Persépolis

Cando comezou a intervención militar de Estados Unidos contra o Afganistán dos talibáns, aló polo 2001/2002, era frecuente escoitar a discusión sobre que debía pesar máis nas simpatías: se os combatentes que resistían ao invasor imperialista ou a agardada fin do réxime talibán. Naquela altura asistín ás máis variadas perspectivas sobre a contradicción principal e a secundaria, e cheguei a escoitar opinións do máis diversas. Se cadra a que máis lembro, pola estrañeza e por tela rebatido espantado, era a que defendía que as mulleres afganas debían tentar loitar do lado dos talibáns contra os norteamericanos. As mulleres afganas, por sorte, loitaron contra os talibáns, e o que máis me enche de orgullo é que hoxe en día, tras liquidar o primeiro obxectivo, seguen loitando contra o exército de ocupación estadounidense.

Lembreime de todo isto estes días vendo Persépolis, un filme baseado en dous volumes de banda deseñada e ambientado na xeración iraniana (ou se cadra deberíamos dicir persa) que viviu dous lumes contrapostos similares. Habitualmente téndese a simplificar o caso iraniano na dicotomía entre o rexime parafascista do Xá de Persia e a antiamericana revolución islámica. Chegouse ao punto no que mesmo hoxe o antiamericanismo de Ahmadinejad é contemplado con simpatía por determinados sectores. Creo que parte do valor desta obra é o de achegar os matices que se esconden tras toda simplificación deste tipo. Da perspectiva de Persépolis quedo sobre todo coa primeira parte, onde se ve cal é o verdadeiro lugar das persoas que crían nunha Persia libre e socialista, e que non pasaron en ningún momento por ningunha estratexia de alianzas. Os mesmos opositores á dictadura do Xá pasaron, case sen transición ás cadeas dos aiatolás, e foron practicamente masacrados. A súa historia pérdese entre o exilio interior, as execucións e o exilio exterior. Tras a suposta caída dos grandes ideais, da que tamén fala o filme, o súa memoria esvaécese na historia. Seguimos sen saber cara a onde mirar cando os homosexuais iranianos son aforcados, e seguiremos sen saber que facer se os estadounidenses deciden invadir Irán algún día.

De todos xeitos, Persépolis é un filme que brilla por moitas máis cousas, partindo dunha trama fermosa, tenra, e enormemente divertida, e que tamén conta a historia duha superación persoal e dun espírito rebelde. A verdade é que se é unha biografía fiel, dan ganas de coñecer á verdadeira Marjane. Aí queda o trailer (en francés con subtítulos en inglés, a falta doutra cousa).

10 cadeas rotas:

W. Sobchak disse...

Eu lin o primeiro volume da banda desenhada e a verdade é que resulta bastante desasogante ver como perdes todas as tuas liberdades sen poder facer nada por impedilo

Elric disse...

Está moi ben, tanto o comic orixinal como a adaptación, aínda que me quedo co orixinal. Sobre as louvanzas a Hamás ou á revolución iraniana polos seus méritos antiimperialistas... en fin... a min non me colleran aí despistado.

ekis1331 disse...

Vina hai unha semana... está ben... quédome coa súa orixinal achega dun contexto tan lonxano...

r.r. disse...

¡Precisamente dende hoxe teño o libro dela na casa! E si, dan ganas.

torredebabel disse...

Eu cheguei fai tempo a Persépolis por Helena e daquela estou agardando a peli. Agora que chegou á cidade austral na que vivo, temos data para vela: o próximo luns.

A Raíña Vermella disse...

Unha peli absolutamente preciosa. Da medo ver como pode cambiar a túa vida en poucos meses. O mellor, que non é nada maniquea.

sergio74 disse...

Pois terei q leer o libro e ver a peli q xa ma pideu miña irma, todos decides q esta xenial fareinos caso...jejej
intentaremos chegar para o da lingua pero nom sei como vai ser por vilagarcia... imos poñér da nosa parte para chegares....
saudos e unha aperta

Prosciutto Mourente disse...

Infelizmente, os talibães ainda estám a dar bastante guerra :(

FraVernero disse...

Non vin a peli, pero sí lín os comics (digo comics porque teño a edición primeira, en catro pequechos volumes; a derradeira costoume inmenso conseguila...).

A realidade é complicada, claro. E non permite maniqueísmos. Un está totalmente en contra do Imperialismo sen por iso ter que sancionar os horrores da revolución iraní (niso Foucault no seu día estivo menos espelido) que rematou en teocracia, cos comunistas no caldeiro e executados, coma sempre. E as mulleres... bueno, mellor que dicilo, remitir a 'Persépolis'...

dedoscomovermes disse...

Nom vim o filme mas lim persépolis [completo] e "bordados", e "polo con cirolas" [o mais gostoso para mim e o mais pesimista]e em todos eles a imagem oferecida da cultura iraniana e da mulher musulmana som diversas das que estamos afeitas a ler [ou melhor a des-ler, porque o que estám, em realidade, som ausentes].