Parece que o tema non acaba de pasar, como recolle o señor Pawley no seu blogue polo menos comezan a aparecer as primeiras voces moderadamente críticas sobre o manifesto de marras. Non vou entrar a deconstruílo, hai quen o fixo mellor, e calquera persoa cunha pouca noción de cultura, posmodernidade relativista ou ambas, é capaz de sacar por si mesmo a asimetría de "territorio" nas súas dúas referencias do texto sen demasiado problema.Cousa máis grave parece o feito en si mesmo do manifesto e a cantidade de xente respeitábel que o asinou. Non falo de Luz ou de Óscar, que seguramente se viron seducidos polos seus impresionantes compañeiros de sinatura máis que polo texto en si, e que dalgún xeito xa van recuando. Falo máis ben de persoas como Castilla del Pino ou Antonio Gamoneda, dous intelectuais, que até a data contaban coa miña máis absoluta admiración, unha admiración que lamentábelmente non poderán recuperar fagan o que fagan.
Paréceme grave, non tanto polo digno amor que lle teñan á súa lingua, senón porque exemplifican a absoluta curtedade de miras da cultura española ao respecto da cuestión nacional. Entendámonos, hai nacionalistas españois que cren na uniformidade dunha patria como crerían na Virxe, pero eles nunca foron o verdadeiro problema. O problema, de sempre, son os Gamonedas e os Castillas del Pino, incapaces de ver alén dun Madrid cada vez máis provinciano, e de entender, porque non o teñen nen o tiveron, os problemas dunha sociedade bilingüe cunha lingua foránea que se pretendeu e se pretende impoñer á autóctona. A suposta vangarda da cultura politizada española segue agarrándose aos mesmos principios nacionalistas e monolingües, sen sequera ser, en moitos casos, consciente deles.
E non só eles. Sorprendeume na miña última visita Madrid (a segunda en dez anos), o total exterminio de material doutras linguas do Estado nas grandes librarías. Se hai dez anos puidera ver, con certas sorpresa, cousas como A Trabe, Dorna e Grial, desta vez a súa ausencia era escandalosa. Realmente ten algo de sentido na óptica capitalista, xa que non debían dar moito negocio. Supoño que menos que a sección de libros en italiano, alemán ou francés, que si seguían no seu lugar. A todos nos parece normal pero, realmente é normal que na nosa suposta capital política e común sexa máis doado atopar un libro en italiano que unha revista en galego?
O meu anecdotario como filólogo rexistra tamén moitos outros feitos piores, e lonxe da capital: profesores andaluces que pensan que Cantares Gallegos está escrito en castelán, casteláns que cren que o galego na Galiza é como o latín en misa, e só se emprega ritualmente, xente que cre que o basco e o galego están emparentados "porque son del norte", canarios que cren que andamos con raquetas nos pés como en Finlandia... No fondo de todo este esperpento e coa axuda doutros intelectuais caídos en desgraza sobresae o famoso manifesto. Ninguén ten consciencia de que o idioma castelán no pode, historicamente, ser "tan propio" nen "tan galego" nen "tan basco", nen preexistente? Non pode haber tanta mala idea no mundo, grande parte das supostas situacións de galego, basco e catalán que se describen alí teñen que ser simple e pura ignorancia, incapacidade de imaxinar un mundo non monolingüe, paraÑoia porque o español é a única lingua universal, nacida no principio dos tempos ao abeiro das pedras de península (salvo Portugal, a saber por que) e quérena eliminar.
Nese sentido eu mesmo son un caso curioso. Non só falo perfectamente dúas linguas do estado (unha delas mesmo muito bem à brasileira), senón que coñezo unhas trinta palabras en basco, e sei que o basco non está emparentado co galego, nen con ningunha lingua europea. Non só iso, mesmo podo ler e entender o catalán nos seus tres sotaques territoriais. Os meus amigos cataláns eran tan encantadoramente maleducados e negáronse tantas veces a cambiar de lingua que me agasallaron a riqueza cultural de poder ler e entender outra lingua máis. E aínda máis, até sei que o asturiano é unha lingua e non un dialecto, aínda que ningún estatuto a defenda e ningún macromanifesto a ataque. A pregunta do millón é, segundo eses baremos: non saberei máis eu (que nen sequera me considero) de cultura "española" que máis da metade dos asinantes do famoso manifesto? Claro que aínda máis preguntas de premio: que sabe realmente esta xente da Galiza? E do resto do Estado? E do resto do mundo? E de si mesmos?
Por certo, a imaxe é do Igor, que últimamente está que se sae.












7 cadeas rotas:
Claro que tes máis coñecementos de lingua española. Obviamente, este é un manifesto á ignorancia, a non ter que aprender demais, á lei do mínimo esforzo. E non tiñan os españois fama de vagos e tunantes? É a filosofía de "ir pa ná es tontería". A filosofía do paleto, que pensa que co que sabe xa chega.
Moi ben. Engado eu: ata hai xente que pensa que falamos galego entre nos por fastidiarlles a eles. Non entenden máis. Pobriños.
A mim defraudoume Oscar Pereiro,se les a entrevista que lhe fixerom em Vieros o q demostraba o elemento este é q nom sabia do q falaba.
Todo o q esta a pasar vem dentro dumha campanha da espanholidade vem orquestada dende os poderes do Estado, agardemos poder resistila.Pq pode facernos mais dano do q esperabamos, ja que falacia bilingüe em teoria dentro dum discurso de 50-50 algo co q muita xente pode concordar mas o q busca e rematar coa nossa lingua.
Por eso coidado temos q intentar contrarrestar a sua mensaje coa nossa palavra e com feitos, pq senom estamos ante um ogro q nom deixa de crecer.
O nacionalismo espanhol, ese q nom existe, é moi perigoso.
O "manifiesto" non é máis que política. E buscar vida intelixente na política do estado espanhol no século XXI é umha utopía.
A metade dos que asinaron o manifesto non o leron (caso Pereiro) e a outra metade fixeronno con intencións políticas, non intelectuais.
oi! non o puiden evitar:
eu o vexo como a demanda do cidadan romano, de utilizar a lingua do SEU estado na colonia.
O cidadan espanhol esixe o privilexio de poder utilizar a sua lingua en calquera lugar do imperio, de educar os seus filhos na sua lingua.
E a diferencia entre a mentalidade de emigrante e a mentalidade de colono. O colono español vai o rural en catalunya ou en galiza, que son practicamente monolingues, e impon os nativos a comunicacion no seu idioma. Non porque sexa uma lingua presente na comunicacion das persoas, mais porque parece mesmo non perceber a imposicion.
Eu penso que e mesmo un comportamento involuntario, do espanhol que chega con mentalidade de colono, e pasa por riba do nativo. Por contra, a mentalidade do emigrante, adaptase sen dubidar quen e quen a lingua local. A que colectivo de emigrantes se lhe pasa pola cabeza esixir do estado a educacion no seu idioma ?
E nos, como bos nativos rematando o tema...
Co do provincianismo (que non provincialismo)madrileño claváchelo. Éncheselles a boca chamándolle paletos a todos os de fóra e canto deberían envexarlle a Barcelona, París ou Berlín...
Houbo un tempo no que os reis fachendeaban de reinar nun territorio no que se falaban varias linguas. Estes son os que en clase de inglés rosmaban, "que aprendan ellos ejpañó".
Un saúdo
Ao cabo todo se resume nesa pregunta do milón da que falas. Nós, sabemos moito máis deles que eles de nós. Eles nin queren, nin o tentan , nin se molestan. Ás veces penso que vivimos en dúas realidades paralelas que xamais se atoparan.
Postar um comentário