O dia D

As inmediacións dos Días das letras sempre son un pouco movidas. Dalgún xeito parece que moitos medios, entidades e empresas pretenden facer nun día ou nunha semana todo o traballo de promoción que non fixeron o resto do ano. Poñer os titulares dun xornal en galego o 17 de maio, ou imprimir poemas nas bolsas da compra son actos fermosamente inútiles cando neles se resume o 90% da túa campaña respecto do galego. Do mesmo xeito que hai anos, sigo coincidindo coa máxima: un día de gloria, 364 de represión, 365 se é ano bisesto.

Todos os anos hai alguén que me pregunta que me parece o día das letras. Como xa dixen noutros lugares, considéroo unha manifestación da anormalidade, un día que tivo todo o seus sentido hai trinta anos, pero que hoxe en día representa que en todo ese tempo non fomos capaces de cambiar as cousas. Non apostaría pola súa desaparición, porque creo que segue a cumprir unha función importante, aínda que é unha función que debera resolverse por si mesma: a promoción da lingua e o estudo da obra dalgúns dos seus escritores son aspectos que non deberían precisar tanta pompa. Dalgunha forma o día das letras, como o día da muller e o día do traballo, evidencia unha eiva constante e visibiliza por un día unha realidade esmagada o resto do ano. Tamén serve para lavar caras e conciencias.

No que atinxe aos autores, tamén é certo que tanta concentración temporal actúa como arma de dobre fío. Lembro con especial agarimo como o día das letras me fixo aborrecer a persoeiros tan importantes na nosa cultura como Roberto Blanco Torres ou Eladio Rodríguez por unha sinxela sensación de colapso. Apartir de aí tomeino con máis calma. Creo que desfrutarei máis de todo o que se fai sobre Álvarez Blázquez este ano dentro dun tempo que agora mesmo. E creo que non son o único.

Por suposto tamén habería moito que falar sobre os criterios de escolla, ou o exercicio do monopolio cultural que teñen certas institucións. Aínda hoxe non son capaz de comprender que llo desen a Murguía, que nunca escribiu en galego, e se poñan tantísimas pegas para que llo dean a persoas vencelladas á música e ao cinema, ou a representantes dunha certa tendencia contracultural. Nas próximas postaxes falaremos dalgunhas posibilidades alternativas e, se cadra, de por que non concordo coa aposta máis importante para o 2009.

Por certo, que hai outro 17 de Maio (e mesmo outro ILGA).

5 cadeas rotas:

paideleo disse...

Pois eu teño o dicionario de Eladio Rodríguez con muito agarimo.

Mario disse...

Non, se eu tamén, e o mellor é aquela anécdota de Manuel Rivas recibindo o doutoramento honoris causa en Oxford en galego. Seica podes recibilo en calquera lingua da que teñan diccionario, e alí tiñan o de Eladio porque o doara Tolkien (que o usou pra guiar as traducións dos nomes propios na súa obra, por certo). O que digo é que no seu ano foi de máis (se cadra tamén porque me colleu aínda na carreira, e claro, Eladio era como "da casa").

Arredista disse...

A verdade é q creo coma ti nos dous temas (significado do día e a eleicçóm dos homenaxeados).
Sobre o do día creo q fai 30 anos estaba bem q se fixeram estas cousas para ir recuperando a dignidade da nossa lingua. Mas q a dia d hoje o dia tenha o mesmo significado q daquela da mostras do escaso avance,eu diria mais retroceso,q tivo a nossa lingua.Por ponher um exemplo o meu afilhado q tem 7 anos é d Pontedeume e sempre anda dicindo q el é d Castela pq nom quere falar galego q o galego nom serve d nada(esas ideias recibeas no colexio ou na casa é moi forte).
E sobre a eleicçóm do homenaxeado creo q vai sendo hora d abrir horizontes,a cultura tem mais sectores q literatura e incluso creo q é o momento de darlho a xente do audiovisual,teatro, musica,etc. E pq nom a Carvalho Calero?

FraVernero disse...

Eu, pola contra, celebro mellor o 'Día de las Letras Castellanas' o 18 do mesmo mes, día no que meto unha entrada en Español e me visto metafóricamente de toureiro ou flamenquista. Incluso podo decicarlle o día a falar algo nese castelán ameazado (segundo os de Galicia Bilingüe, e non falan de Puerto Rico, non).

Tsk, tsk...

Premiados a apostar? As miñas filias serán predecíbeis: Carvalho Calero e Lois Pereiro. Tamén Eusebio...

Antuán disse...

Para @s filólog@s/fetichistas sempre é bom o fomento das publicaçons sobre autor@s... Mas de resto, o dia das letras serve para o cachondeo geral dos grupos de comunicaçom. A portada em galego de "La Voz de Galicia" tem delito. De resto? Umha manif (já contarás como foi, se é que estiveste aló) e moitas boas vontades. @s resistentes da língua (quer dicer, aquel@s que falamos galego) respiramos para colher folgos... e a seguir lutando o resto do ano. (Bom, a verdade é que eu em concreto nom me podo queixar: Vivo num ambiente "normalizado") (Gloria Lago a Portugal já!!!).

Sobre os vetos a Carvalho? Eu empregaria iso como arma táctica: todos os anos candidata-se a: Carvalho Calero, Songoku e um/umha terceir@ que será quem leve o dia. Asim até que leve o dia Songoku e entóm mudamos por Doraemon e já está!!!

(Ora bem: Quitade as vosas sujas mans de Lois Pereiro)