazos para a poesía. E asistimos, mais unha vez, á oposición dos centros literarios que temen morrer a mans dos fillos.

Eduardo Estevez incorpora, en xaneiro de 2006, unha tradición, amplamente desenvolvida noutras literaturas, á nosa: a participación do lector nos procesos de producción. Abre un dos primeiros blogs no noso eido cultural con esta temática. Grazas a el puidemos achegar os nosos comentarios, alterar liñas enteiras dos poemas ou propor ideas. Precisamente, esta innovación literaria é o argumento central polo que agora se lle retira o XIV Premio de Poesía Miguel Gonzalez Garcés.

Se, desde o ponto de vista filolóxico, é inadmisíbel confundir proceso poético de producción con obra ou produto final, desde o punto de vista do receptor non cabe máis do que pensar que sempre seremos unha literatura minifundista baseada no escurantismo. Por que? Pois porque se unha serie de persoas especializadas en litertura se deixan influir polas leas do sistema ata o punto de rexeitar os propios principios da escrita, que nos queda?

A poesía como xénero non é unha insipiración das musas senón o froito dun traballo de anos e anos, de longas sesións de correccións nas que unha coma ou un punto cambian completamente o significado do verso, na que un acento varía a métrica, na que unha grave altera a rima... se son os propios xurados e especialistas da literatura os que confunden o proceso poético co producto, se son eles mesmos quen negan o seu propio traballo formado e especializado afirmando que un bosquexo inicial é o mesmo do que unha obra editada, que nos queda?

Moi sinxelo: unha literatura que non se recoñece a si mesma co rango de producción especializada, un oficio sen rigor. Un escritor non é máis do que un instrumento dos deuses que non precisa ter unha formación que distinga elementos tan básicos como obra e rascuño, o escritor é aquel que decide o que o lector debe recibir...

Pois como lectora, como filóloga, négome a que me prohiban incluir os recursos da miña época na escrita (internet, os blogs,...), como lectora desexo unha formación literaria axeitada de aqueles aos que lles axudo a reclamar os seus dereitos de autor (os dereitos conlevan deberes) e como lectora expreso a miña indignación ante aqueles que prefiren gañar nos despachos o que non son capaces de gañar coa súa obra ainda que sexa a custa dun compañeiro de profesión.

Que nos queda? o minifundio literario.