Historia do Porto

Ao pouco de abrir o blogue moita xente identificou a casa que ocupa o cabezallo cunha "casa virtual". Porén creo que ninguén gostaría de ocupar unha praza na Casa dos Escravos de Gorée, centro e símbolo da trata de escravos entre África e América e por onde pasaron, en condicións infrahumanas, miles de persoas nun traxecto infernal cara a unha terra estraña e unha existencia penosa.

Iso di moito tamén da percepción social das grandes vergoñas da humanidade. Todos recoñecemos as chemineas dos campos polacos, pero non demasiada xente pode identificar esa casa e situala nas súas coordenadas tráxicas. Tal e como está conservada até parece un lugar agradábel, colorida e pintoresca, cunha porta que dá ao mar, como unha especie de xogo. A porta era chamada "de non retorno", e por ela moitas persoas deixaron atrás a súa existencia coñecida, as súas raíces e parte importante da súa cultura.

O outro día, ben aconsellado por alguén, fun ver "Return to Gorée", un documental de música protagonizado por Youssou N'Dour que formula a posibilidade de traer de volta todo o legado musical afroamericano e volvelo ao punto de partida, o porto dos escravos, na costa de Senegal. O filme ten algúns problemas de ritmo, e aínda podería opoñerlle o meu propio ideal dese retorno. N'Dour pasa por alto moitas das manifestacións musicais da diáspora africana, centrándose sobre todo no jazz e nos espirituais negros, os seus fillos máis evidentes e directos. Eu gostaba de ver os netos desa música, o caudal afrobrasileiro, indomábel, múltiplo e fermoso, a xenreira disonante do hip hop, as raíces roubadas do rock, ou a mística a contrario do reggae. Contodo, hai momentos moi emocionantes, como cando descubre en Nova Orleans unha tonada que aínda se canta no Senegal e en Ghana, ou cando o grupo norteamericano canta un espiritual sobre o retorno á terra dos pais na casa dos escravos e o seu gardador non pode conter as bágoas.

Hai algo case máxico en todo isto. Unha cultura -múltiples culturas- á que lle arrebataron non só a liberdade, senón tamén a relixión, a lingua, todo o seu legado, e mesmo así conseguiu manter elementos de identidade que lles permiten recoñecerse nun retorno. A illa de Gorée é un centro do drama humano, e tamén un símbolo das débedas históricas que temos con África, pero ao mesmo tempo representa o comezo da resistencia, o lugar onde a vontade por conservar a propia identidade toma forza e sementa, ao mesmo tempo, unha riqueza cultural inmensa por todo o novo mundo.

En boa parte é desa simboloxía da transmisión cultural como resistencia é da que pretende nutrise este blogue, aínda que tamén dos paralelismos da emigración forzada que podemos atopar na nosa propia cultura. Dentro de pouco mudarei o deseño do blogue e se cadra despareza a casa do cabezallo, así que é bo aclaralo a tempo. En realidade toda esta información reservábaa para a derradeira postaxe do blogue, pero parece que vai tardar máis do que eu puidera prever nun primeiro momento, así que xa terei tempo para pensar outra cousa.

12 cadeas rotas:

A Raíña Vermella disse...

A trata de escravos en África é a traxedia mais grande, mais vergoñenta e mais esquecida da humanidade. Pola súa crueldade, pola idea que a sustentaba (en tódalas épocas houbo escravos, pero neste caso os negros eran escravos polo feito racial, coa connotación de "infrahumanidade" que iso ten)pola súa prolongación no tempo e, como se apuntaba na película , polo seu carácter industrial. o feito de que a penas se fale dela, que non se recoñeza o que supuxo di moito da nnosa mala conciencia.

Por outra banda, o retorno a África para min pode simbolizar tamén o retorno da raza humana a África, ao lugar onde todo comezou como especie, e nese sentido debería ser un santuario para todo o mundo.

occam disse...

Un expléndido post!!!

Gostaría engadir unha idea complementaría a exposta: Trátase de cal é a situación actual de Africa. Se antes eran escravos, qué son agora? Guerra, fame, sida, corrupción... Todalas miserias da humanidade concéntranse nese continente. Con este panorama cómo europa non comprende que sair nunha patera é para algúns, a pesares de todolos riscos, a única esperanza que lles queda.

Qué pensar cando Sarco di que vai levar dunha forma ou outra os franceses detidos acusados de gravísimos delitos? É o Chad unha provncia de Francia?

Nunha ocasión díxome un zairois "l'afrique pête partout et il n'y a pas solution" Era o fillo dun ministro zaireño que vivía en Francia cómodamente instalado. Os propios líderes africanos xa non confían no seu continente.

Para moitos africanos, especialmente do norte, Túnez -a suiza africana-, unha dictadura terrible,é o exemplo a seguir. Están dispostos a renunciar a súa libertade por sair da miseria.

Con todo pódense ver algunhas pérolas. Mali, un dos paises más pobres, ten unha democracia relativamente estable e a pesares da sua dependencia exterior está a loitar eficazmente contra a corrupción.

Falando de N'Dour, e pensando en fortalezas do continente anímese a facer un post sobre música africana

O Raposo disse...

O comercio de esclavos foi un dos feitos mais vergoñentos da humanidade e convén non esquecelo.

dedoscomovermes disse...

depois de andar un mês polo senegal, dei remate à estadia no país na ilha de gorée. ilha como ela há muitas mais por toda a costa africana: karabane, cabo verde... mas aí há museu e guias que explicam a história: visitei a casa que preside este blogue (foi o nome o que me levou a curiosear nele), assomei a essa porta "sem retorno" e ocupei um dos cms. quadrados reservados às mulheres nas celas...
e apontando a essa ideia de ressistência cultural: foi na ilha de gorée onde vim famílias pretas fazendo turismo e visita cultural: pais e nais levando às suas crianças a conhecer o seu passado, a história do seu holocausto. eles sim tenhem memória.

FraVernero disse...

É terríbel ver como o home transformou os espazos máis apacíbeis e as ferramentas máis dondas en instrumentos de tortura e pasaxes de dor e desolación. O paraíso tropical en inferno escravista, todo para a boa sustentación do capitalismo incipiente e o comercio triangular...

Vergoña da pel...

O peor é o esquezo. O eurocentrismo. A estupidez e ignorancia que acubillan nun racismo egoísta e de poucas miras. Para unha vez que nos toca ser revisionistas...

moucho branco disse...

Cando miro cara abaixo, aló onde debe rematar a indignidade humana, non consigo ver o fondo, pero collo un vértigo indefinible.
Xenial post, pero agora vexo terriblemente siniestra esa foto da cabeceira...

Cesare disse...

Discrepo bastante coa súa visión do filme, e discrepo tamén co da "Casa dos escravos". Unha consulta do artigo da wikipedia inglesa sobre o tema pode darlle unha perspectiva máis axeitada sobre a invención desa casa como símbolo da escravitude. Que como símbolo está xenial, e ademais atópase nunha illa que pagaría a pena visitar en calquera caso.

Tamén é certo que moitas veces parece que o asunto do comercio de escravos é un negocio de brancos contra negros, como parece crer o comentarista Fra Vernero. Pero non é así. É verdade que a demanda dos países occidentais "industrializou" unha práctica, pero a captura de negros fixérona tamén os negros dos pobos veciños, antes de saquearlles as casas e as riquezas. Do comercio de escravos beneficiáronse economicamente brancos e negros, en igual proporción (e árabes, vaia).

No propio filme menciónase ese mito euxenético de que, como os negros que chegaron a América superaron as durísimas condicións da travesía, se operara unha selección natural que deu lugar a que eses negros sexan extraordinarios deportistas, músicos, etc. Mito ao que se pode responder con outro mito: os negros que conseguiron quedar en África foron os que deron vendido a todos os seus irmáns e veciños, co que os seus descendentes coinciden na máxima depravación e inmoralidade. Obviamente, non creo neses mitos euxenésicos... pero no filme menciónanse sempre as partes máis interesadas (e máis tópicas) do escravismo.

dedoscomovermes disse...

Cesare, nom concordo no da proporçom.
É certo que a escravatura e trata existiam em África antes da chegada de árabes e europeus [nom havia propriedade da terra, por tanto a fonte de riqueza passavam a ser homens e mulheres, capturados em guerras provocadas para isso].
É esta a coartada do imperialismo para se justificar [ah, eles já o faziam antes...] Nem todos os povos africanos praticavam a escravatura. Viviam dela alguns, como os swahilis, ou o reino de Songhai, mas nom estava geralizado em toda a áfrica negra.
A trata árabe estima-se que afectou a 4 milhons de africanos antes de entrar o européus no jogo, que levárom mais de 12 milhons a américa, sem contar os mantidos no continente. Nom há equivalência...
O reino do Congo escravizava 200 pessoas por ano, integrantes dos saques guerreiros, mas acabou entregando aos portugueses mais de 6.000: nom há proporçom.
Em todo o caso, o tráfico anterior nom destruiu as estruturas culturais, económicas ou sociais dos povos afectados como sim o fijo o europeu.

Do filme nom podo opinar, que nom o vim.

ekis1331 disse...

Como do filme non podo opinar pois non o vin, o que podo dicir é, sobre todo, que me alegro moito de que pospoñas a fechadura do blog.
Un saúdo.

Cesare disse...

Se catro millóns de africanos son escravizados por africanos e 12 por europeos (nin todos os países europeos, supoño; nin todos os europeos que compuñan eses estados), dáme igual. Non viña aquí pra eximir de responsabilidades aos europeos nin a ofrecerlle coartada ningunha ao imperialismo.

Digo que o filme é moi inxenuo na súa perspectiva sobre o que significa ser "negro" e sobre a dimensión da escravitude, e forma parte desa inxenuidade a exaltación da fermosísima illa de Gorée, que a teor do que din algúns estudos, non tivo nada (ou case nada) de escravista, e só unha afortunada porta nunha parede.

Abofé que iso non rebaixa as cifras, pero a estas alturas podíase pedir un filme algo máis complexo.

FraVernero disse...

Eu tampouco vin o filme (a ver se me poño ao día), pero permítome discrepar no tema da escravitude, Cesare. Non é o caso de idealizar 'Afrika', como fixeron álgúnas discursos afro-americanos, e como é moeda común nos Mitos das Orixes. Mais a escravitude pre-europea en África era, alén de moitísimo máis reducida, doutra índole. En moitos grupos, os escravos capturados contaban con mecanismos, por exemplo, para ingresar no grupo que os capturara. Alén, foi o impulso do comercio europeo o que inflou a práctica ata niveis incribles, alén de aplicala en condicións inhumanas. Iso non santifica aos cómplices africanos do colonizador, pero descargar as culpas neles é un recurso que xa empregaban os brancos proxectadores de culpas daquela ('son tan salvaxes que se venden entre sí').
As necesidades da economía imperial europea foron as que cometeron un verdadeiro xenocidio cara a África negra. Canto aos beneficios mutuos do comercio, quero lembrar que os brancos soían pagar con 'baratijas de vidrio', alcool e armas de fogo defectuosas,
anque ben pensado, aínda hoxe non acabaron de captar o concepto de 'comercio xusto' nos intercambios norde-sul...

Mario disse...

Terei que meditar logo sobre a posibilidade de facer unha postaxe sobre música africana, aínda que os meus coñecementos vaian máis polo Norte (bereberes) e polos fillos (afroamericanos) e non poida facer moito máis que mentar a Fela Kuti.

Cesare: en ningún momento dixen que o filme fose unha marabilla, só que tiña partes que me emocionaron. En canto ao xeito de tratar a Illa, ti mesmo das as claves. Gorée é un símbolo, un símbolo dun proceso que, ao contrario que outras vergoñas humanas, non tivo un centro físico, senón que fica espallado entre cacerías, casas de escravos, navíos, e palizas nos campos de plantación, sumando toda a dor de desenraizamento e perda de conexión familiar.

Gorée é un centro referencial, e iso sobrevive a calquera tipo de revisionismos, pouco importa que alí se comerciase con sándalo, ou que a trata de escravos só ocupase unha milésima parte do seu tempo. Iso non borra a barbarie. (Polo demais eu non creo que Unesco regale subvencións sen facer comprobacións sobre a efectiva validez histórica do obxecto subvencionábel, aínda que todo é posíbel).

Tampouco introducín a dualidade racial branco/negro para atribuirlles características morais. Como a corrente principal do nacionalismo negro internacional non creo que "ser negro" sexa un feito biolóxico, senón social e persoal, unha escolla, un xeito de adherirse a unha comunidade.

Claro que houbo negros e árabes mesturados no comercio, e que "non todos" os cidadáns de paises europeos colaboraron na trata. Tamén houbo oficiais de ascendencia xudea no exército alemán. Pero, sendo claros, a clase capitalista sempre moldeou os seus intereses nas coordenadas varón/branco/heterosexual, aínda que personaxes como Thatcher/Colin Powell/Rajoy poidan aparecer como exemplos a contrario, en realidade seguiron traballando por ese mesmo ideal, antepoñendo os seus intereses persoais aos da súa comunidade. Do mesmo xeito eses colaboracionistas.
Que xa había escravitude nas tribos? Tamén en Rusia, pero sen esa perspectiva industrial, masiva e deslocalizadora.

O retorno a Gorée é un mito, sen dúbida, pero é un mito útil nunha perspectiva de solidariedade, solucións e futuro. O que ti propós non o é en absoluto, aínda que sexa tamén un mito. Coincido en que o filme non saca todo o que podería sacar do tema, pero tampouco existe esa exaltación magnífica. Se lembras a primeira parada, na que se deten absurdamente un bo cacho, é en Suiza, para recoller a un pianista branco.

Dedoscomavermes: moi agradecido por poñer unha nota de referencias persoais neste tema.

FraVernero: agradécese a última anotación, que aclara cousas e quita traballo.