Cine Clube Carlos Varela


Lin hai tempo nun blogue de consellos sobre blogues, que o máis importante non é se hai comentarios ou non, e nen sequera se te curras moito o contido. O máis importante dun blogue vén sendo que sirva de propaganda para ti ou para os teus colegas. A publicidade nun blogue ten que ser pura sutileza, porque non vas chegar é dicir: "O meu amigo Paco, que por certo é a hostia bendita e podería estar traballando nunha grande empresa de telefonía, materia na que é un experto, como demostra a súa traxectoría...". Así non, ten que ser máis do tipo: "Como Paco, un rapaz con quen casualmente tiven a sorte de traballar e que resultou ser un profesional moi competente....". Ben, nunca tiven a intención de facer bombo a ninguén coa cousa esta, sempre me considerei unha persoa bastante independente nese sentido. En calquera caso, se quixese facelo estaría a violar todas esas normas, porque esta publicidade é de todo menos sutil.
A Regueifa Plataforma e Ramiro Ledo acaban de poñer na rede gratuitamente o filme documental "Cine Clube Carlos Varela". Aí abaixo tedes unha ligazón que vos leva directamente a unha páxina onde poderedes descargalo en formato Divx ou ben velo en liña por Google Video. A obra é unha recopilación contextualizada das gravacións de Carlos Varela nos anos da chamada transición política, e o seu maior interese é a recuperación dunha memoria colectiva que nos foi arrebatada ou que ficou, polo seu propio carácter contracultural, espallada e dispersa durante anos. Para os que só vivimos esa época polas narracións familiares supón tamén a posibilidade de poñer imaxe a sucesos que xa sabiamos de memoria, como a brutal carga de Baldaio, ou as movilizacións contra a cota agraria. Unha das cousas que máis me sorprendeu nese sentido foi ver a inmensa cantidade de xente que se movilizaba, algo que nen a parte máis optimista da miña imaxinación conseguira evocar. Ben, iso e ver tractores coa bandeira da Unión Soviética, algo que nen sequera cría posíbel. Vendo as movilizacións agrarias da época pódese ter a sensación de que ás veces se os froitos non xermolan é porque alguén non sabe prantar nen aproveitar as choivas e non, como se nos ten dito tantas veces, porque a terra estea erma.
Ademais de todo iso tamén está a curiosidade de ver a moitos persoeiros cunha xuventude abraiante, e dicindo unhas cousas que seguramente hoxe non asinarían nen como fórmula poética. Supoño que non sabían que os estaban a gravar, ou será aquilo que ás veces aínda me di meu pai de xente nova e leña verde. Enfín, supoño que lle pode pasar a calquera (ou non).
Outra cousa curiosa (iso xa dentro das miñas teimas) é ver o salto evolutivo que dá o galego falado promulgado pola esquerda. Se hoxe domina o reintegracionismo, ou un galego normativo estricto, vemos que daquela a fórmula que se perseguía era a dun galego o máis popular posíbel, fechado e diferencial. Gheada e seseo por todas partes, para entendernos. Creo que a fórmula máis empregada para referirse ao noso país é Ghalisia.
En canto ao estilo síntome tentado a falar de Patricio Guzmán, e seguramente o estilo volo lembrará a moitos. Porén, aínda que estean innegábelmente no mesmo espírito de cinema documental do chileno, non creo que as gravacións de Carlos Varela correspondesen a un proxeto cinematográfico concreto, senón máis ben á necesidade de testemuñar puntualmente un proceso histórico. Se podemos ver hoxe o filme como un proxecto acabado, será grazas ao traballo de recuperación e organización de Ramiro Ledo, que polo que sei foi descomunal. Ademais, ese traballo é a mellor homenaxe que se lle podía facer a un home que estaba a piques de caer nun absoluto e inxusto esquecemento.
Por non deixar de mentar a Patricio Guzmán: "Un país sen cinema documental é como unha familia sen álbum de fotografías". Ramiro acaba de salvarnos estas como quen entra na casa en chamas a polas lembranzas familiares. E como son de todos e todas, ofrécenolas de balde, non deixedes de pasar a velas.

10 cadeas rotas:

cambote disse...

Alá me vou!
Aínda non as vin.É moi positivo non so por ser un album, é unha constatación, este tipo de cousas, do que é unha conciencia en común sobre algo, compartir unha visión e un obxectivo no social.

moucho branco disse...

Chamoume a atención o comezo do post porque xa teño alucinado lendo cousas sobre técnicas blogueiras... realmente hai tanta ciencia niso de escrever un blogue??

A Raíña Vermella disse...

Estou segura de que o documental de Ramiro acabarán por poñelo nas escolas, ou alomenos deberían, se a alguén lle interesara dar unha nova prespectiva desa farsa que foi a transición, no canto da visión almibarada e chupiguai de sempre. Tamén sei de mais de un a quen non lle viría mal verse, e sobre todo, escoitarse. Estatuto nunca mais, bases constitucionais, e tal.

A rapaza do arco disse...

Hai cousas que merece a pena publicitar,de maneira implícita ou descaradamente,e aínda que as fagan os colegas.
"Cine Clube Carlos Varela" ten un valor incalculábel como testemuña dun momento histórico non tan lonxano como a algúns lles poida parecer, e do que moita xente parece que se esqueceu, ou recorda con "pequenas lagoas". Unha pena, ese mal da amnesia selectiva.

Arale Norimaki disse...

Como dicía Francisco Ferrer, o proselitismo para según que cousas é ben positivo, e coido que CCCV encaixa á perfección nesa categoría de cousas. O filme é unha podente achega contra a predominante terxiversación da historia e todos eses silencios cobardes. Moi recomendable.

torredebabel disse...

Concordo con A rapaza do arco, hai cousas fabulosas e os medios de comunicación traballan cunha lóxica que moitas veces non inclue esas mesmas cousas. O blogomillo da luz todo o tempo a iso!

FraVernero disse...

Botarémoslle algo máis que un ollo...

Tiña que pasarme polo novo local do cineclube a conseguir unhas películas que me pediu o meu amigo David, que está en forte proceso de ideoloxización nas Illas Británicas a teor da súa militancia no SWP... a ver se lle dou conseguido parte das que me pediu...

Mario disse...

Moitas grazas a tod@s polos comentarios, espero que desfrutedes do documental, que vale moito a pena.
Cambote: xa me estás tardando en baixala.
Moucho: non o vas crer, pero si, non gardei aquela ligazón porque me pareceu unha soberana parvada, pero seica hai toda unha técnica ao respecto, o que non creo é que funcione.
Arqueira: contra a amnesia colectiva CCCV, e máis cousas das que xa iremos informando.
Raiña: ou a máis actual de Estatuto non..., ou a outra de: a autonomía que nos val é a que ten...
Arale: ese é o proselitismo que nos vai por aquí ;)
Torre de Babel: ao mellor ti xa a viras, pero tamén é un xeito de que chegue @s galeg@s de fóra (faille moita propaganda!)
FraVernero: SWP? Ben, mellor iso que nada, aínda que teñen as súas cousiñas (como todos, podiamos engadir), canto mal fixo Orwell por alí... ;)

Cesare disse...

Uf, pois parece que non coincidimos en moito, non... E se poñen este documental nas escolas, espero que sexa pra promover a sesta. A transición non foi chupiguai, pero presentar isto como unha visión obxectiva... uf!

Mario disse...

É benvida a súa discordancia, Cesare, aínda que sexa tarde. De todos xeitos en ningún momento se di na postaxe nada das escolas, e moito menos das visións obxectivas (a memoria dun colectivo nunca é obxectiva, por sorte). E moito menos direi eu que é un filme para ver un sábado pola noite con rosas de millo e as luces apagadas. O valor documental, de testemuña, de interese e de construción ou recuperación de historias non se lle pode negar.