O outro día veu alguén tomar un café e trouxo esta caixa de galletas dinamarquesas. Apesar dos meus esforzos non se acabaron de golpe a caixa anda por aí, na cociña. O caso é que había anos que non vía unha caixa desas e máis anos aínda que non andaba unha pola miña casa. Facendo memoria lembrei para que empregaba eu de pequeno esas caixas unha vez que se remataban as galletas.
No colexio, en plástica (tamén chamada "manualidades"), había todos os anos unha serie de opcións para presentar o traballo do trimestre. O de raiar un espello por detrás seducíame, pero para facelo tiña que transportalo case media hora a pé os días que tocase, por non falar de salvalo dos empurróns e a masificación da hora da entrada. Así que o do espello non o fixen nunca. As figuras de xeso aburrían moi axiña, non tiñan ningunha graza, e moito menos o de decoralas con esa cousa que chamaban betún de xudea (tan pouco orixinal como botarllo por riba e esfregalas cun pano). Facer debuxos nunha camiseta fíxeno algunha vez, pero as pinturas eran bastante caras.
Non, a miña manualidade estrela daqueles anos era decorar caixas de galletas dinamarquesas. Tratábase de coller unha caixa desas e irlle pegando distintos alimentos. Polo borde púñanse garabanzos, lentellas polo lado, graos de millo facendo algún deseño por arriba, e mesmo alpiste enchendo os ocos. Todo isto pegado con cola branca.
Ignoro se iso se facía nalgún colexio máis aparte de no meu, ou se foi unha idea macarrónica dalgunha profesora. Supoño que en calquera caso sería unha cousa de cidade, eu imaxino a historia como unha especie de imán para os ratos e outros bechos. Alén desa tiña outras eivas, como que a cola branca non aguantaba alá moi ben, e conforme se lle daba uso á caixa, ou sinxelamente deixando á gravidade facer o seu traballo, os grans máis gordos non tardaban en soltarse e caer (vocación na que lle seguían aos poucos o resto).
Agora decátome de que, alén de todo iso o pior é que aquelas caixas debían ser absolutamente espantosas. Mesmo así miña nai tivo unha perto de catro ou cinco anos no salón, e unha das miñas tías algo menos, pero tamén demasiado para o horríbel que era aquilo. Daquela parecíame o normal. Agora en cambio, danme ganas de falar de heroísmo familiar.












9 cadeas rotas:
son como moi victorianas, moi de época, ideas para Sissi emperatriz, :P
Nom sei se Danish, pero algo de Harmony si que vinha fazendo falta no ambiente. ;)
Ai que boas que estão essas danish cookies do Lidl!!! Eu de pequeno nom era mui manitas mais ou menos como agora, se nom contamos certas habilidades manuais das que melhor nom falar em foros para todos os públicos. Recordo umha vez que tentei regalar-lhe à minha mãe um borralheiro desses de cristal coberto de selos postais e papel de fieltro... nom lembro te-lo rematado e na casa da minha velhinha nom o vejo... assim que a seguro fracasei mais umha vez na minha teima artesanal. Eu era dos que escrevia na revista do cole e fazia versos às mães rimando vida com amiga :)
Todo o do Lidl está boísimo, que me dicides do chocolate con pasas? pregúntome que lle botarán e non sei se quero sabelo...;)
Eu non fixen caixas de legumes, pero si os xa míticos colares de macarróns, e tamén as figuras de xeso, os suxeitalibros de marquetería, etc. O único que fixen no cole que me pareceu divertido e práctico foi o tamén famoso circuito eléctrico, que na miña vida adulta traduciuse en reolver os pequenos problemas domésticos con enchufes, lámpadas, fusibles, etc.
Haw, haw, haw...
Lembro que as galletiñas danesas as comía moito nunha época moi, moi lonxana (no derradeiro ano que estiven en Inglaterra e nos 2 ou 3 primeiros que botei aquí). Daquela parecíanme unha delicia, a meirande das larpeiradas; agora, o meu cansino padal consumista ten pasado por dexeneracións de gula que farían que o menos cordo perdese a razón: 'dalkis' de chocolate branco, scones con manteiga, mermelada e clotted cream, mousses de chocolate con tona tan espesas como un tixolo, muffíns de mil sabores e especias, 'bocatas' de xelado italiano e biscoito, e outras monstrosidades da mesa de Trimalción ou dos banquetes de Lúculo.
As caixas non as empreguei nunca en manualidades, máis xa que falas de espellos, na escura e fumegante prehistoria de FraVernero (antes de ter uso de razón) lembro gravar para clase un deles por detrás. Dada a miña intense devoción relixiosa daquela (oh, vergoña!), a figura que gravei foi a Virxe Negra de Jasna Gora, un icono moi popular de Polonia (favorito de defunto papa). Aínda andará escondido por algún curruncho do faiado...
Benvidos Joao e Gustavo. A postaxe si que pretendía ter algo de distensión, aínda que a min a palabra harmonía non me acaba de gustar porque me evoca algún concepto destes que me sacan a miña parte violenta.
Gustavo, polo menos rimabas en asonante, que xa é máis do que poden dicir moit@s (incluso hoxe en día).
Raíña, que envexa o de saber de circuitos eléctricos, iso polo menos valía para algo.
FraVernero, has de recoñecer que o máis grave da túa anécdota non é a túa infancia cristiá, senón que mesmo nela fuches incapaz de escapar á vía culturalista (a Virxe Negra de Jasna Gora, mimá!!!). Lendo tanto era cuestión de tempo que abandonases a devoción.
eu tiña na casa -xa as lapei todas- unhas madalenas do lidl tamaño extra con bolberetiños de chocolate que estaban deliciosas.
Ese Lidl!!
Que recordos! polas galletas (aínda que na miña casa eran máis da caixa de Cuétara,que en nada podía competir coas galletas dinamarquesas) e polas manualidades. Servir non me serviron para nada, pero fixen unha chea desas cousas que despois acababan tiradas en calquera recanto da casa. Facer un debuxo rascando nun espello, as figuras de xeso,pegar legumes en diferente materiais...de todo. Lembro que o debuxo que fixera da Campaíña de Peter Pan con lentellas, sopa e arroz tivo un final terríbel como xantar dos ratos que había no trasteiro a aonde foi parar. Pero para qué nos mandarán facer todas esas cousas no colexio?
É só para dicir que iso de "plástica" chamouse nun tempo xa lonxano "pretecnolóxicas", unha cousa moi rara. Eu decateime moito tempo despois do que significaba o palabro.
Postar um comentário