O oráculo falou


Ninguén pensou que se atreverían, pero si, 30 homes e/ou mulleres sen piedade veñen de ciscar polo chao as nosas esperanzas un ano máis. Ramón Piñeiro, se cadra a pior escolla posíbel, sobre todo se temos en conta que como escritor traballou pouco ou nada e como axente cultural moito e mal.

A este excelso home debemos cousas tan fermosas como a ruptura durante a dictadura entre o Partido Galeguista do exilio e a clandestinidade de aquí, cousa que implicou a liquidación definitiva do partido de Castelao (e aínda hai quen di que Piñeiro era un "galeguista clásico"). Tamén avogou pola renuncia á loita política contra a dictadura para abrazar unha loita cultural sen saída e despois da dictadura creou a teoría do "nacionalismo difuso", delirante e difusa como o seu propio nome indica, que consistía en conseguir que todos os partidos se volvesen galeguistas (non quero ser inxusto, pero estame parecendo a ponte que usou Fraga para pasar á Xunta catro veces seguidas). E claro, o europeísmo, esa idea de que progresando no camiño dunha Unión Europea, acabaríamos por liquidar os Estados e quedarnos só coas nacións, ben unidas nunha macroestrutura política. O tempo estalle dando á razón a tal idea visionaria. Aínda lembro o que me rin lendo as memorias de Franco Grande cando conta a posición que tiñan daquela na guerra de Alxeria: evitar a descolonización e conseguir que Francia lles dese a nacionalidade francesa aos alxerianos. Supoño que despois viría o de caramelos para todos.

Pero ao César o que é do César, e unha cousa que se lle pode recoñecer a este home na súa grandeza de espírito, foi ter traballado e dar a súa vida pola Galiza. E como tal, seguindo as instrucións do oráculo, respectarémolo e aclamarémolo. Naturalmente, vou aproveitar para desdicirme das miñas anteriores propostas ao oráculo, que xa entendín pouco atinadas e un tanto excéntricas. Teño que dicir na miña defensa que non sabía que valían políticos, así que nen ionquis, nen popis, nen poetas mortos, a idea é escoller a alguén que dese a vida polo país, así que xa o teño claro.

Moncho Reboiras Letras Galegas 2010

Moncho Reboiras, a lingua continúa!!!


2 cadeas rotas:

Elianinha disse...

Esta celebración en si, carece de sentido. Non ten sentido que sexa un día feriado, no que apenas teñas posibilidades de mercar uns libros (que ao final tiña que ser a fin deste tipo de efemérides), a non ser que ex profeso vaias ate a Praza do Toural, por exemplo. A maioría ve nas Letras Galegas unha ponte ou un día de praia. Punto.

Non ten sentido que sexa un escritor dez anos morto como mínimo. Temos moitos casos, moitos, de escritores contemporáneos que ben que lle viña esta promoción, que é mellor o estímulo á creación que o recoñecemento a posteriori.

Habería que reconsiderar cal é o obxectivo das Letras: recoñecer un persoeiro, ou fomentar a literatura e cultura galega. De premios e medallas hai de abondo. Unha noite branca, unha festa real da lingua galega é o que é preciso, que a xente participe activamente na literatura, e iso non o consigues cunha carpa na alameda. Iso en canto ao público, en canto ao escritor, as homenaxes hai que dalas en vida, insisto.

o dos ovnis disse...

Olha aí, eu aponto-me à proposta de Moncho Reboiras para o próximos Dia das Letras.
Além disso, nos últimos anos a U já nom o presenta como um activista da luita armada, mas como um "teórico" do nacionalismo. Algo lhe encontrarám por aí escrito...