Ben, parece que tras, as primeiras probas ao longo deste mes, o Grande Colisionador de Hadróns entrará en funcionamento o vindeiro 10 de setembro. A noticia non sobrepasaría do interese científico se non fose por determinadas previsións catastróficas que prevén a creación dun burato negro que se tragaría a terra, ou a intromisión de materia estraña que provocaría unha reacción en cadea capaz de "destruír" o universo coñecido e parte do outro.Os que lembramos o final do século XX e aínda os primeiros anos deste, estamos afeitos ás previsións de final que acompañaron parte da súa cultura nese tempo, só hai que lembrar a cantidade de filmes de catástrofes que se deron nese ano, dando corpo á vivencia milenarista máis importante da historia da humanidade. Porén, este caso é completamente distinto, porque aínda que voces tan autorizadas como Stephen Hawking desmintan o posíbel risco, é a primeira vez que a unha ameaza inmmediata procede dunha fonte científica, e é a primeira vez que se fala, non só da nosa desaparición como especie, senón da de todo o universo.
Por unha banda, tal idea non deixa de parecerme unha expresión máis dun antropocentrismo exacerbado. A posibilidade de que o ser humano poida destruir o universo cun colisionador de hadróns (ou doutro xeito) é bastante próxima á dun grupo de formigas que pretenda destruír o planeta Terra cunha pistola de xoguete. Que semellante idea se lle pase a alguén pola cabeza é unha expresión máis do exceso de trascendencia que lle damos á nosa existencia como especie, a cal non deixa de ser máis que un pouco de carrizo agarrado a unha rocha que xira no espazo.
Claro, que aínda sen acabar de crer na catástrofe maior, non descartaría a posibilidade de facer unha que valla por dúas e efectivamente converternos nun furado negro, ou provocar algún tipo de alteración catastrófica "menor". Visto o visto, a miña confianza na humanidade é suficientemente pouco como para hipotetizar cun final así. Podería o ser humano crear unha pistola xigante coa que dispararse na fronte mentres trata de aprender a usala? A miña resposta é un rotundo si, aínda que confío en que non sexa desta vez.
Por se acaso, vaian preparándose. E un consello: non fagan testamento, non vai quedar ninguén para lelo.












8 cadeas rotas:
Gho, como te pasas! Este post pertencíame por dereito! :p O do colisionador de hadróns soa a sci-fi chunga, é como se nos din que van crear un condensador de fluzo, como se o sacaran de Star Trek. Concordo contigo en que pensar que podemos cargarnos o universo como quen explota burbullas do plástico ese de embalar resulta, cando menos, un tanto pretencioso. O que non entendo é a que ven tanta preocupación. Non vos decatades de que se implosionamos o universo non nos vai dar tempo a darnos de conta?
Ola. Aínda que non moi profunda, eu son de formación científica. Polo que escoitei non hai moito nalgún medio de comunicación, pero en declaracións de científicos que traballan coas entidades que instalaron ese colisionador, existe a probabilidade de que suceda iso, pero é tan ínfima que podemos durmir ben tranquilos.
Quen se puxo todo pesado con ese tema e lle está dando moita bola ao mesmo é un "científico" con moi pouco prestixio que destaca precisamente por anuncios dese tipo que, como é previsible, nunca se cumplen. É dicir, unha persoa que pretendía ser Stephen Hawking pero que está moito máis cerca de Iker Jiménez.
Eu tampouco teño moita fe xa no xénero humano porque xa demostramos moitas veces a nosa estupidez. Pero non sei se é porque teño afinidades con eles, o dos científicos é un dos colectivos que me resulta máis fiable e sensato. Teño bastante menos confianza nos políticos e nos xornalistas, que lle imos facer!!!
Saúdos. Ignatius J. Reilly.
Pois eu o día 15 teño un exame, así que se van destruir o universo que avisen que me poño a outras cousas.
...manda carallo; xa o podían deixar para cando eu volvese de vacacións...
Estaremos atentos de todas formas.
Saúdos
pffff.... pois nom vai dar tempo a que venhades a Faro. Nem sequer vai dar tempo a que alugue casa... pronto, dinheiro que aforro (mas para que?).
Despois de séculos matándonos os uns ós outros e ó noso entorno natural, o seguinte e consecuente paso dende un punto de vista lóxico sería que acabásemos co resto da existencia... éche así...
sexa como for: as posibilidades de que ese burato negro destrúa o universo son mais ben excasas; que conste.
Ben, agradecido por todos os comentarios, especialmente a Roberto polas aclaracións, aínda que de todo saquei o tema máis ben como divertimento e como escusa para o meme seguinte.
Ah, Manuel, creo que polo que se sabe non hai ningunha posibilidade de que n burato negro destrúa o universo (dentro do contexto do experimento, só afectaría ao planeta). Tamén é certo que o concepto "destruír" está interpretado en clave antropocéntrica (penso que sería máis ben unha "transformación radical").
Postar um comentário