Este cabalo tan curriño tocoulle á familia da Rapaza do Arco nunha festa do verán. O caso é que como non saben en que empregalo e ninguén se atreve a montalo está a vivir nunha especie de paraiso, onde non ten máis que facer que comer e durmir. Ben o merecía, o pobre, que seica viña con marcas de que o maltrataran.Durante semanas botamos a pensar un nome que lle acaese ben, e teimamos en que fose un nome de escritor, pero non dun escritor vivo. Non sei por que, pero pensar en poñerlle o nome dun escritor vivo a un cabalo parecía algo pouco respeituoso, supoño que dependendo do caso, sería pouco respeituoso para o escritor ou para o cabalo. O primeiro que se nos ocorreu de entre a nómina de escritores mortos foi Faulkner, que parece un nome ideal para un cabalo, sonoro, norteamericano e de temática rural. Impresionante, dan ganas de ter un cabalo só para chamarlle Faulkner.
O problema foi que ninguén da familia era capaz de pronunciar semellante cousa, así que decidimos acometer a máis difícil tarefa de cambialo polo nome dun escritor galego. Que nome de escritor galego xa finado lle pode acaer ben a un cabalo? Pois non saberiamos explicar por que, pero escollemos a Alexandre Cribeiro. Cribeiro foi un poeta da xeración das Festas Minervais que como escritor non se prodigou demasiado, aínda que tamén se adicou ao cinema e fixo unha carreira como xornalista moi comprometida co país (as imaxes da chegada de Castelao emitíronse grazas a el). Finou no ano 95 e algún tempo despois sacarían "A señardade no puño", un libro póstumo que para min é o mellor da súa produción, unha poesía sorprendentemente moderna, valente e comprometida, que o devolveu ao posto de poeta lido polos novos que non debera perder nunca.
Non sei que lle parecería a Cribeiro saber que hai un cabalo por aí trotando alegre co seu nome. Eu penso que lle había de facer ilusión.












17 cadeas rotas:
É que se eu tivese que poñer nome a un cavalo o pobre animal non se libraría de compartir nome co cavalo dalgún persoeiro da mitoloxía ou da fantasía epica... pero é que o meu frikismo está fora de control!, :D
un saúdo.
Ben, chamarlle Faulkner non deixa de ser máis que unha mostra dun outro tipo de frikismo, aínda que se a cor acompañase se cadra lle viñese ben "Sombragris" que era o cabalo de Gandalf (non sei como o traducirían na versión galega, supoño que igual).
pois eu non lle lin nada de cribeiro, pero como nome para cabalo gústame bastante. eu para poñer nomes aos animais non lle son tan erudita. tiven un gato unha vez e por nome puxémoslle setiembre polo temazo dos enemigos.a outra opción era chícharo- a palabra máis chistosa do galego- pero non triunfou. e sete quedoulle para sempre.
ata que o levou o coche.
saúdos!
Cousas desa pulsión dos gatos polo automovilismo. Setiembre por ser era un nome chulo, malo do acurtamento.
eu poríalle mister ed en homenaxe a aquel cabalo que falaba. cribeiro soa afouto e baril o que contrasta coa pinta do cabalo que parece un minchas. está ben
Penso eu unha cousa: é obrigatorio poñerlle nome a un cabalo? Refírome a se ten que constar nalgún rexistro da administración.
É que estiven pensando: que pasa se lle pos nome a un cabalo e ás dúas semanas decides que non che gusta e queres cambiarllo. Iso pódese facer?
Pero con todo: É iso ético? Fas iso porque é un cabalo pero se fose un fillo va que non llo facías? Sería un desprezo á súa identidade e individualidade?
Alguén sabe se hai equivalente galego á expresión "a caballo regalado..."? Non me soa, penso que aquí sempre lle miramos o dente a todo , así nos saia de graza, no fondo somos unha cultura inconformista ;). De todos xeitos nunca gostei de Mr Ed (e tampouco de Granxeiro último modelo, non sei a que lumbrera de TVG se lle ocorreu mercar esas series).
Carme: tampouco sei se é legal, supoño que si, desde o momento que tes que rexistralo por motivos de sanidade, etc..., e porque vacas e cans si que se rexistran.
Se fose un fillo si que llo faría, e nos dous casos seguindo a mesma regla: que o animal, humano ou non, non atenda aínda polo nome, porque sería o único caso no que lle producirías un conflicto de identidade. Por certo que casos de persoas ás que lle cambiaron o nome sei aínda máis que de animais. A min mesmo a miña familia aínda me chama polo segundo nome, o mesmo polo que me chamaba todo o mundo até os oito ou nove anos.
De todos xeitos o de nomear as cousas, bestas ou fillos, non deixa de ser un xeito de tomar propiedade sobre elas, unha forma de rexistralas legalmente e vinculalas ao teu dominio, como na Biblia cando Adán lles dá nome aos animais para ser o seu dono, ou como nos paises anglosaxóns cando a muller lle é imposto o apelido do seu home. Se cadra haxa algo pouco ético de base no feito de nomear, pero non nos imos chamar todos heiti ou anónimo.
Saúdos aos dous e benvidos.
PD: sobre nomes de vacas o famoso post de "O ollo da vaca":
http://oollodavaca.blogspot.com/2005/12/os-nomes-dos-parentes.html
Por fin. Pensei que nunca atoparía a oportunidade de entrar nesta blo de cultos e eruditos. E debíache a visita, inda que xa sabes que +dylan é a túa casa.
En xullo deste ano algún fillodeputa abandonou dúas cadelas recén destetadas nunha finca. A pesar das intencións, sobreviviron nun furado na terra, cubertas de carrachas e comendo até o salvado dunhas galiñas. Despois foron recollidas por unha parella que as bañaron e desparasitaron. Eu andaba á busca dunha cadeliña para a miña nova casa e enterado daquelas dúas palleiriñas aló fun. Cando cheguei xa deran unha delas, así que collín a que quedaba: negra, co morro, poutas e punta do rabo brancos e unhas manchas cor terra enriba dos olliños, nos beizos e nas poutas. Unha cadela grande.
Xa vai perdendo o medo (debeu levalas até no carné de identidade) e inda que non se atreve a saír, na casa é a dona e señora. Tamén comeza ladrar aos descoñecidos que se achegan á porta e o outro día que discutía eu cun paisano púxose no medio e pedíu un respecto amosándolle os dentes. Todo o mundo di que é moi guapa, que ten o pelo moi brilante e que é moi boa. Chámase Reina, así que eu chamaría ao cabalo Rei. Sen dubidalo. Sen medo ao qué dirán. O amor non coñece fronteiras.
Que grande honra é a túa visita, De la Highway, xa sabes que tes a túa casa tamén, sobre todo agora que está de portas abertas ;). Tampouco te creas tanto o de cultos e eruditos (ten gracia que o digas ti, unha enciclopedia viva sobre determinados temas).
O dos animais realmente é un problema, unha das cousas nas que o noso contorno cultural aínda non deu solucionado. Pola mesma vía que contas da cadela os meus pais adoptaron unha gatiña. Eles nunca foron de gatos, pero cando llela amosaron o estado era tan lamentábel, que até conseguiu conmover aos máis afoutos (meu pai). Agora téñena na casa, toda gordecha, e mesmo conseguiron que o can, un pastor enorme, a aceptase, aínda que ela non se fía moito. Non creo que saia tan defensora como a túa Reina, pero como dis o amor non coñece fronteiras e aos bechos tampouco se lles quere polo que che dean a cambio. Un saúdo, espero verte máis veces por aquí.
Eu coñecín a Cribeiro (como contei no meu blog) e as veces - poucas - que falei con el pareceume un tipo caralludo.
Eu non tiven a sorte de coñecelo, pero polo que lle lin si que parecía un tipo caralludo, e o de facerse responsábel da emisión da chegada dos restos de Castelao é como para facerlle un monumento, a el e á locutora, que non sei quen sería, (creo que o souben nalgún momento). E como poeta xa dixen A señardade do puño é un poemario sorprendente e moi fermoso. Non coñecía o teu blog, pasareime máis veces por aí. Un saúdo.
A locutora era Tareixa Navaza, unha das clásicas da tv, dende os lonxanos tempos de "Panorama de Galicia".
A historia está moi ben contada creo que no blog "galego de seu".
Pero que cabalo tan bonito! Eu sempre quixen ter un!
Gustame o nome de Cribeiro para o cabalo.Un saudo
Grazas, bouzafría, é importante non esquecer os nomes, sobretodo o de quen se portou tan valentemente coma ela. A min o do vídeo contáranmo hai anos, antes de que inventasen o youtube, pero é certo o de que unha imaxe vale máis que mil palabras, cando o vin hai uns meses fiquei frío da impresión. Realmente toda homenaxe é pouca para Tareixa, polo valor e pola honestidade coa que narra un momento tan importante da nosa historia.
Natyara, alégrome de que gostes, se siguen sen saber que facer con el e prometes coidalo con xeito aínda podemos facer un amaño ;)
Encantariame poder coidalo, o malo e que vivo nun 3º, nun apartamento, asi que moito me temo que non poderá ser..
Moitos beixos e moita felicidade para 2008 da familia pelacha!
Postar um comentário