Infinito #9

Lendo o último post da Raíña Vermella, sobre o famoso gato de Schrödinger lembrei un conto que lin hai anos no que se abordaba esa mesma teoría. Naquela época todo o que lía era da biblioteca ou prestado. Os libros dos que gostaba íaos apuntando nunha libreta coa intención de mercalos algún día, cando a miña economía mo permitise. Creo que ese “algún día” non chegou aínda e comezo a pensar se chegará algunha vez, e mesmo se chega, se dará para tanto libro como apuntei naqueles anos de lector frenético. Merquei algúns, sobre todo os de poesía, pero ao contrario do que me pasa con esta, xeralmente non releo a prosa e non sinto esa necesidade de acceso inmediato cara a ela. Hai quen di que o verdadeiro pracer de ler e reler anos despois. Coa prosa non sei se chegarei a sabelo nunca.
Así, que non teño a completa certeza nen tempo de ir á biblioteca a procurala, pero creo que era Oralmente pola boca de Cid Cabido. Sexa ou non, lémbroo con moito agrado como un bo libro, aínda que se cadra fallase un pouco na tentativa de facer literatura erótica en canto a cohesión duns relatos e outros. Concretamente o conto do que falo non tiña moito de erótico, titulábase “Infinito #9” ou algo así, e como parte da trama explicaba unha teoría desenvolta a partir da do gato. Ignoro completamente se a teoría era do propio autor, aínda que supoño que estaría baseado en construcións científicas ou filosóficas. Se a teoría é do mesmo Cid Cabido, recoñezo que a miña admiración por el aumentará enteiros.
Segundo a teoría de Schrödinger o gato que está na caixa, até que a abrimos e observamos non está nen vivo nen morto nen todo o contrario, sinxelamente está nunha especie de limbo ou de non-ser. Supoño que imaxinaredes as implicacións que ten isto e todo o que contribuíu, xunto coa relatividade, á construción das bases do pensamento posmoderno actual. Pois ben, no conto explicábase que ante esa situación, teñen que existir simultaneamente dous universos paralelos: un universo no que o gato está vivo e outro no que o gato está morto. Se eses dous universos paralelos son posíbeis podemos pensar que tamén existen universos paralelos que recollen todas as variacións posíbeis da realidade. Como imaxinaredes eses universos serían infinitos, aínda que só fose virtualmente, e neles a nosa existencia pasaría por todos os estados posíbeis, co conseguinte impacto no desenvolvemento do futuro. As nosas vidas repítense noutros mundos con pequenas ou enormes variacións, desde a cor dos cordóns dos nosos zapatos, até as grandes decisións das nosas vidas. E non só iso. Habería un mundo paralelo onde Hitler gañou a guerra, outro no que o Imperio de Alexandre perviviría até hoxe, outro no que os Estados Unidos son invadidos por Iraq, ou outro no que o ser humano desenvolvería a capacidade de voar. Todos eses universos estarían acontecendo simultaneamente aínda que nós só teñamos consciencia deste. As posibilidades son infinitas e lévannos a varias ideas interesantes: unha delas, a de que cada persoa é todas as persoas, é dicir que nun universo ou noutro todos nós (ou os nosos dobres) pasamos polas distintas experiencias e posibilidades que tería a existencia humana. Outra, da que máis gosto, que toda a creación literaria do mundo sería unha especie de fiestra a eses outros mundos posíbeis, que estarían acontecendo nalgunha outra dimensión. Iso recupera un pouco a noción rimbaldiana do creador literario como “as cartas do vidente”, é dicir como un artefacto capaz de poñer en contacto ao ser humano con outro mundos.
Non sei se é posíbel construír esta teoría partindo de Schrödinger dun xeito factíbel do ponto de vista da física cuántica sen caer demasiado de cheo na filosofía. En calquera caso na idea da ciencia contemporánea estes campos, a medio camiño ou entrelazados coa filosofía, serían os máis privilexiados, e o certo é que atopar unha idea que dea corpo aos produtos da imaxinación humana non deixa de ser absolutamente fascinante.
Por certo, podedes descargar a obra completa de Rimbaud traducida ao español aquí de balde (a “Carta do Vidente” está no volume "Iluminaciones").

9 cadeas rotas:

A Raíña Vermella disse...

Marabilloso. Ése é un dos posibles resultados da Relatividade e do principio de Incertidume. Xa que nos limitamos a enunciar unha posibilidade, non descartamos que noutro punto do espazo-tempo se dea exactamente a oposta. Ou a mesma cunha variación infinitesimal. Nestas distancias cósmicas entre o átomo e a galaxia, a ciencia volve a atoparse coa filosofía:)

Anônimo disse...

Nun universo paralelo hai seres capaces de empregar a realidade virtual dun xeito diferente. Os seus corpos modificados por medio da biotecnoloxía son capaces de mergullarse no ciberespazo e dese xeito recabar información. Dese xeito topei eu con esta reflexión túa. Estou comezando unha viaxe polo ciberespazo, teño que ocuparme dun asunto que me foi encomendado.
Se queres podes seguila por medio do meu blog.
Saudos.

Anônimo disse...

Gustame moito isto dos post-dominó sobretodo cando se mesturan temas tan apetitosos como relatividade, literatura e filosofía.
Nunha charla de Wagensberg en Barcelona este arremeteu contra a endogamia das facultades de ciencias e letras e dicía que o contacto entre físicos e filósofos era fundamental para que ambos sectores se enriqueceran. A súa proposta era xuntar a cafetería das dúas facultades, non é mal comezo para que eses investigadores se atopen na dimensión na que só se pode crer que hai un gato dentro da caixa...

Anônimo disse...

Ai, a cuántica. Unha partícula que viaxa, e que é e non é, e so cando nos atrevemos a medila, a establecer algún filtro entre ela e a nosa sensibilidade, pode plasmarse dun xeito ou doutro. E mentres é as dúas cousas a un tempo.
Eso non fala de mundos paralelos -na miña opinión- fala dunha escala microscópica tal que as cousas cambian, non son do xeito no que o noso cerebriño normalmente procesa. O dos mundos paralelos onde nós facemos cousas distintas das que somos neste momento conscientes de estar facendo me parece irreal. A incerteza refírese a este único mundo. O ser inconcreto dunha partícula subatómica é tamén moi deste mundo, pero deste mundo que non sempre comprendemos.
Se o pensamento posmoderno lle debe algo ó gato pois será porque plantexa os límites dos noso coñecemento, uns límites para poder pensar determinadas cousas, cousas que realmente comprobamos que funcionan dun xeito que so podemos pensar como paradoxal.
Ou así se me figura.

moucho_branco disse...

A min é que todo isto dos gatos, as caixas, e os tipos que fan experimentos sádicos para enchufar co roio socrático resúltame bstante curioso pero descoñecido... é que son de letras...

Mario disse...

Raíña: obrigado, entre a ciencia e filosofía trataremos de andar, as dúas sexa unha afección máis e non deixe de ser a literatura o que máis me gorente.
Pastor eléctrico: Benvido e parabéns polo teu blog, que está moi currado, seguirei as túas andanzas como guardador de rabaños eléctricos. Habemonos topar máis veces, o infinito é un pano de man.
Arale: eu votaría a favor de que se comparta cafetaría, creo que as visións que se nos dan nas distintas disciplinas son limitadas e aínda sen ter por que ser "profesionais de todo" deberamos saber das que teñen outras disciplinas.
Cambote: sobra dicir que non son profesional da física cuántica, de todos xeitos no pensamento posmoderno existe un rexeitamento ao obxectivismo unívoco que eu vexo moi relacionado con isto, aínda que creo que foi un pouco malinterpretado por parte dalgúns teóricos. (Eu non confundiría "un outro obxectivismo" ou un obxectivismo reconstruído coa súa ausencia absoluta). O dos mundos paralelos paréceme unha idea seductora, aínda que se cadra non sexa máis que o primeiro mito antropocéntrico dun feito que, como ti dis, o ser humano non é capaz de procesar.
Moucho: creo que Schrodinger non matou ningún gato no mundo real, que se saiba, aínda que é sospeitoso que escollese ese e non outro animal máis de laboratorio, como un rato. Seguro que lles tiña algo de teima. PD: ser de letras "estorba pero non impide" ;)

maurodelito disse...

o tema do 'real' é moi interesante. baudrillard e lyotard, malia ser uns nihilistas, teñen dito cousas lúcidas sobre o tema do "asasinato do real" na era posmoderna por parte do poder e a través a tecnoloxía e os mass media. Nese sentido, o filme matrix non vai descamiñado. no fondo, as teorías posmodernas (e todas as teorías) habería que utilizalas como caixas de ferramentas que axuden a construír algo...liberador. cos pés asentados na materialidade do real e coa cabeza formando rizoma coa Multitude. boeno, algo así...

A Raíña Vermella disse...
Esta postagem foi removida pelo administrador do blog.
Mario disse...

Non podo estar máis conforme contigo, maurodelito, o que pasa é que moitas desas teorías susténtanse precisamente na imposibilidade de empregalas para algo emancipador sen traicionalas. Pero claro, que de todo se pode aproveitar algo. No post do libro de Rebeca Baceiredo o cambote deixou un enlace moi interesante sobre a posmodernidade. Procúrao nos arquivos. Unha aperta.