Revistas e blogues (II)

A segunda perspectiva é a que fala da tendencia dos blogues ao nihilismo (!!!!) e a súa incapacidade de artellar un discurso social (resumo aquí). Houbo alguén que xa se adiantou nos comentarios da entrada anterior, comparándoos coa utilidade das vellas tertulias literarias (ás que eu engadiría mesmo as dos conspiradores antifranquistas). En parte, eses xuízos parten dunha análise errónea da realidade. Os blogues non serven para artellar unha acción colectiva porque non naceron para artellar unha acción colectiva, do mesmo xeito que seguir un diario persoal tradicional, ou cruzar correspondecia postal con outra persoa, non serve para artellar unha acción colectiva. Nese sentido os blogues poden ser tan egoístas ou tan nihilistas como se queira, ou como cada un queira, aínda que eu creo que propoñer un adxectivo global para unha realidade tan cambiante e complexa é como poñerllo a outras realidades cambiantes e complexas precedentes (a novela, ou a escultura, por exemplo). Podemos dicir que a novela (sen máis) é nihilista? Eu creo que o feito de escribir unha novela neste país é un acto tan nihilista como escribir un blogue, e ten unha inutilidade social, ou colectiva, similar. Porén, o que leva ao ser humano a iniciar un proxecto deste tipo responde a motivos que case nunca son coincidentes dun caso a outro.

Por outra banda non nego que se poida chegar, efectivamente, a empregar o formato blogue con fins colectivos, sinxelamente non parece que sexa un baremo de medición xusto á hora de calibrar o fenómeno. Exemplos coma este, o feito de que moitos políticos abrisen un, ou que os grandes grupos de comunicación tratasen, con pouco éxito, de crear os seus propios apartados adicados ao blogue, demostran que unha mínima pegada política si que é acadábel. Do mesmo xeito que cartas coma esta seguen a ter unha dimensión revolucionaria que supera o seu mesmo contexto, o mesmo pode acontecer coas entradas dun blogue.

O grande problema que eu lle vexo ao formato é ao mesmo tempo a súa maior virtude. Hai anos a publicación de opinións estaba confinada a unhas cantas decenas de persoas, aquelas que publicaban nun medio de comunicación escrito. Hoxe en día ese número aumentou incribelmente. Todo o que vaia en beneficio dunha maior liberdade de expresión debería verse como un factor positivo. Porén, ao tempo, a avalancha de novos medios conduce á mesma idea de sobreinformación da que falabamos na entrada anterior. Iso implica que a que a autoridade da opinión dun individuo na súa bitácora persoal siga sendo, en xeral, pouco considerada fronte ás manifestacións estandarizadas dos grandes medios.

No caso dos blogues o filtrado de todo o que se publica segue a ser un novo problema, coa consideración especial de que, ao contrario que as revistas, é moito máis complicado imaxinar unha selección. Este blogue circula nalgunhas listas que hai na rede como lugar de interese. Isto é algo que me honra, pero ao tempo son consciente de que eu nunca lería os blogues que leo guiándome por unha lista, senón que me deixo levar por condicionantes de gosto persoal e de cohesión social. Este segundo ponto é, se cadra, o máis problemático: as lecturas guiánse tamén por unha cuestión grupal. É dicir, que un sigue os blogues dos seus amigos para saber deles, con tanta ou máis fruición que aqueles que lle aportan unha perspectiva interesante das cousas ou que están ben escritos. Nese sentido eu diría que si existen redes sociais, aínda que estean baseadas en conceptos tan subxectivos como a amizade.

Ben, a medida que escribo van saltando máis e máis cuestións, porque en realidade trátase dun tema sumamente complexo. Deixarémolas para outro día futuro.

13 cadeas rotas:

i. disse...

olá mario, deixo aqui um enlace com umha entrevista a Geert Lovink, na que penso que se podem colher bastantes dos matices do seu discurso (tem sentido umha rede nom apenas saturada de informaçom senom, dedicada numha percentagem abrumadora ao entretemento, à diversom individual, a um ludismo desenvolvido na comodidade da rede? por que quase sempre (olho! nom sempre) se renuncia ao potencial subversivo da rede? à sua capacidade para criar discursos aproveitábeis pola colectividade? a questom de fundo, a de sempre: como fazê-lo e como se fai na Galiza?

http://diagonalperiodico.net/spip.php?article5698

saudos

Mr Tichborne disse...

Parece que os blogues e outros medios de expresión dixital chegaron no momento xusto. Dis que os media de hai anos estaban en mans dunhas decenas de opinadores, pero é que agora están en mans dun ou dous correntes de opinión (correntes no sentido de que arrastran toda discrepancia). Cantos xornais, radios, "medianas" ou independentes desapareceron?
E a principal avantaxe é a mesma cá principal desavantaxe: a que cada un escribe o que lle peta, verdade ou mentira. Mira libertá digital (non, non a vou ligar!)
Rematando o rollo: no que atinxe á literatura, parécenme moi positivos. "Nihilista" é escribir para ti, lerllo en voz alta á moza e catro colegas porque non atopas saída editorial en papel. Polo menos na rede lerate alguén máis, e abre novas vías de expresión literaria.
Dixen.

FraVernero disse...

Bon, concordamos no esencial, ao que vexo...

En xeral, eu tamén soio ser crítico cos estudos que, ao meu ver, esencializan en demasía as características dun formato, anque poida admitir que as limitacións/predisposicións dalgunhas do formato blogueiro (como o de ter que facer entradas non moi longas, para non cansar; ou a clara subordinación dos comentarios fronte á centralidade da entrada).
No caso de Lovink -tamén tedes videos en youtube das súas ponencias-, creo que houbo unha esperanza de que a nova tecnoloxía movilizase e democratizase eidos como o da información. Os resultados, para Lovink, foron moi negativos, cunha Rede case exclusivamente 'lúdica' e un mar de bitácoras intrascendentes, narcisistas e pouco críticas.
Que os blogs fomentan o biografismo (estetizado ou non) e un círculo relativamente restrinxido de lectores pode ser certo, pero outra vez, é algo que pode mudar. Que non amplíen relacións é algo no que non concordo: aí temos o blogomillo, algúns proxectos en común, alén de ficadas, e varias personalidades interesantes que descubrín eiquí, e que non eran amigos meus antes.
Un dos principais problemas da rede é, en efecto, a sobreproducción, que sona moi liberadora, pero implica tamén a necesidade de cribar. Ás veces, é unha estratexia máis efectiva a de facer competir ao gran de verdade e de crítica con millóns de intrascendencia que simplemente vetar ou censurar esa verdade crítica...

ekis1331 disse...

Pois eu, a risco de caer na máis supina das sinxelezas opino que:
Un blog pode ser nihilista, e non selo.
Un blog pode artellar accións colectivas ou non facelo.
Un blog pode ser unha ferramenta e pode ser un fin en si mesmo.

Pero en calquera caso, un blog é espazo; virtual, mental, intelectual, visual, ou o como o queiramos definir, pero espazo a fin de contas (e gratuito!!!, repito, gratuito!!!), do que dispormos para ou por unha ou outra finalidade, e, polo tanto, pódolle atopar carencias en tanto en canto a finalidade que analicemos, pero o que teño claro é que me parece un soporte sempre positivo, nunca negativo,(non, non son fan de van gaal) pois como tal ofrécenos posibilidades, ofrécenos liberdade. A maneira que teñamos de usala xa é outro cantar.

tangaranho disse...

Enfim, o blog para mim é um "visio", nom o poido ver de outra maneira.

A Raíña Vermella disse...

Acabo de ler a entrevista de Lovink e, aínda que entendo o que di, non acabo de estar por completo dacordo. Nin na idea de que Internet é basicamente ocio (non quero nin imaxinar o que sería o meu traballo sen Internet) nin en que sexa basicamente nihilista. Para min,Internet é sobre todo un acceso case que ilimitado á cultura. Nos últimos dez anos, a meirande parte da miña formación cultural está relacionado dalgún xeito con Internet. Por suposto, non creo que isto sexa o mais común entre os usuarios, pero é unha posibilidade. O tema, coma sempre, non é o medio, senón o uso que fagamos del. Podes ter un blog altamente politizado e comprometido ou escribir unha sorte de diario on line, e a túa motivación e a función que cumples, por pequena que sexa, será totalmente diferente. Como di ekis, un blog pode ser nihilista ou non selo, pode artellar accións colectivas ou non facelo.

busto.agolada disse...

Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com

Mario disse...

En especial para i. e en xeral para tod@s (e moi obrigado por comentardes e tan interesante). Coido que a renuncia ao potencial subversivo da rede é consecuencia, en primeiro lugar, das súas propias características. Non esquezamos que, aínda que se multiplicase a posibilidade de estabelecer discursos novos, a realidade é que o mainstream segue a ser controlado polo mundo empresarial e polos gobernos. Rebelión.org foi un chanzo moi importante, pero economicamente non pode competir con ElPaís. A maioría da xente non dará máis credibilidade a unha noticia sobre torturas en Rebelión do que ao "todo vai ben" en ELPais (isto téñoo experimentado persoalmente).

Nese sentido, a un nivel de usuario medio, o poder subversivo da rede está sobrevalorado alén da súa capacidade como medio de comunicación. Noutro exemplo, os videos de cargas policiais non duran nen 24 horas na maioría dos sitios de hospedaxe. O poder segue a controlar os medios, aínda que non sexa xa dun xeito tan eficiente.

En segundo lugar que creo que o formato (texto curto, prioridade do audiovisual, hipertexto...) non favorece a explicación de discursos longos ou politicamente complexos. Si, todos podemos baixarnos Un rey golpe a golpe e lelo na computadora, pero iso é un acto que non forma parta da navegación convencional. Creo que aí si que hai unha distancia entre a navegación e a difusión da cultura, no sentido no que fala a Raíña. Falta unha adaptación do discurso revolucionario ás novas linguaxes, e iso é difícil, porque vai implicar, polo menos nun primeiro nivel, unha perda de contido semántico (a nivel textual). Agora mesmo estou pensando na capacidade subversiva do graffitti. Se cadra a cousa vaia máis por aí que pola cración de foros ou discursos que van ler moi poucas persoas durante unha navegación usual.

lourixe disse...

"Os blogues non serven para artellar unha acción colectiva porque non naceron para artellar unha acción colectiva": tampouco as tertulias de café. Persoalmente, non creo que a literatura nin os blogs teñan como misión esencial provocar alzamentos sociais. Con só que estimulen algún pensamento nalgún lector xa se xustifica a súa existencia. Para alén que os blogs teñen a vantaxe de expor os comentarios doutros lectores e vencellar os seus contidos con outros webs e outras opinións. De enlace en enlace, de comentarista en comentarista, chegas a mundos fascinantes. Iso é para min o que me emociona da rede, surfear (ou navegar) dun contido a outro, dunha idea a outra, dun autor a outro. Parafraseando á Raíña, "un acceso case que ilimitado" aos pensamentos dos demais. Ler/escoitar/contrastar as nosas análises coas doutras persoas. Conxuga a connotación lúdica daqueles libros infantís (Elige tu propia aventura) con todo un traballo de estudo crítico e construción individual.

L&M disse...

no meu caso, nom assim no de m&l,termino de comezar e é uma aventura descobrir gente e ideias. nom espero que ninguémme revolucione mas tenho a possibilidade de balde e filtrada pelos meus intereses de ler opinions diferentes ás minhas e o saber nunca ocupou lugar,nom?

antonio11 disse...

O que importa e o contenido, non o medio de comunicacion. Si eres tonto e tes un blog, sólo dis... tonterias. Si eres listo/a, no ter un blog e....secundario. Foi asi e será (me parece) con outros medios de comunicacion: televisión, radio, teléfono, imprenta, ou o propio lenguaxe oral. Este blog a min, p.ej., me parece excelente, e uns interesantes comentadores. Outros blogs, non. Saudos,

Ghanito disse...

Na area cultural occidental vivimos nunha sociedade consumista, individualista e do ocio, e os blogues non son moi diferentes da sociedade que os cría.

Os blogues son unha ferramenta revolucionaria infinítamente mais perfecta do que un xornal obreiro ou un fanzine, porén o 90% (imaxinando unhas cifras que en realidade descoñezo) dos blogues non teñen ningún contido político ou social expreso. Outro 9% non o teñen mais que de xeito puntual. E só ese 1% restante teñen pretensións revolucionarias ou tan só políticas.

Acho que o problema está na infoxicación e como apunta Mario a súa filla a atención dispersa: eu por exemplo leo tantos feeds que non sempre chego ao final dos textos longos.

Criar contidos cun fundo e ao tempo de lectura doada e interesante é moi difícil, e mais ainda para os amadores polo tempo que leva o necesario exercicio de síntese, aí parten con vantaxe os medios profesionais que poden pagar polo tempo que os seu traballadores adican a mellorar os contidos.

Supoño que este texto tan longo é a antítese do que debera ser para que chegárades até o final ;-)

torredebabel disse...

chego tarde, de xeito que so vou dicir dúas cousas. Non son os blogs (como non son os aparellos de TV ou os xornais) senón o uso que deles se fai.
Primeira historia: no blog eu aprendin a escribir en galego. No blog achegueime a un colectivo galego. No blog fun incluida -cunha xenerosidade que non vou ser nunca quen de agradecer- nun colectivo de forma anárquica e mutante que é isto que se chama blogomillo e que leva impreso non poucas pegadas na sociedade.
Segunda historia: levamos cunha amiga unhas tertulias literarias no Café Tortoni de Bos Aires. É o único espazo na cidade onde -porque si, sen motivos nin obrigas- se lee en galego, se fala da literatura e da realidade da Galiza, se está cerca ao lonxe. Cada un e cada unha dos 40 integrantes tenos contado o xeito en que eses encontros mudaron a súa vida e a súa relación coa terra.
Eu, xa que logo, penso que os blogs e as tertulias poden ser enormemente poderosos.