Navegar é preciso

O segundo barco do Estaleiro máis estraño da historia está prestes a ver a luz, neste caso cun plantel de luxo formado polo dueto Carlos Ruibal/Rubén Losada ou como sexa. Unha das vontades coas que naceu a editora foi, alén de facer o que quixeramos, a de cubrir ocos, ou por dicilo metaforicamente, prestar axuda partisana nas marxes, alí onde o sistema literario se resinte e a súa realidade foxe das visións idílicas de excelencia e perfección que se dan ás veces por aí fóra.

Un dos terreos onde pode ser máis necesaria a intervención guerrilleira editorial é o teatro. Probábelmente, e salvo excepcións, iso non sexa estraño na maior parte do contexto europeo. Como é sabido o teatro (e se cadra, aínda que xa non tanto, a poesía) é considerado habitualmente un xénero menor ou subsidiario, e como tal é tratado. Porén, no caso galego a situación é excepcionalmente preocupante. Cabería preguntarnos cantos libros de literatura dramática galega saen publicados ao cabo do ano e destes cantos non constitúen unha aposta kamikaze ou partisana de pequenas editoras.

Fume/Insomnio recolle unha especie de principio para un dream team do teatro galego. É como cando as crianzas forman equipas de fútbol e van escollendo por tandas. Nós escollimos @s primeir@s, e fixemos trampas pedindo o dobre que os demais. Dous autores dunha grande valía (e tamén premiados, aínda que unha cousa non sempre implica a outra) e dúas obras que son como dúas caras dunha mesma moeda. Por unha banda a historia de dous traballadores abocados á unha traxedia relacionada co fume e por outra os delirios caóticos que produce a insomnia.

Coma sempre aquí ou aquí, aínda que desta vez a nosa guerrilla tiña ganas de acción e algúns dos seus membros desprazáronse ás portas dos teatros fortemente armados con cargamentos de libros. Se os ven saúdenos co seu mellor sorriso.

Por certo que se alguén lles quere ver a cara a estes dous, creo que van estar presentando o libro ou algo así o 27 de xuño ás seis na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela.

6 cadeas rotas:

Mr Tichborne disse...

Sorte e adiante con este fermosísimo proxecto. Que o kamikaze siga voando. Ou navegando.

r.r. disse...

Efectivamente non é doado publicar teatro: "Fume" levaba sete anos no caixón, aínda que si que foi estreada. Así que gracias por contar con nós.

Vémonos o 27. ¡Ah, mandei un correo a algunha lila da editora por pedirlle un favor!

O pastor eléctrico disse...

Si que semella un mal endémico a edición de textos teatrais. A aposta de Estaleiro polo de agora é moi interesante ademais de cubrir eses ocos reservados a kamikazes.
Xa me tarda ler a obra.
Noraboa.

i. disse...

lindo e emocionante o texto! vemo-nos na sexta por ali.

Antuán disse...

Lástima nom poder ir... Só volta para o 16 (entrevista com Marisol).

Lástima porque gostava de conhecer a Ruibal, que temos admiraçons teatrais comúns, e lástima pola festa que seguro há despois...

Gardade um exemplar e a pasa-lo bem!!

E parabéns pola segunda nau!! Que venham moitas

tangaranho disse...

Sim senhor, sem render-se ao mercado nem à máfia editorial...