Os Poemas Galegos

Dentro do anecdotario lorquiano non pode deixar de citarse a súa incursión na nosa literatura através dos Seis Poemas Galegos. Os poemas galegos envolven dúas problemáticas distintas. En primeiro lugar a que atinxe a súa autoría, é dicir que ninguén sabe de certo que parte provén do propio Lorca e en que medida participaron Guerra Da Cal e Blanco Amor. Supostamente o primeiro actuou como “dicionario vivinte” e o segundo como corretor do resultado, porén estes dous déronlle tantas voltas á historia e caeron en tantas contradicións que ninguén pode saber de certo como foi o asunto. No trasfondo da historia está saber se Lorca coñecía o idioma galego e decidiu facer uso del ou se os outros implicados turraron por el para que o empregase, amañando uns resultados non demasiado profesionais. Lembro vagamente vivir xa esta polémica cando estaba no ensino secundario, medio mesturada con datos biográficos que rozaban a crónica rosa. Algunha das miñas mestras mesmo chegou a explicar moi gráficamente que Lorca compuxera eses poemas con alguén sentado nos xeonllos corrixíndollos, unha imaxe que me turbou algo aos dezasete anos e que supoño que non sería máis que unha poética fabulación.
En calquera caso desde a súa publicación até hoxe os poemas tiveron unha presenza na cultura galega totalmente desmedida. Podemos dicir que Lorca foi o poeta que mellor rentabilizou a súa obra en galego, xa que con apenas seis poemas entrou en case todas as antoloxías que se fixeron desde aquela, moitas veces dun xeito masivo, con catro ou máis deses poemas. Lorca fecha o recital antolóxico de poesía galega que Blanco Amor organiza en Buenos Aires no ano 56, aparecendo como o último grande poeta da nosa literatura naquela altura. Mesmo nos últimos dez anos foi musicado por varios artistas do mundo do folc, Carlos Núñez até fixo cantar os seus versos a Jackson Browne nun galego macarrónico, se cadra pensando que era un xeito máis de internacionalizar a cultura galega.
Entramos así de cheo na segunda problemática, que é o valor real da obra galega de Lorca. É sabido que as literaturas minorizadas e agredidas tentan potenciar o seu sistema literario através de diversos medios, como poden ser as traducións, os préstamos e as revalorizacións. Lorca sería un préstamo, unha figura da literatura internacional que se relaciona cunha literatura menor que está na procura desesperada dun certo respeito, ou por dicilo tecnicamente, dunha certa autonomía. O uso que se fai desa aportación anecdótica excede o valor da mesma. Isto non quere dicir que os poemas galegos non estean a altura, sinxelamente non pode ser que Lorca, escribindo seis poemas nunha lingua na que era un absoluto neófito, teña unha maior repercusión no sistema que outros autores que deixaron varios libros na súa propia lingua.
O uso de Lorca nese sentido foi, e aínda segue sendo nalgúns campos, absolutamente demencial. Porén, para min o feito concreto paréceme un acto fermoso. Pouco importa a entidade da participación de Guerra Da Cal ou Blanco Amor, desde o momento no que o libro sae co consentimento de Lorca. Inicialmente ía ser editado no Día da Patria de 1935, o andaluz tiña que ser consciente, dalgún xeito, do uso propagandístico que subxacía en todo aquilo, e mesmo así colabora de boa fe, bota unha mao para que o proxeto dos galeguistas da época tome forma, para darlles unha fachenda coa que contestar aos reaccionarios e valleinclanescos opositores. O uso posterior da obra era algo que escapaba ao control de ninguén e tamén vén dictada pola realidade histórica da disgregación e aniquilamento do sistema literario galego en 1936.
Hoxe en día podemos opoñer unha perspectiva nova a todo aquilo. Alén do uso que se fixo desde o folc, bastante oportunista e de cara a un escaparate internacional, a presenza dos seis poemas nas antoloxías e nas influencias da literatura galega retoma o carácter de anécdota que non debeu perder en ningún momento. Podemos velo, con simpatía, como a mao dun amigo nunha situación difícil, ou aínda mellor, como unha chiscadela de complicidade no momento apropiado.

Para máis e mellor información sobre a autoría e circunstancias dos Seis Poemas Galegos, este extenso e-book editado polo Consello da Cultura Galega e descargábel de balde. A foto de Lorca, feita por Blanco-Amor, está tomada de aí.

5 cadeas rotas:

Anônimo disse...

De poesía non sei nada, por adiantado, pero coñecía por suposto os seus poemas galegos de Lorca e sen sabe valorar a súa calidade poéticamente falando gústanme bastante. Eu tamén me temo que a imaxe do traductor nos xeonllos sería un tanto fabulada...

A Raíña Vermella disse...

Coido que hai exemplos de "revalorizacións" moito máis flagrantes que a de Lorca dentro da literatura galega (e aquí xa cada cal que pense no seu favorito)aínda que tamén estou dacordo en que a cousa non pasa de anécdota. De tódolos xeitos, non só as literaturas minorizadas botan man deste tipo de recursos. Paréceme moito máis inmoderado como se exalta a relación de Heminway con España, por exemplo, sen obra literaria en español sequera. E aínda por riba, ía a Navarra. En fin.
P.D: a min o da escena romántico-traductoril mólame, aínda que sexa medio inventada:)

Mario disse...

Eu tamén gosto dos poemas galegos, non pretendía dicir o contrario, o que pasa é que dentro do sistema literario se lles dá un valor que non é xusto con outras obras. Pregúntome porque saen en tantas antoloxías e se musican tanto cando hai outros poetas que cunha obra máis extensa (e se cadra mellor) que son iñorados. Pensaría o Carlos Núñez en musicar poemas de Alexandre Cribeiro? Posibelmente nen saiba quen é. O valor que se lle dá a Lorca non deixa de ser, indirectamente, por ser español.
E si, todas as literaturas, saibo se cadra a francesa xogan con esa sobrevalorización. E non só a nivel literario, senón cultural. Seica en Nafarroa hai algún bar que ten unha placa onde pon "Hemingway nunca estuvo aquí". Imaxinade.
PD: a escena do traductor sería como para psicoanalizar a quen se lle ocorreu, pero é certo que ten o seu encanto.

eue disse...

A min sempre me gustaron ben os Seis poemas, até a emoción mesmo. Non podo ver chover no verán na Quintana, por exemplo, sen me acordar o de "Chove en Santiago, meu doce amor". Sempre me gustou moito Lorca, tamén. Hai que tomalo como o poeta internacional que é, que se inspirou en culturas apátridas, como a xitana, que sempre lles deu voz aos oprimidos, que é onde hai que buscar a inspiración que o fixo escribir en galego. Os galegos somos coma os xitanos, por iso nos cantou.

Ocórrese outra razón, que nunca mirei por aí, e que pensei o outro día: Os Seis poemas son a débeda que F. G. Lorca lle paga á cultura galega por copiar, no concepto e tamén moito na forma, Cantares Gallegos para escribir o Romancero Gitano.

Mario disse...

Si que pode ser, e de feito el e Blanco Amor saben un do outro pola coincidencia de "Romances Galegos" do ourensán e o Romanceiro de Lorca, que saen na mesma época. E no das culturas apátridas esqueces os negros de Poeta en "Nova Iorque". Negros, xitanos e galegos como culturas apátridas, errantes, expulsadas e marxinalizadas. Eu creo que a chave pode vir por aí. Un saúdo, meu.